fiinda
Estrofa que se usaba como remate das cantigas medievais galego-portuguesas e que estaba constituída por un número de versos inferior ao das restantes cobras. Desde o punto de vista estrutural, corréspondese coa tornada provenzal, da que se distingue, sen embargo, pola súa diferente funcionalidade: mentres que a tornada se utilizaba como envío da composición á dama ou ao protector do trobador, designados a través do senhal, a fiinda galego-portuguesa serve fundamentalmente como peche temático do texto e ten, en consecuencia, un notorio carácter conclusivo. Así o expresa a Arte de Trovar do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B). En canto á extensión, indícase que o número de versos de que podía constar oscilaba entre un e catro. A análise do corpus conservado revela que ese número podía ser maior e que podía chegar ata cinco, se ben as máis frecuentes son as formadas por dous versos. A fiinda aparece con maior frecuencia nas cantigas de refrán que nas de mestría, e o das cobras singulares constitúe o contexto rimático privilexiado para a súa introdución. Polo seu carácter conclusivo, a fiinda é lugar de concentración dalgúns procedementos repetitivos: ademais da rima, poden retomarse nela algúns dos rimantes do refrán. No que atinxe á execución musical, o feito de que o Cancioneiro da Ajuda reserve o espazo para a notación da fiinda dalgúns textos fai pensar aos estudiosos da lírica galego-portuguesa que esta tiña unha melodía propia ou que, en calquera caso, algún dos Liederbläter que serviron de base para a confección do mencionado cancioneiro tiña xa a notación musical dos versos de remate ou o espazo reservado para ela.