Fonsagrada, A

Fonsagrada, A


Concello cabeceira da comarca homónima, situado na provincia de Lugo no extremo oriental da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos da Pontenova (A Mariña Oriental) e Taramundi (Principado de Asturias), ao L con Santa Eulalia de Oscos (Principado de Asturias) e Negueira de Muñiz (A Fonsagrada), ao S con Navia de Suarna (Os Ancares) e Baleira (A Fonsagrada), e ao O con Ribeira de Piquín (Meira) e Baleira. É o concello máis extenso de Galicia, pois abrangue unha superficie de 438,4 km 2 , cunha poboación de 4.748 h (2007), distribuídos nas parroquias da Allonca, A Bastida, Bruicedo, Carballido, Cereixido, Cuíñas, Fonfría, A Fonsagrada, Freixo, Lamas de Campos, Lamas de Moreira, Maderne, Monteseiro, Pacios, O Padrón, Paradavella, Piñeira, A Proba de Burón, San Martín de Arroxo, San Martín de Suarna, San Pedro de Neiro, San Pedro de Río, Santo André de Logares, A Trapa, O Trobo, A Veiga de Logares, Vieiro, Vilabol de Suarna e O Vilar da Cuíña. A capital municipal é a vila da Fonsagrada, localizada a 43° 7’ de latitude N e 7° 4’ de lonxitude O, 61 km ao L de Lugo e 165 ao NL de Santiago de Compostela. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á diocese de Lugo.
Xeografía física
O concello da Fonsagrada, nunha localización interior e a unha altitude elevada (a media é superior aos 700 m), sitúase baixo o dominio climático oceánico de montaña, caracterizado por unha temperatura media anual baixa (entre os 8° C e os 9° C), a causa dos fríos invernos (2° C-3° C). O verán é fresco (14° C-15° C), especialmente nos cumios. As precipitacións son moi elevadas (máis de 1.900 mm) aínda que se acusa un claro mínimo estival, sen que se poda falar de estación seca. Este concello, enclavado nas serras orientais galegas, está composto por unha serie de vellos relevos fortemente erosionados nos que se observa unha alternancia entre materiais cristalinos (granitos) e metamórficos (lousas e xistos) o que dá lugar á sucesión de suaves superficies alombadas e profundos vales, con dirección NNO-SSL e NL-SO, nos que se encaixan os principais ríos do concello, entre os que destacan o Navia, o seu afluente o Suarna e o Rodil, tributario do Eo. Culmina nos 1.203 m de altitude, no límite con Asturias, na Serra de Louxas. Os bosques cóbren o 43,7% da superficie total do concello; predomina o bosque mixto de castiñeiros, carballos e bidueiros, que no fondo dos vales deixan espazo a salgueiros, freixos ou ameneiros.
Xeografía humana
O concello da Fonsagrada sufriu durante os dous últimos séculos unha grave recesión demográfica que lle fixo perder pouco máis de dous tercios da súa poboación, pois pasou de 14.559 h en 1900 a 4.748 h en 2007. A poboación mantívose estable ata os anos 20, mentres que o elevado crecemento vexetativo contrarrestaba un potente fluxo emigratorio. Non obstante , a partir de 1930 a poboación comezou a descender, debido á persistencia da emigración, provocada pola escasa produtividade das actividades agropecuarias. Esta emigración dirixiuse, sobre todo, cara aos focos industriais españois (Barcelona, Bilbao e Madrid), pero tamén cara ás cidades galegas e da Europa Occidental. O declive demográfico acentuouse a partir de 1950. Este proceso emigratorio continuou a ser unha característica da dinámica demográfica durante toda a centuria, pois entre 1991 e 1996 o descenso demográfico foi superior a 1.000 h, feito do que non só é responsable o negativo crecemento vexetativo. Dende entón a perda de poboación é constante e pasouse a 5.082 h en 2001 e a 4.748 h en 2007. O crecemento natural ou vexetativo (2006) é negativo (13,9‰), froito dunha baixa taxa de natalidade (2,4‰) e unha elevada mortalidade (16,3‰). Como consecuencia deste declive demográfico, a poboación está moi avellentada, cun porcentaxe de maiores de 65 anos (38,3%) que triplica á de menores de 20 (9,6%); o grupo intermedio representa o 52,2% da poboación. Por sexos dominan os homes, 53,33% fronte ao 47,66% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Fonsagrada é do 46,5% (54,7% a masculina e 37,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 43% (50,9% a masculina e 34,1% a feminina) e a taxa de paro é do 7,5% (6,9% a masculina e 8,4% a feminina). As actividades primarias constitúen o sector que maior importancia posúe na economía local, pois xera o 43,6% dos empregos. As explotacións fonsagradinas especializáronse en gandería de aptitude cárnica. O número de cabezas de gando bovino existentes en 1999 era de 8.527; domina a pequena explotación é a dominante no concello. Dada esta especialización agraria, no concello predominan os pasteiros, en especial, nas áreas de val e nas de maior planitude; non obstante, pódense atopar cultivos como o millo e a pataca e incluso viñedosno val do río Navia. A explotación