feudo

feudo

(< lat feudu)

  1. s m

    Convenio realizado entre dúas persoas nobres durante a Idade Media no que unha delas, en posición preeminente, o señor feudal, recibía da outra, feudatario ou vasalo, a prestación de homenaxe coa correspondente fidelidade, a cambio da entrega dun feudo. O obxecto do feudo consistía, xeralmente, no usufruto dun termo rural, aínda que tamén podía ser, entre outros, o desempeño dun cargo ou función pública, a explotación dun determinado establecemento, o cobro dunhas rendas ou dunha peaxe e goce dun grupo de servos. As relacións entre señor e vasalo implicaban unha serie de deberes mutuos; no caso do vasalo, auxilio militar, consello e nalgunhas ocasións axuda financeira, e por parte do señor, protección e xustiza, que se contraían nunha cerimonia ritual propia. O contrato de feudo podía romperse polo desafío ou pola morte dun dos asinantes. Desde o s IX o feudo era hereditario e podía ser transmitido polo feudatario a outra persoa nobre, que, ademais de comprometerse a prestar homenaxe e servicios ao señor, debía pagar o imposto de herdanza chamado “socorro”. Este, á súa vez, podía facer o feudo obxecto de sucesivas subinfeudizacións, totais ou parciais, ata o límite da capacidade deste para soster o cabaleiro e o seu equipo. Desde o s XIII puideron acceder ao feudo persoas non nobres e desde o s XIV deixaron de configurarse novos feudos. Existiu unha gran tipoloxía de feudos, entre os que cómpre salientar o feudo de honra ou de dignidade, no que o vasalo non pagaba censo ou canón ningún e no que se limitaba a facer a homenaxe e xuramento de fidelidade; feudo con señorío, aquel feudo que tiña vasalos e servos; feudo de corpo, no que se lle esixía ao vasalo o servicio militar obrigatorio; feudo de bolsa ou cámara, aquel que se limitaba á entrega en prazos regulares dunha cantidade de diñeiro ao vasalo; e feudo de nova instancia, no que o posuidor dun alodio facía a súa terra dependente dun señor, quen llo devolvía en feudo.

  2. s m

    Cousa cedida ou posta en feudo.

  3. s m

    Canón ou mercé que pagaba o feudatario ou señor.