FEUGA
Entidade sen ánimo de lucro constituída o 20 de xullo de 1982 baixo a dirección de Manuel Balseiro González. Entre os seus obxectivos figuran poñer en relación os membros da comunidade científica galega coas empresas públicas e privadas, as institucións e os centros públicos, para contribuír á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico, e fomentar a formación de profesionais e universitarios. Os esforzos da fundación permitiron que os científicos que investigaban nos ámbitos da agricultura, a gandería, o ambiente, a enerxía, os cultivos mariños e as ciencias da saúde puidesen aplicar os seus avances, entre outros, nos sectores da biotecnoloxía, da economía, das tecnoloxías de fabricación, da informática e telecomunicacións, das ciencias sociais e da química-farmacéutica. Presidida desde 1998 polo reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, xestionou no 2000 uns fondos de 8.816.847,57 euros, que empregou na promoción de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico que supuxeron o 54% da facturación. Nese ano desenvolveu tamén 690 programas de Bolsas de Formación e Cooperación Educativa, nas que participaron 262 empresas, o que supuxo o 24% da facturación. Entre os seus proxectos está o desenvolvemento do Centro de Experimentación e Desenvolvemento Empresarial (CEDE), para axudar aos proxectos empresariais xurdidos na universidade.