Vilanova de Arousa
Concello da comarca do Salnés situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia de Pontevedra. Limita ao N cos concellos de Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés) e Caldas de Reis (comarca de Caldas), ao S cos de Cambados, Ribadumia e Meis (O Salnés), ao L con Portas (Caldas), e ao O coa ría de Arousa. Abrangue unha extensión de 33,7 km 2 cunha poboación de 10.333 (2001) distribuída nas parroquias de András, Baión, Caleiro, Deiro, Tremoedo e Vilanova de Arousa. A súa capital é a vila de Vilanova de Arousa (42° 33’ ’54’’ N - 8° 49’ 38’’ O), situada na parroquia homónima e distante de Pontevedra 28 km. Está adscrito ao partido xudicial de Cambados.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, Vilanova de Arousa sitúase no val do Salnés, unha área de terreos de escasa altitude maioritariamente granítica. As maiores altitudes atópanse na parte setentrional, no monte Lobeira (290 m), un pequeno resalte granítico que se corresponde cunha área de maior dureza litolóxica. O resto do concello está formado por pequenas ondulacións moi pouco marcadas. A costa é baixa, con predominio dos areais e praias, con algunhas formacións en frecha ou barra, especialmente na ponte que une Vilanova de Arousa coa Illa de Arousa. Tamén hai algunhas lameiras e áreas de marisma preto da capital municipal. O concello caracterízase pola benignidade xeral do clima, de tipo oceánico con indicios de aridez estival, aínda que non demasiado marcados. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 14°C, con invernos moi suaves (10°C) e veráns frescos (20°C), cunha oscilación pouco marcada. As precipitacións son considerables (1.200-1.300 mm) e concentradas nos meses do inverno. As xeadas son inapreciables.
Xeografía humana
O concello tivo unha evolución positiva ao longo do s XX, agás nos derradeiros anos deste nos que se aprecia un esgotamento dos recursos demográficos e unha perda de poboación a causa do crecemento vexetativo de signo negativo. En 1900, a poboación era de 6.817 h, cun crecemento constante ata as épocas actuais. A inmigración recibida e o elevado crecemento vexetativo fixo que os efectivos crecesen de forma considerable: 8.037 h (1920), 8.614 h (1930), 9.990 h (1940), 12.163 h (1960) e 14.979 h (1981). Desde entón, a poboación deixou de medrar, para descender levemente e notarse unha recuperación a finais da década: 14.816 h (1991) e 15.198 h (1996). Hai que ter en conta que en 1997, A Illa de Arousa converteuse en concello independente, polo que se reduciu de forma notable o número de efectivos en Vilanova de Arousa (en 1996 contabilizaba 10.431 h). Deste xeito en 2001 contaba con 10.333 h e pasou en 2007 a 10.638 h, o que supón un aumento do 2,95%. Os maiores de 65 anos supoñen o 19,4% da poboación fronte ao 18,2% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 62,4%. O crecemento é negativo -2,1‰ (2006) debido á alta mortalidade (11,1‰); a natalidade é do 9‰. Por sexos dominan as mulleres (51,57%).
Xeografía económica
A taxa de ocupación é do 55,5% (65,9% a masculina e 45,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,7% (59,1% a masculina e 37,3% a feminina); a taxa de paro é do 14% (10,4% a masculina e 18,7% a feminina). O sector primario (19,8% dos activos) está ben representado pola actividade pesqueira e pola agricultura vitícola. A primeira delas xera unha boa fonte de emprego no concello (13,5% do total dos activos), no porto de Vilanova, composto por pequenas embarcacións que se dedican, sobre todo, á pesca de baixura. Destaca o marisqueo a pé (ostra, mexillón, ameixa, berberecho e outras especies). No eido da agricultura, destaca pola produción vitícola baixo a Denominación Rías Baixas na subzona do Val do Salnés. Conta cun total de 320 ha plantadas. No sector secundario (o 40,1% do emprego), Vilanova cobra importancia tanto na construción (18,6%) coma na industria (21,5%). Así, as principais empresas industriais do concello sitúanse no ramo da produción vitícola e as conserveiras. O terciario (40,1%) desenvólvese sobre todo na área comercial coas empresas de actividades por xunto de alimentación (peixes, carnes, viños). Así mesmo está en auxe a hostalaría por localizarse o concello nunha importante área turística no verán. Os servizos públicos tamén medraron en importancia nos últimos anos. As principais estradas do concello son a N-640, no seu tramo Caldas de Reis-Vilagarcía de Arousa, e a PO-550 e PO-531, así como outras menores como a que comunica o concello coa Illa de Arousa.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos arqueolóxicos atopados, como os machados da Idade do Bronce e unhas moedas da época romana. No s VII fundouse o mosteiro de San Cibrán de Cálogo. A vila foi destruída polas incursións normandas da Idade Media. No castelo de Lobeira tiveron lugar as loitas entre a Raíña Urraca I e o arcebispo Diego Xelmírez. En 1175 entregouse o castelo á mitra compostelá. Posteriormente, a fortaleza foi destruída durante as Guerras Irmandiñas. A vida da vila sempre estivo ligada ao mar, xa no s XVI abastecía de ostras e peixes a Coroa de Castela. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integraban o concello de Vilanova de Arousa pertenceron ás xurisdicións de San Tomé do Mar, señorío do marqués de Monte Sacro; Vilanova de Arousa, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, ademais do couto redondo da Illa de Arousa, rexido polo mosteiro de San Martiño Pinario. Coa formación dos primeiros concellos ao abeiro da Constitución de 1812 xurdiron os de Baión, Vilanova e A Illa de Arousa. En 1835 creouse o de Vilanova de Arousa. En 1843 integrouse a parroquia de András, que se segregou do concello de Vilaxoán, e en 1855 incorporouse a parroquia de Deiro, segregada de Cambados. En 1997 a parroquia da Illa de Arousa segregouse para formar un concello propio.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, destacan as igrexas de San Xoán de Baión, San Cibrán de Vilanova de Arousa e Santa María de Caleiro, as torres do campanario do mosteiro de San Cibrán de Cálogo e as capelas da Encarnación e Santo Amaro. Na arquitectura civil destacan a torre de Miranda (BIC, 1995), os pazos de Baión, do Cuadrante (BIC, 1976), da Rúa Nova (BIC, 1976), o do Cabido e a Casa-Museo Ramón del Valle Inclán. Entre as festas que se celebran no concello destacan as chamadas Sonatas de Verán, as festas de Santo Isidro Labrador en Caleiro, do San Xoán Fogastas e de San Simón en Baión, a de Santo Amaro e o Corpus Christi en Vilanova de Arousa, ademais da Romaría Internacional e as festas gastronómicas do Mexillón e do Berberecho.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Salnés, O |
| Extensión | 33 Km2 |
| Poboación Total | 10638 h |
| Poboación Homes | 5152 h |
| Poboación Mulleres | 5486 h |
| Densidade de poboación | 322.36 h/Km2 |