feudalismo

feudalismo

(< feudo)

s m [HIST]

Sistema medieval de relacións sociais, políticas, xurídicas e militares que tiña como base a constitución do feudo e do señorío e a relación de vasalaxe. O termo cuñouse no s XVII para referirse a todo aquilo relacionado co feudo, pero foi no s XVIII, por influencia da Ilustración, cando comezou a empregarse para referirse ao sistema de organización social co que acabou a Revolución Francesa. O concepto continuou a súa evolución ao longo do s XIX ata converterse no s XX nun dos termos máis debatidos dentro da historiografía. Os historiadores institucionalistas, liderados por J. L. Ganshof, centraron a súa definición nos aspectos xurídicos e políticos do termo, mentres que os de tendencias marxistas se centraron en aspectos de tipo económico e social e o consideraron un modo de produción; os historiadores da escola dos Annales, entre os que destaca M. Bloch, preferiron unha posición intermedia, polo que adoptaron tanto criterios xurídico-políticos como económicos e sociais para a definición do termo. Ten as súas orixes na desintegración do Imperio Romano de Occidente, caracterizada polo aumento da presión fiscal e a ruralización da sociedade, que culminou coa formación de grandes latifundios nos que se xeneralizaron os lazos de dependencia persoais. Todas estas peculiaridades combináronse coas procedentes do mundo xermánico que trouxeron os pobos centroeuropeos establecidos nos antigos territorios imperiais e que se caracterizaban pola fidelidade persoal que existía entre a nobreza. Completaron o proceso as frecuentes invasións de viquingos e pobos do L durante os ss VI e VIII, que provocaron un clima de inseguridade que favoreceu a difusión das relacións persoais de dependencia mediante o acto xurídico da encomenda. A cambio da encomenda, os homes, que perdían a súa condición de libres e entraban en réxime de servidume, recibían un feudo ou beneficio en usufruto. O sistema evolucionou durante o Imperio Carolinxio; nesta época o acto xurídico foi institucionalizado mediante a cerimonia da vasalaxe, feito que permitiu articular as relacións entre a nobreza, co fin de garantir a permanencia da maquinaria do Estado. As grandes familias nobiliarias encomendáronse a Carlomagno, a cambio de ocupar os principais cargos no palacio e nas diversas circunscricións en que se dividía o Imperio. Trala desaparición do sistema carolinxio, a autoridade fraccionouse de tal xeito que moitos homes libres, antes vinculados ao rei, fóronse agrupando ao redor dun señor territorial forte. As formas feudais estendéronse entre todos os membros da clase guerreira, de tal forma que entre os ss VIII e X se multiplicaron as relacións vasaláticas. Entre os ss X e XIV desenvolveuse nas terras situadas entre o Rin e o Loira un sistema no que a vasalaxe comportaba unha relación de servizo e amizade entre nobres, na que o vasalo lle prometía ao señor fidelidade e servicios a cambio da protección e sostemento deste por parte do señor; e na que o réxime señorial regulaba as relacións entre señores e campesiños. O señorío dividíase en dúas partes: a reserva ou mansus indominicatus, explotada directamente polo señor, e os mansos ou terra mansionaria, que lles eran concedidos aos campesiños para a súa explotación. A cambio desta concesión, os campesiños debían satisfacer o señor co pago de rendas, normalmente en especies, e coa prestación de servicios, esencialmente traballos para realizar na reserva. A crise deste sistema produciuse entre os ss XIV e XV, cando o florecemento das cidades e do comercio e a crecente monetarización fixeron obsoletos moitos dos trazos intrínsecos á sociedade feudal. Ademais, no plano político, os señores territoriais viron freados os seus poderes polo incipiente poder das monarquías. Algúns historiadores sitúan a liquidación definitiva do feudalismo a finais do s XVIII, unha vez que se consolidaron as estruturas do capitalismo. Desde un punto de vista xeográfico, o feudalismo clásico desenvolveuse no N de Francia e nos territorios limítrofes do Imperio Carolinxio, mentres que no S, na Provenza, na Península