vitamina

vitamina

(

s f [BIOQ]

Substancia orgánica necesaria en pequenas cantidades para o mantemento das funcións metabólicas dos organismos. Os animais superiores non teñen a capacidade para sintetizalas, polo que teñen que obtelas de plantas, animais ou microorganismos que forman parte da súa dieta, ou de microorganismos que se atopan dentro do tubo dixestivo. A deficiencia total ou parcial dunha vitamina pode provocar enfermidades por carencia (avitaminose). O concepto de vitamina foi introducido polo bioquímico C. Funk en 1912, ao illar a tiamina ou vitamina B1. Clasifícanse pola súa solubilidade en hidrosolubles, que inclúen as vitaminas do complexo B e o ácido ascórbico, cuxa función bioquímica é a de coenzimas ou de precursores de coenzimas de diversas reaccións enzimáticas; e liposolubles, que inclúen a vitamina A, D, E e K. Estas vitaminas actúan, grazas á súa liposolubilidade, en diversas membranas celulares, afectando incluso á súa permeabilidade e modificando os procesos de transporte a través delas. Os grupos funcionais presentes nestas vitaminas posibilitan a súa acción como axentes de oxidación-redución (vitaminas A, E e K), como coenzimas ou activadores enzimáticos (vitaminas A, D e K) ou como inhibidores enzimáticos (vitamina E). Por outra banda, as vitaminas hidrosolubles B1, B2, B6, B12, ácido nicotínico, ácido pantoténico, ácido fólico, biotina e vitamina C son, en xeral, desde un punto de vista estrutural, derivados de azucres (vitamina C), da piridina (ácido nicotínico, vitamina B6), de purinas e pirimidinas (vitaminas B1, B2 e ácido fólico), formas condensadas de aminoácidos e ácidos graxos (ácido fólico, ácido pantoténico e biotina) ou formas condensadas de porfirinas e nucleótidos (vitamina B12). Unha alimentación equilibrada (leite, froita e hortalizas frescas) abonda para as necesidades normais do organismo, que poden variar segundo a idade e outras circunstancias. Nas sociedades pouco desenvolvidas, a causa dunha alimentación insuficiente ou monótona, e nas desenvolvidas, a causa dun consumo excesivo de alimentos manipulados, pódense dar carencias vitamínicas.

Palabras veciñas

vitalismo | vitalista | vitalizar | vitamina | vitaminado -da | vitamínico -ca | vitando -da