zooloxía
(< zoo- + -loxía)
Ciencia biolóxica que ten por obxecto o estudo dos animais. Apóiase nunha serie de disciplinas especializadas, como a morfoloxía, a anatomía, a histoloxía, a citoloxía, a embrioloxía, a fisioloxía, a ecoloxía, a etoloxía, a bioxeografía, a zooxeografía e a sistemática. A paleontoloxía animal, incluída dentro da xeoloxía, dá finalmente á zooloxía unha visión de conxunto do reino animal e a súa evolución. Con ramas específicas da zooloxía, dedicadas ao estudo dos diferentes grupos animais, pódese citar a mastoloxía, a herpetoloxía, a ornitoloxía, a itioloxía, a entomoloxía, a carcinoloxía, a malacoloxía, a helmintoloxía, e a protozooloxía. A historia da zooloxía empeza como un estudo da estrutura visible dos animais, e xa se documentan descricións de animais en todas as culturas e civilizacións. Considérase a Aristóteles como fundador da zooloxía racional. Na época romana e durante toda a Idade Media considerouse aos animais e ás plantas como a combinación dos catro elementos (auga, terra, aire e lume). Despois da Idade Media a zooloxía racional inagurou unha nova etapa nos ss XVI e XVII, favorecida polos descubrimentos xeográficos, as viaxes e o novo clima intelectual do Renacemento. Nace, así, unha nova historia natural, da que a zooloxía era unha rama esencial. Durante o s XVIII produciuse unha evolución na zooloxía, debido en parte, ao avance dos estudos anatómicos e á utilización do microscopio. A clasificación dos vertebrados foi completada polas observacións dos zoólogos británicos John Ray e F. Willoughby. Os animais invertebrados foron estudados por M. Malpighi, A. Van Leeuwenhoek e J. Swammerdam. A época moderna da zooloxía foi iniciada con Carl von Linné, que introduciu no estudo dos seres vivos unha nova orde descritiva que permitiu a súa comparación e clasificación en ordes, xéneros e especies. A sistemática posibilitou á zooloxía, e ao conxunto da historia natural, que se constituíse nunha ciencia e, ao mesmo tempo, derteminou a aparición dos primeiros parques zoolóxicos e museos de coleccións zoolóxicas, que tiveron unha función esencial complementaria da sistemática. Contemporaneamente, G. L. Leclerc, empregou outra clasificación, non obstante, a sistemática linneana acabou impoñéndose. Outros zoólogos destacados foron L. Daubenton, creador da anatomía descritiva dos mamíferos, R. A. F. de Réaumur, que estudou os insectos, e D. F. Müller, que investigou os protozoarios. C. F. Wolff iniciou a embrioloxía descritiva, e L. Spallanzani estudou experimentalmente a fecundación dos animais. A finais do s XVIII e a principios do XIX naceu con Lamarck o concepto de organización interna dos seres vivos, e Cuvier foi o iniciador dunha nova disciplina científica, a anatomía comparada. Todos estes factores, sumados á introdución da noción de tempo no estudo da natureza, determinaron a aparición da teoría da evolución e da bioloxía, que estudaba a organización interna e as propiedades singulares que teñen os seres orgánicos. Durante os ss XIX e XX a zooloxía pasou a ser xa plenamente tributaria dos esquemas de clasificación filoxenéticas nacidos coa teoría da evolución. A clasificación e o estudo das especies animais pertencentes a diferentes grupos zoolóxicos foi un avance durante este período. A pesar disto, a riqueza faunística da Terra aínda se coñece dunha maneira incompleta. Calcúlase entre 1.200.000 e 1.500.000 o número de especies animais que viven en diferentes biótopos do planeta. Pola outra banda, a zooloxía, como ciencia de síntese, enriqueceuse cos avances de ciencias biolóxicas como a xenética, a ecoloxía e a etoloxía e a aplicación de novas metodoloxías e técnicas de observación e de análise, que permiten integrar a especie biolóxica dentro dun contexto evolutivo, ecolóxico e bioxeográfico.