Italiana e na Península Ibérica, só se desenvolveron determinadas estruturas de carácter feudal; e no N, Alemaña, Escandinavia e Inglaterra, produciuse unha lenta transición entre as formas indíxenas ás feudais. Na Península Ibérica, agás os condados da Marca Hispánica integrados no s IX no Imperio Carolinxio, a existencia de dúas comunidades contrapostas, a cristiá e a musulmana, foi determinante na concepción do feudalismo. Mentres que os territorios baixo dominio árabe quedaban desmarcados da evolución económica e social imperante en Europa, nos territorios noroccidentais que formaban a Marca Hispánica desenvolveuse unha estrutura feudal similar á do N de Francia e que perviviu trala desaparición do Imperio Carolinxio. No N peninsular, Euskadi, Cantabria, Castela, Asturias e Galicia, desenvolveuse entre os ss X e XI un sistema no que existían a vasalaxe, os beneficios territoriais e as xurisdicións señoriais como sistemas disociados, sen ningún tipo de unidade. As continuas campañas militares contra os musulmáns reforzaron o estamento nobiliar, que establecía lazos de fidelidade e ía acaparando cotas de poder público. Ademais, a expansión do dominio señorial eclesiástico viuse potenciada pola restauración das principais sedes episcopais e a fundación de importantes centros relixiosos como San Millán de la Cogolla, o mosteiro de Silos e San Isidoro de León. Desde o s XII, e en gran medida polas influencias europeas chegadas a través do Camiño de Santiago, consolidáronse as estruturas feudais existentes. Organizáronse grandes dominios territoriais civís e eclesiásticos e xurdiron importantes núcleos urbanos, aos que os reis lles concederon numerosas cartas foro. No caso galego, a caída do Imperio Romano significou a continuidade de formas socioeconómicas romanas e prerromanas, como o carácter rural da sociedade e a escaseza de estruturas urbanas. O establecemento do Reino Suevo de Galicia, ao redor do 409, supuxo a unión entre a clase militar de orixe xermánica e as aristocracias locais e a configuración dunha nova oligarquía, fundada sobre a tenencia da terra cultivada por campesiños dependentes. O sometemento ao poder visigodo e a posterior invasión musulmá non trouxeron apenas alteracións na estrutura sociopolítica do territorio galego. A inclusión de Galicia dentro do ámbito asturleonés foi o inicio do desenvolvemento das formas feudais. A monarquía asturleonesa iniciou un proceso de reorganización administrativa e política polo que potenciou a reinstauración dos bispados de época visigoda e a creación de xurisdicións territoriais baixo a autoridade dun comes. Entre os ss IX e X xeneralizáronse as doazóns á Igrexa por medio de formas xurídicas como cartas de encomenda, pago de multas ou vendas. O fin das razzias musulmanas e normandas (finais do s IX) e o desenvolvemento do Camiño de Santiago, permitiu a extensión do poder señorial. Por un lado, creáronse novos señoríos de carácter monástico, como o mosteiro de Sobrado dos Monxes; e polo outro, aumentou o número de doazóns destinadas á creación de pequenos núcleos de poboación como a concesión do Rei Fernando II ao arcebispo de Santiago para a construción dun porto en Santa Cristina de Noia. O s XII foi a época de esplendor, pois o señorío converteuse no centro de toda actividade económica e política. Desenvolvéronse, ademais, novas formas de vinculación como foron, entre outras, o prestimonium, as doazóns con reserva do usufruto e o foro, que permitiron unha maior explotación dos dominios señoriais. Produciuse, tamén, o arranque dos núcleos urbanos, aínda que con certos límites, que provocaron revoltas como as de Santiago de 1117 contra o poder do arcebispo Xelmírez ou as de Lugo de 1182 contra o bispo Xoán. O aumento no número de señoríos provocou, ao longo dos ss XIII e XIV, unha serie de enfrontamentos entre señores e campesiños que se negaban ao pago de determinados tributos e que culminaron coas Revoltas Irmandiñas. Este sistema tamén recibe o nome de feudalidade.

Palabras veciñas

Feuchtwanger, Lion | feudal | feudalidade | feudalismo | feudalista | feudar | feudatario -ria