Vinte e tres de febreiro

Vinte e tres de febreiro

Rebelión militar que tivo lugar en España o 23 de febreiro de 1981. Parece que a principios de 1980 se iniciou o proceso conspiratorio que, co apoio moral e material da ultradereita civil, tivo como cabezas visibles os xenerais Jaime Milans del Bosch e Alfonso Armada, e como brazo executor o tenente coronel da Garda Civil Antonio Tejero Molina. Este, a tarde do 23 de febreiro, ocupou violentamente con douscentos gardas civís o Congreso de los Diputados, reunido para investir como presidente do goberno a Leopoldo Calvo Sotelo, e secuestrou os parlamentarios e o executivo, mentres que Milans del Bosch proclamaba o estado de excepción na III Rexión Militar e ocupou as rúas de València con tanques. Durante a noite, a actitude do Rei Xoán Carlos I a prol da legalidade constitucional impediu a extensión do movemento ao resto do exército. Despois de confusas negociacións, contra o mediodía do 24 de febreiro, os rebeldes desistiron en Madrid e València, foron arrestados, e deputados e goberno recobraron a liberdade. Vinte e catro horas despois do intento de golpe de estado houbo unha manifestación en Madrid baixo o lema “Pola liberdade, a democracia e a Constitución”. Os golpistas foron xulgados e condenados a distintas penas.

Palabras veciñas

Vinseiro | Vinson, monte | vinte | Vinte e tres de febreiro | vintén | vintena | Vintil