Fiz/Felisa

Fiz/Felisa
[ONOM]

Antropónimo derivado do adxectivo latino felix, felīcis ‘frutífero, fértil, fecundo’, e despois ‘favorito dos deuses’, e de aí ‘contento’; en época romana converteríase nun cognome moi usado, e despois un nome independente con valor augural. Presenta as variantes Fins e Félix (cultismo). A forma feminina Felisa é de orixe descoñecida; quizais poida tratarse dunha evolución semiculta de Felicia, por influxo de Elisa. A forma galega Fiz resistiu a castelanización ao se conservar como apelido. Con este nome destacan os santos san Fiz de Nola (s III), celebrado o 25 de xullo, e san Fiz o Africano ou de Girona (s IV), patrón dos concellos de Cabana, Nigrán e Vilar, e que se celebra o 1 de agosto, agás en Entrimo onde se celebra o 2 de agosto. En Galicia ten moita sona a romaxe bergantiñá de San Fins do Castro (Cesullas-Cabana): na fonte santa lavan con panos os membros doridos para sandar; inda que co tempo mollaban as roupas en viño tinto. O san Fiz, que deu nome a unha parroquia que antigamente era Villa Galleci ‘vila do gálico ou francés’, ten devotos de Galicia e de Portugal e téñeno por avogoso da rabia e, en xeral, das mordidas de animais velenosos. En total é titular de 50 parroquias (18 compartidas con san Pedro ad vincula). Santa Felisa celébrase o 11 ou o 31 de maio. Na tradición oral recóllense ditos como: “Teño unha mula en San Fiz / téñoa pra arar con ela, / sácoa para ir á feira / e andar a cabalo dela”, “Por san Pedro e san Fiz creba o millo pola raíz”.