Zelanda
Provincia do SO dos Países Baixos (2.932 km2; 371.866 h [2000]). A capital é Middelburg (44.668 h [1997]). Comprende o esteiro de Escalda, coas illas Walcheren, Zuid-Beveland, Noord-Beveland, Tholen e Schouwen, a península de Sint-Philipsland na rexión continental do Flandres zelandés. É un territorio chan, formado por arxilas aluviais, protexido do mar polas murallas dos diques. Os recursos económicos baséanse na agricultura e na gandaría. Aínda que Middelburg é a capital, o centro principal é Vlissingen. Habitada polos celtas, foi dominada por Roma (ss I a C- IV d C), e máis tarde, por Carlomagno. Formou parte do reino de Lotario I desde 843, e durante a Alta Idade Media foi un condado que gozou dunha certa independencia, ata que pasou á casa de Borgoña (1428). En 1579 asinou a Unión de Utrecht, que deu orixe ás Provincias Unidas. En 1815 integrouse no Reino dos Países Baixos.