Folgoso do Courel
Concello da comarca de Quiroga,situado na provincia de Lugo no extremo oriental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Pedrafita do Cebreiro (comarca de Ancares) e Samos (comarca de Sarria), ao L cos de Barjas e Oencia (O Bierzo), ao S co de Quiroga e ao O cos de Samos e A Pobra do Brollón (Terra de Lemos). Abrangue unha superficie de 192,8 km 2 cunha poboación de 1.284 h (2007) distribuídos nas parroquias de Esperante, Folgoso do Courel, Hórreos, Meirao, Noceda, Seceda, Seoane do Courel, Vilamor e Visuña. A capital municipal é a vila de Folgoso do Courel, situada a 42° 35’ de latitude N e 7° 11’ de lonxitude O, 100 km ao SL de Lugo e 178 ao L de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Monforte de Lemos e á provincia e diocese de Lugo.
Xeografía física
O concello de Folgoso do Courel sitúase baixo o dominio climático oceánico de montaña, aínda que cabe distinguir unha clara matización entre a zona máis elevada e o fondo dos vales, que se manifesta en grandes diferencias dos rexistros termopluviométricos. Así, na zona de maiores altitudes a temperatura media anual é baixa, 8,3° C; tamén son relativamente baixas as temperaturas medias mínimas (2,2° C en xaneiro) e máximas (15,4° C en agosto), o que fai que sexan frecuentes as xeadas e as precipitacións totais, de feito recóllese unha media de 1.900 mm anuais. Pola contra, nos vales máis importantes (os do Lor, Lóuzara...), a aridez estival e as tendencias mediterráneas fanse notar con elevadas temperaturas no verán (20° C) e suaves no inverno (6,8° C), e con precipitacións máis moderadas (969 mm). Localízase nas Serras Orientais Galegas que, con dirección NL-SO descenden paulatinamente cara ao val do Sil. O concello está atravesado polo estreito val do río Lor, flanqueado polas serras do Courel, ao L, e Lóuzara, ao O. As serras culminan no Formigueiros (1.639 m de altitude), e no Pía Páxaro (1.616 m), situados no límite co concello de Quiroga. A súa vexetación é moi rica, con especies endémicas, especialmente na matogueira. A vexetación gradúase en función da altitude: no nivel máis elevado (altitudes superiores aos 1.400 m) aparecen os piornos, mentres que entre os 1.000 e 1.100 m dominan os bosques de faias, e os bosques mixtos de bidueiros, abelás, carballos, castiñeiros, acivros e teixos. Nas áreas máis baixas as especies típicas de rexións mediterráneas (érbedos, xaras), mestúranse con outras atlánticas (castiñeiros, breixos, xestas, etc.). A presenza de solos calcários fai aparecer pequenos bosques de aciñeiras. Nas ribeiras dos principais ríos teñen importancia os bosques de bidueiros e castiñeiros
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Folgoso do Courel no s XX caracterizouse pola constante mingua da súa poboación, que desembocou nun descenso total do 69% entre 1900 e 1996, ao pasar de 5.507 h a 1.704. Este proceso de despoboación mantívose constante durante toda a centuria, pois xa nas tres primeiras décadas, as dificultades da vida no medio montañoso provocaron un descenso do 7,7%; nesa época sentiuse especialmente a emigración cara a América. Despois da paréntese dos anos 30 e principios dos 40, cando a crise económica internacional (a Gran Depresión) e as sucesivas contendas bélicas (Guerra Civil e Segunda Guerra Mundial) interromperon os fluxos emigratorios e favoreceron unha leve recuperación (pasouse de 5.081 h en 1930 a 5.168 h en 1940), o descenso acelerouse. A reconstrución da Europa devastada pola guerra significou a incorporación de novos destinos para a emigración, que sumados á recuperación dos tradicionais centros de recepción americanos fixeron descender a poboación a un ritmo medio do 1,3% anual entre 1940 e 1970. Despois, o elevado grao de avellentamento da poboación, impediu a recuperación malia o cesamento das emigracións masivas. Este descenso continuou a finais do s XX e comezos do s XXI, desta xeito entre 1996 e 2001 o descenso foi do -12,08% e, entre 2001 e 2007, do -14,28%. Esta evolución reflictese na estrutura por idades do concello que presenta un elevado índice de avellentamento, pois os maiores de 65 anos constitúen o 40,º% da poboación total, duplican os menores de 20 anos, que só son 7,4%; o grupo intermedio representa o 52,5%. Deste xeito o crecemento natural (2006) da poboación é negativo -17,2‰, froito dunha moi baixa taxa de natalidade, 1,9‰, e unha moi alta taxa de mortalidade, 19,1‰. Por sexos dominan os homes: 51,79% fronte ao 48,20% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Folgoso do Courel é do 41,5% (49,6% a masculina e 33% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,5% (44,6% a