madeireira é un importante recurso O sector secundario a penas ten relevancia no concello (so dá emprego ao 20,3% dos traballadores), a excepción da minería e a construción. Europizarras, que explota as canteiras de lousa de Lamas de Campos, é a primeira empresa do concello en número de empregados. A construción é relevante, especialmente na capital muncipal; máis da metade dos traballadores do sector secundario (o 12,11% do total) traballan nela. O sector terciario, que incrementou a súa participación nos últimos decenios do s XX, representa ao 35% do emprego. A capital municipal é o núcleo comercial máis importante dunha ampla área de montaña a cabalo entre Galicia e Asturias e centraliza toda a vida terciaria do concello, ademáis, alí celébranse dúas feiras gandeiras mensuais. Atravesa o concello a estrada C-630 que une a vila asturiana de Cangas del Narcea con Lugo. Estradas locais comunican a vila coa Pontenova e Navia de Suarna.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados pertencen ao período megalítico,como as medorras de Mazaeda (Neiro), de Pila de Pedras (Pacios) e de Torbiso e os dólmenes de Casía da Arquela e o Pando. En época castrexa o hábitat concentrouse en castros nos que se explotou a riqueza mineral do subsolo, entre outros, destacan o de Xegunde e o de Trabesos. Na época romana algúns autores situaron as orixes da vila nunha mansio da vía que unía Asturica con Lucus; pero o único que se constatou arqueoloxicamente foi a explotación intensiva de minas como a das Pedras Amontoadas e as de Chao de Cabeiro. Na Idade Media o desenvolvemento do territorio produciuse vinculado ao Camiño primitivo a Santiago e ao centro de devoción para os peregrinos no que se converteu a Fontem Sacram próxima á capela de Santa María e onde poderían estar as orixes do topónimo da Fonsagrada. A principios do s XIII, Afonso IX fundou a vila de Pobra de Burón, que se converteu na capital do concello ata 1833. A mediados do s XIV, continuaba a ser unha das paradas no Camiño de Santiago como o demostra a fundación por parte de Pedro I o Cruel do Hospital Real de Montouto. Na Idade Media e Moderna estas terras, que constituían a xurisdición de Burón, na antiga provincia de Lugo, foron señorío da casa de Trastámara, que as cedeu no s XV a Inés de Guzmán, quen á súa vez as vendeu aos condes de Lemos; ademais, o mosteiro cisterciense de Villanueva de Oscos recibía parte das rendas da parroquia de Carballido. A substitución do réxime señorial pola administración municipal nos períodos de vixencia da Constitución de 1812 (1813-1814 e 1820-1823), significou a creación dos axuntamentos de Carballido, A Fonsagrada, Moreiras, Nogueira e Trobo, adscritos en principio á provincia de Galicia e dende 1822 á de Lugo. En 1835, recuperado definitivamente o municipalismo, estableceuse o concello da Fonsagrada. En 1928 segregáronse del as parroquias que integran o concello de Negueira de Muñiz, que dende 1925 constituíran unha das primeiras entidades locais menores establecidas en España consonte o Estatuto Municipal de 1924. En 1956 e 1969, respectivamente, segregáronse varios lugares das parroquias de Carballido e Baos, que pasaron a formar parte do de Ribeira de Piquín. No s XIX, os fonsagradinos participaron activamente nas tres guerras carlistas; creáronse no concello diversas partidas, entre as que destacaron as capitaneadas polo Mosteiro e o Estudiante. A principios do s XX o carácter agrario do concello provocou un importante movemento en pro da redención dos foros que culminou coa elección de Manuel Portela Valladares como deputado pola Fonsagrada e a promulgación da lei de redención dos foros en 1925. Nos ss XIX e XX tivo un importante pulo a actividade das ferreirías.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa María da Fonsagrada, de Lamas de Moreira (ss XII-XVIII), na que se conserva unha ábsida e varios capiteis románicos, e a de Veiga de Logares. Da arquitectura civil destacan a fortaleza de Burón (s XV), declarada BIC en 1994, os restos do Hospital Real de Montouto (s XIV), o pazo de San Martiño de Arroxo e a casa grande da Graña. No eido da arquitectura popular destacan os núcleos con construcións tradicionais, como pallozas, ouriceiras e hórreos, de Cereixido, Lamas de Moreira e A Fornaza, e das institucións culturais hai que salientar o Museo Comarcal da Fonsagrada. Do seu patrimonio natural destacan os espazos do Río Eo, A Marronda e Carballido, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas do Corpus Christi, San Cristovo e Santiago e as gastronómicas do Botelo e a Castaña.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Fonsagrada, A
Extensión 438 Km2
Poboación Total 4748 h
Poboación Homes 2485 h
Poboación Mulleres 2263 h
Densidade de poboación 10.84 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias