Fisterra

Fisterra


Concello cabeceira da comarca homónima, situado na provincia da Coruña no extremo occidental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Cee, ao S e ao O co Océano Atlántico e ao L con Cee (Fisterra) e a ría de Corcubión. Abrangue unha superficie de 29,4 km 2 cunha poboación de 4.9717 h (2007), distribuídos nas parroquias de Duio, Fisterra, San Martiño de Duio Sardiñeiro. A capital municipal, a vila de Fisterra, situada a 42° 54’ de latitude N e 9° 15’ de lonxitude O, 95 km ao O de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Corcubión e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O concello de Fisterra sitúase baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por unha notable suavidade térmica e unhas precipitacións moderadas. O municipio encóntrase nunha posición de abrigo fronte ás correntes perturbadas húmidas do SO. Non obstante , a súa condición de fachada marítima do NO fai que reciba a influencia directa e intensa dos fluxos ciclónicos do NO. A suavidade das temperaturas maniféstase tanto na media anual, que é de 14,2°C, como na amplitude térmica anual, que se reduce só a 9,2°C. O inverno é moi pouco sensible e o efecto moderador do mar incide en que o mes máis frío se retrase ata febreiro (9,9°C) e o máis cálido a agosto (19°C). Con estas condicións térmicas as xeadas son practicamente inexistentes. As precipitacións son moi baixas, 883 mm, debido ao efecto de sombra con relación aos ventos ciclónicos do SO pola interposición das plataformas occidentais e os relevos costeiros das Rías Baixas. O réxime pluviométrico presenta un máximo invernal (estación na que se recolle o 35% das chuvias) e un máximo secundario no outono (30%). Na primavera descenden as precipitacións (24%) e no verán dase unha acusada seca (11%), que favorece á aparición de aridez durante xullo e agosto. Fisterra é unha península que penetra no Océano Atlántico. O relevo é bastante accidentado. As maiores altitudes correspóndense con dous macizos graníticos (material que domina case que por completo o territorio municipal), un na área nororiental, nas proximidades de Cee (Montes Seoane, de 249 m da altitude; San Xoán, 247 m; e, Valadoiro, 241 m), e outro nos extremos costeiros SO e S, que forman abruptos cantís (O Facho, 247 m) sobre o mar. Entre ambos os bloques erguidos sitúase o istmo de Langosteira, formado por sedimentos cuaternarios, fundamentalmente do Pleistoceno. Pódese considerar que o municipio constitúe o límite entre a Costa da Morte (que se estendería ao N do cabo Fisterra) e as Rías Baixas. Na costa occidental sucédense os cantís (Cabo da Nave, o Faro, Monte Facho) e áreas de areais (Rostro, Arnela, Mar de Fóra). A costa oriental, en cambio, é menos abrupta e as praias teñen un maior desenvolvemento (Langosteira e Sardiñeiro). A rede fluvial articúlase ao redor de pequenos regos, entre os que destaca o Grande, que atravesa as parroquias de Duio e San Martiño de Duio, antes de desaugar na praia de Langosteira. A costa occidental é un espazo natural de beleza paisaxística e importancia ecolóxica.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Fisterra dende o primeiro censo de 1887 (ano no que se rexistrou o mínimo poboacional con 4.191 h) caracterizouse pola tendencia á alza. Así, entre 1887 e 1910 medrou a un ritmo medio do 0,87% anual, malia a corrente emigratoria exterior cara a América, que puido contrarrestarse gracias a un elevado crecemento vexetativo. No período intercensual seguinte, en cambio, a forza desta masa emigratoria fixo que a poboación descendese a un moderado ritmo do -0,37% anual. A partir de 1920 e ata 1930, a poboación volveuse situar nun período expansivo (0,3% de media anual), que non se continuou durante o período 1930-1950, cando descendeu cada ano un 0,78%, debido á crise nas actividades pesqueiras e á negativa incidencia da Guerra Civil. Os anos cincuenta e, sobre todo, os sesenta coñeceron un novo pulo da actividade pesqueira, feito que permitiu que o concello lograse incrementar levemente os seus efectivos demográficos, nuns intres nos que o conxunto de Galicia estaba a sufrir fortes perdas demográficas debido á emigración cara ás áreas industriais españolas e europeas máis desenvolvidas. Así, entre 1950 e 1981 Fisterra incrementou o seu número de habitantes un 0,21% anual. A crise do sector pesqueiro tradicional e a diminución de capturas diante do esgotamento biolóxico dos caladoiros provocou unha moderada mingua demográfica de 1981 a 1991 (-0,36% anual) que se recuperou ao longo do lustro seguinte, (cun incremento do 0,95% anual), ata acadar o máximo poboacional en 1996, con 5.397 h. Dende entón a poboación descendeu a 5.132 h en 2001, o que supuxo unha perda do -4,91% (1996-2001), e a 4.971 h en 2007, un descenso do -3,13%. Polo que respecta ao poboamento, o 60% da poboación concéntrase na capital, que está formada por un núcleo antigo crecido a xeito de anfiteatro sobre o porto pesqueiro e