folosa
-
s
f
[ANIMAL/ORNIT]
Ave insectívora dos xéneros Acrocephalus, Hippolais e Locustella, da familia dos sílvidos, de plumaxes semellantes nos dous sexos e de cores máis ou menos uniformes e crípticas. Emiten cantos moi ricos e complexos compostos por estrofas emitidas a alta frecuencia que ao oído humano resultan como voces curtas, ásperas e repetitivas. Tamén se denomina foleco e folerpa.
-
folosa amarela
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12,5 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor verde olivácea e as inferiores amarelas. Na cabeza presenta unha lista supraocular de cor amarela. Imitan no seu canto a outras aves como as merlas, os pardais ou as papuxas. É unha ave migradora transahariana que ocupa o extremo suroccidental do Paleártico occidental. Cría por toda a Península Ibérica pero sobe pouco en altitude e non sobrepasa os 1.000 m nos Pireneos orientais e occidentais. Habita medios semiabertos con árbores dispersas, claros e bordos de bosques con matogueiras; resulta abundante nos bosques de ribeira.
-
folosa das xunqueiras
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12,5 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor castaña, riscada de negro e coas partes inferiores brancas amareladas. Na cabeza conta cunha lista supraocular branca enmarcada de negro. É unha especie migratoria transahariana que se distribúe polo Paleártico occidental. Na Península Ibérica habita lagoas litorais con xuncos, espadanas, salgueiros e carrizos da costa cantábrica.
-
folosa dos carrizos
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12,5 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor castaña olivácea e inferiores brancas. É unha especie propia do Paleártico occidental que habita a vexetación palustre de marismas, pantanos, encharcadas dos bordos dos ríos, regatos e canles con vexetación. Distribúese por toda a Península Ibérica, especialmente en costas e vales onde localizan os hábitats indicados. Pasa o inverno na África tropical.
-
fo-losa encapuchada
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12,5 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor castaña arrubiada, riscada de negro e coas partes inferiores brancas amareladas. A parte superior da cabeza é de cor castaña escura e conta cunha lista supraocular branca. Cría en masas de vexetación palustre como carrizais e xunqueiras, de xeito descontinuo no S de Europa, no N de África e na Península Ibérica ocupa as costas atlánticas meridionais e as mediterráneas.
-
folosa grande
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 19 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor castaña escura e inferiores brancas arrubiadas. É unha ave migratoria transahariana de distribución paleártica occidental que cría en toda a Península Ibérica en áreas con vexetación palustre composta por macrófitos, en lagoas, marismas e ribeiras de grandes ríos.
-
folosa pálida
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 13 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor castaña cinsenta, as inferiores brancas cremosas e o papo branco. Ave migratoria de distribución paleártica occidental que cría dende o terzo sur da Península Iberia, a Península Balcánica e o N de África ata Turquestán.
-
folosa pintada
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 12,5 cm, coas partes superiores de cor castaña listadas de negro de xeito lonxitudinal e inferiores amareladas. É unha especie tran-sahariana distribuída polo Paleártico occidental que na Península Ibérica ocupa treitos costeiros da rexión cantábrica en terreos con vexetación herbácea alta como prados húmidos ou prados de sega.
-
folosa unicolor
[ANIMAL/ORNIT]
Ave de 14 cm de lonxitude, coas partes superiores de cor castaña arrubiada, inferiores brancas cremosas e gorxa e papo brancos. É unha ave migratoria transahariana, de distribución paleártica occidental, ligada a carrizais ou a outro tipo de vexetación típica de extensións salobres ou de auga doce. Na Península Ibérica cría esporadicamente ao longo das costas mediterráneas e atlánticas.