masculina e 26,1% a feminina) e a taxa de paro é do 14,4% (10,2% a masculina e 21% a feminina). A importancia do sector secundario, 18,1% na industria e 11,8% na construción, está intimamente relacionado coa importancia da minería no concello, así como do subsector da construción (que acolle ao 19,1% dos ocupados). As principais industrias extractivas céntranse na explotación a ceo aberto da lousa, aínda que no pasado tamén se explotaba ferro para as ferrerías artesanais. A riqueza forestal tamén posibilita a existencia de pequenos serradoiros. O sector primario ocupa ao 35,1%. As principais actividades agropecuarias son a gandería bovina e porcina, practicada en pequenas explotacións familiares de carne de vacún e porcino, así como a recolección de castañas, framboesas, arandos, cogomelos, etc. A superficie agraria útil é tan só do 5,1%, mentres que os bosques ocupan unha grande extensión, o 43,6%. O sector terciario adquiriu unha maior relevancia (34,7%), especialmente o turismo. O patrimonio natural, cultural e etnográfico do Courel constitúe un atractivo que se converteu nun poderoso reclamo. É considerable a presencia de bosques de faias, carballos, aciñeiras, teixos e bidueiros, coma a Devesa da Rogueira, onde existe unha fonte con dous mananciais (unha de augas calcarias e outra de augas ferruxinosas). Nas parroquias de Vilamor e Seceda, atópanse varias aldeas de gran riqueza arquitectónica e etnográfica, restauradas recentemente, así como algúns castros. Os plans LEADER da Unión Europea fomentaron os investimentos na actividade turística. Os principais servicios públicos localízanse na capital municipal, Folgoso do Courel, aínda que Seoane do Courel (antiga capital do concello) conserva algúns deles. Polo que respecta á rede de comunicacións terrestres, a principal vía é a estrada local LU-625 dende Hospital do Cebreiro a Quiroga.
Historia
Os primeiros testemuños da presenza humana apareceron na Cova do Oso en Moreda e nos castros de Esperante e de Santa Eufemia de Visuña. A presenza romana constatouse a través dos restos das explotacións auríferas a ceo aberto mediante o ruina montium en de Seoane, Torre Cabreira e Monte Cido, onde se atopou en 1959 a denominada tessera hospitalitatis do Courel. Trátase dunha placa de bronce datada no 28 a C na que se recolleu o pacto de hospitalidade que estableceron os pobos indíxenas dos susarros e dos lougueios que habitaban esta área. As únicas noticias da época medieval fan referencia á protección que ofreceron os monxes de Samos ao futuro Afonso I o Casto no lugar de Sobredo e na igrexa de Visuña fronte ao seu tío Aurelio. En época moderna e contemporánea reiniciouse a explotación da minería do ferro polo que se desenvolveron varias ferrerías no concello, aínda que a industrialización non chegou a ter éxito. As parroquias que integran o actual concello de Folgoso do Courel pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións do Courel (parroquias de Esperante, Folgoso do Courel, Meiraos, Noceda, Seceda, Seoane do Courel e Vilamor) e Visuña (Hórreos e Visuña). Esta última era encomenda da orde de Santiago, que tamén rexía a parroquia de Esperante; pola súa parte, O Courel era, agas Esperante, xurisdición de reguengo. A substitución do réxime señorial pola administración municipal emanado da Constitución de 1812, significou a creación do concello do Courel, que, nos distintos períodos de vixencia do municipalismo (1820-1823 e dende 1835) mantivo as súas fronteiras, coa única excepción da segregación das parroquias de Outeiro e A Seara, incorporadas ao concello de Quiroga. A capital municipal foi a vila de Seoane do Courel ata a conclusión da Guerra Civil, cando pasou a Folgoso do Courel.
Patrimonio cultural
Ademais das mostras arqueolóxicas mencionadas, destacan, no eido da arquitectura relixiosa, as igrexas de San Pedro de Esperante, Santa María de Meiraos, San Xoán de Seoane e Santa Eufemia de Visuña. Entre as mostras da arquitectura civil destacan a torre do Castro de Sobredo e o castelo de Corbedo (Esperante), do que se conservan parte dunha torre circular de lousa e restos da planta. No eido da arquitectura polpular sobresaen os muíños, as ferreirías e as casas das aldeas de Visuña e Esperante. Do seu patrimonio natural destacan os espazos naturais dos Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran as máis coñecidas son a da Virxe do Carmo e a da Castaña, ambas en Folgoso do Courel.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Quiroga |
| Extensión | 192 Km2 |
| Poboación Total | 1284 h |
| Poboación Homes | 665 h |
| Poboación Mulleres | 619 h |
| Densidade de poboación | 6.69 h/Km2 |