ao longo da estrada que comunica con Cee. A moderada incidencia da emigración favoreceu que o concello posúa unha estructura demográfica bastante nova, na que os menores de 20 anos supoñen o 17,1% dos efectivos, mentres que os maiores de 65 anos son o 19,2%; o grupo intermedio representa o 63,7%. O crecemento natural en 2006 foi negativo, -2,1‰ froito dunha natalidade relativamente alta, 7,2‰, e unha mortalidade elevada, 9,2‰. Na distribución por sexos a composición está equilibrada: 50,57% de homes e 49,42% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Fisterra é do 44,8% (63,4% a masculina e 26% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,4% (57,9% a masculina e 20,8% a feminina) e a taxa de paro é do 12% (8,8% a masculina e 20% a feminina). A estrutura económica do concello de Fisterra vincúlase co mar dun xeito moi acusado. A actividade pesqueira xera directamente o 33,6% do emprego, a gran maioría do sector primario, que en total acolle á metade dos traballadores residentes no concello. A agricultura é pouco practicada como actividade principal (4,2%), se ben nas parroquias menos urbanizadas ten importancia a realizada a tempo parcial como complemento das economías familiares. Desenvólvese un policultivo destinado ao autoconsumo no que destaca o millo, as patacas e as hortalizas. O subsector forestal baséase en especies de crecemento rápido, fundamentalmente piñeiros. A industria ten moi pouca significación (emprega o 7% dos traballadores); destacan tan só algúns serradoiros que aproveitan a produción silvícola local. A construción emprega ao 12,72% dos ocupados, na maioría dos casos traballadores autónomos. O sector terciario, pola súa banda, xera o 40,5% dos empregos, aínda que está pouco desenvolvido malia que o turismo estival incrementa un pouco os subsectores hosteleiro e comercial. A Administración pública e os servizos sociais tamén teñen certa importancia. A principal vía de comunicación é a estrada AC-445.
Historia
Segundo os xeógrafos e historiadores grecorromanos, as terras de Fisterra estiveron habitadas pola tribo dos nerios, que probablemente estiveron asentados nas terras entre as parroquias de San Vicente e San Martiño de Duio, onde foron encontrados numerosos vestixios. De época romana tan só se conserva parte da vía que levaría ata o Finis Terrae romano e onde a tradición sitúa unha ara de adoración ao sol de orixes fenicias. En época sueva, os documentos falan das represalias tomadas polo Rei Requila contra a cidade de Dugium, a actual parroquia de Duio, por ter destruído os seus habitantes os templos arianos. Durante a Idade Media, estas terras convertéronse na última etapa dos peregrinos que tras chegar a Compostela continuaban camiño para venerar as reliquias de San Guillerme e a imaxe do Santo Cristo, polo que en 1469 fundouse na vila un hospital de peregrinos. En 1544 enfrontáronse aos franceses e en 1805 aliáronse con eles contra os ataques marítimos ingleses. Durante a Guerra da Independencia, distinguíronse pola resistencia contra a invasión francesa, aínda que non lograron impedir o desmantelamento do castelo de San Carlos. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias pertenceron á xurisdición de Fisterra, da provincia de Santiago, baixo o señorío do arcebispo compostelán. O concello xurdiu coa creación dos primeiros concellos aos que deu lugar a Constitución de Cádiz de 1812, sendo ratificado nas posteriores divisións municipais, sen sufrir ningún cambio nin na súa extensión nin no número de parroquias.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destaca o conxunto arqueolóxico do Monte San Guillerme, declarado BIC en 1985. No eido da arquitectura relixiosa hai que destacar, entre outras, a capela da Nosa Señora do Bo Suceso (s XVII), no centro da vila; a igrexa de San Vicente, construída en 1704 sobre outra de orixe prerrománica; os restos arqueolóxicos do antigo Hospital de Peregrinos de Nosa Señora do Rosario; e a igrexa de Santa María das Areas , na que se venera o Santo Cristo da Barba Dourada. Da arquitectura civil sobresaen os pazos de Hermedesuxo, da igrexa de Duio e a casa de Sardiñeiro, os restos do hospital de peregrinos e o faro do cabo Fisterra. Na arquitectura militar destaca o castelo de San Carlos, construído no s XVII para defender o porto da vila. Cómpre sinalar tamén o Cemiterio (2002) ideado polo arquitecto César Portela. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar destaca a celebración da Semana Santa coas Festas do Santo Cristo, o Xoves e o Venres Santo coa escenificación da Paixón de Cristo, o Domingo de Pascua coa Resurrección e o derrubamento simbólico da porta do sepulcro e que finalizan coa tradicional danza da Nosa Señora de Areas.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Fisterra
Extensión 29 Km2
Poboación Total 4971 h
Poboación Homes 2514 h
Poboación Mulleres 2457 h
Densidade de poboación 171.41 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias