visigodo -da

visigodo -da

(< lat tardíoVisigŏthus)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos visigodos.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo visigodo.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo xermánico do grupo oriental estreitamente relacionado co ostrogodo. Establecidos en Escitia, preto do Mar Negro, na primeira metade do s IV, o seu rei foi Vidigoia. Pouco tempo despois foron sometidos polos ostrogodos. A invasión dos hunos desprazounos cara ao O e ao S. Foron evanxelizados a mediados do s IV por Ulfila, quen traduciu a maior parte da Biblia á lingua gótica. En 376 atravesaron o Danubio e penetraron no Imperio Romano baixo o liderado de Fritixerno que derrotou e matou o Emperador Valente na Batalla de Adrianópolis (378). Anteriormente, e por imposición dese mesmo emperador, adheríronse á herexía ariana. En 396, baixo as ordes de Alarico I atravesaron e devastaron Macedonia e Tesalia, ademais de tomar Atenas, Corinto e Esparta. Para afastalos, Arcadio, emperador de Oriente, autorizou en 399 que se establecesen como federados en Iliria. En 401 invadiron Istria, tomaron Aquileia e en 410 Alarico I saqueou Roma. Baixo as ordes do seu sucesor Ataúlfo, os visigodos retrocederon cara ao N, atravesaron os Alpes en 412 e espalláronse por Provenza e Aquitania. A comezos de 416 o Rei Valia pactou con Constancio e por este pacto combateu contra os bárbaros que ocupaban Hispania occidental e meridional e, como premio, foi establecido en Aquitania en 418 con capital en Toulouse. A chegada ao trono de Xesaleico (507-510), sucesor de Alarico II, obrigou a Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos, a defender os dereitos do seu neto Amalarico, fillo de Alarico II. Nesa época o xeneral ostrogodo Teudis recibiu o mando superior, mentres que o poder civil se exercía a través de funcionarios romanos. Un ataque dos francos contra Amalarico (531) obrigouno a deixar Narbona e a trasladarse a Barcelona, onde morreu asasinado. O xeneral ostrogodo Teudis proclamouse rei e comezou o chamado intermedio ostrogodo. O asasinato de Akhila II en 554 permitiu que Atanaxildo se proclamase rei (554-567), aínda que tivo que ceder aos bizantinos unha ampla zona costeira desde o Júcar ata o Algarve. Á súa morte abriuse un período duns meses de interregno ata que Liuva, duque da Septimania ou Narbonense, se proclamou rei (Liuva I). Cara ao 568 asociou o goberno ao seu irmán Leovixildo, duque de Toledo: o primeiro rexía a Septimania, a Tarraconense e o que quedaba da Cartaxinense marítima (Sagunto e València); e o segundo facíao no resto do dominio visigodo. Desde a morte de Liuva I en 573, Leovixildo foi o único rei e estableceu a nova capital en Toledo, ademais de acabar co estado suevo (584-585). O seu fillo Recaredo I converteuse ao catolicismo (589), pero en tempos do seu fillo Liuva II houbo unha reacción proariana, representada por Viterico, que rematou co seu asasinato en 609. Sisebuto (612-621) loitou contra os bizantinos aos que illou no Algarve, reduto eliminado por Suintila en 624. Durante o reinado de Sisnando celebrouse o IV Concilio de Toledo (633) no que se decretou a unificación litúrxica, tomando como base os usos da Tarraconense. Recesvinto, asociado ao trono polo seu pai Khindasvinto desde 649, gobernou en solitario a partir do ano 653, e distinguiuse polas súas tendencias uniformizadoras. Promulgou o Liber iudiciorum, que non varía moito con respecto ao dereito hispanorromano, e impúxoo con éxito a todos os seus súbditos. Coa morte de Vitiza a comezos de 710, o reino quedou dividido en dúas partes: unha gobernada por Akhila II, probablemente fillo de Vitiza, e a outra por Rodrigo, duque da Bética, que pronto se apoderou de Toledo. A petición de auxilio que Akhila II lles fixo aos sarracenos provocou o inicio da invasión musulmá en 711. Os musulmáns apoderáronse do territorio do duque Rodrigo e en 720 da Septimania, onde debeu morrer o derradeiro rei visigodo, Ardón.

  4. arte visigoda [ARTE]

    Arte desenvolvida baixo o dominio político dos visigodos, particularmente durante o Reino de Toledo. Entre os ss V e VI, o mobiliario tivo características xermánicas, pero as outras artes seguiron o desenvolvemento das formas paleocristiás hispánicas. Na etapa ariana coexistiron durante todo o s VI unha toréutica ben caracterizada e a arquitectura paleocristiá de tradición mediterránea (basílica de Segóbriga). A unidade demográfica (Leovixildo) e a confesional (Recaredo I) posibilitaron o desenvolvemento de formas áulicas de tradición hispanorromana, coñecidas tamén como arte hispanovisigoda. Despois de Leovixildo, a irradiación da arte áulica de Toledo chegou ata a periferia do reino, pero moi debilmente, polo Oriente a Tarraconense e a Septimania, e polo Occidente ata a Gallaecia sueva sometida. Consérvanse algunhas igrexas da segunda metade do s VII (San Juan de Baños, São João de Nazaré, Santa María de Quintanilla de las Viñas, Santa Comba de Bande, San Pedro de la Mata, San Pedro de la Nave), a cripta de San Antolín na catedral de Palencia, e algúns capiteis e impostas decorados dos que destacan os de San Pedro de la Nave e Santa María de Quintanilla de las Viñas. A arte mobiliaria enriqueceuse con influencias bizantinas (fibelas liriformes) e coa importación de obxectos de suposta orixe copta, sedas de Bizancio, marfís, manuscritos e outros. Os obradoiros cortesáns de ourivaría fabricaban coroas e cruces, como as dos tesouros de Guarrazar e de Torredonjimeno. En Galicia, ademais de Santa Comba de Bande, destacan o muro cun arco do templo de San Xoán de Panxón (Nigrán), os capiteis de San Salvador de Setecoros (Valga), Santa María de Temes (Carballedo) e os relevos de Santiago de Saamasas (Lugo).

Palabras veciñas

visíbel | visibilidade | visible | visigodo -da | visigótico -ca | visión | visionario -ria