Forcarei

Forcarei


Concello da comarca administrativa de Tabeirós-Terra de Montes, situado na provincia de Pontevedra no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao NL co concello de Silleda (na comarca do Deza), ao L co de Lalín (Deza), ao S cos do Irixo e Beariz (ambos os dous na comarca do Carballiño) e A Lama e Cotobade (na de Pontevedra), ao O co de Cerdedo e ao NO co da Estrada. Abrangue unha superficie de 168,4 km 2 , nos que acolle unha poboación de 4.428 h (2007), distribuídos nas parroquias de Aciveiro, Castrelo, Dúas Igrexas, Forcarei, A Madanela de Montes, Meavía, Millarada, Pardesoa, Pereira, Quintillán, San Miguel de Presqueiras, Santa Mariña de Presqueiras e Ventoxo. A capital municipal é a vila de Forcarei, situada a 42° 35’ de latitude N e 8° 20’ de lonxitude O, 44 km ao NL de Pontevedra e 52 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial da Estrada e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
A elevada altitude media do concello de Forcarei (aproximadamente 625 m) fai que se sitúe baixo o dominio climático oceánico de montaña, pois os rexistros termopluviométricos vense moi afectados por ese factor topográfico. As masas de aire húmido de compoñente SO procedentes do Océano Atlántico chegan a estas terras sen a penas ter atopado antes elevacións de consideración, polo que ao entrar en contacto coas primeiras serras occidentais, ascender e condensarse, dan lugar a precipitacións moi superiores respecto as que se rexistran na costa; neste sector recóllense as máximas de Galicia, cunha media anual que supera os 2.000 mm. En sentido inverso, aínda que tamén pola mesma causa (a altitude), as temperaturas son máis baixas que no litoral: a media anual oscila entre os 12°C das zonas baixas e os 10°C nas máis elevadas. Polo que respecta ao relevo, no concello de Forcarei atópanse as grandes aliñacións montañosas meridionais da Dorsal Occidental Galega. Asentadas sobre unha litoloxía dominada polos materiais graníticos e os gneises, de NL a S sucédense a serra do Candán, os montes do Testeiro e de Costoia e, fimalmente, a serra do Cando, que constitúen os límites orientais e meridionais do concello. No NL, entre as parroquias de Aciveiro e Millarada, érguese a serra do Candán, que ten o seu cumio no San Bieito (1.014 m de altitude). Os montes do Testeiro prolónganse polo L, polas parroquias da Madanela de Montes e Pardesoa, e culminan no monte Uceiro (1.003 m). No S, na parroquia de Santa Mariña de Presqueiras sucédense os montes de Costoia e a Serra do Cando, que ten o seu teito nos 1.017 m dos Outeiros do Couto. O río Lérez, que nace na parroquia de Aciveiro ao pé do monte Suapica (838 m), na serra do Candán, é o principal colector das augas do concello, aínda que a rede fluvial se completa co Umia, que ten as súas fontes tamén ao pé do Suapica, na parroquia de Pereira, e drena o N do concello.
Xeografía humana
Na evolución demográfica que experimentou o concello de Forcarei nos últimos dous século pódense distinguir dúas etapas claramente diferenciadas, que tiveron o seu punto de inflexión en 1940, data na que acadou o seu máximo poboacional. Ata entón o concello experimentara un crecemento case que continuo en todas as catas censais (agás no período 1920-1930, que se pechou cun descenso do 2%). O s XX comezou despois dunha etapa de gran declive demográfico, pois entre os anos 1887 e 1900 pasou de 8.378 h a 7.751 h (un retroceso do 7,5% en 13 anos). Non obstante , entre 1900 e 1940, experimentou un notable incremento, do 19%, ata chegar aos 9.244 h. Despois, a incidencia da masiva emigración, que se dirixiu tanto aos núcleos urbanos industriais das Rías Baixas (principalmente cara a Vigo e Pontevedra) como estatais e europeos (en especial cara a Suíza), provocou a inversión da tendencia, de xeito que se rexistraron perdas sucesivas en cada cata censal ata 1970, particularmente intensas entre 1960 e 1970, no que a súa poboación diminuíu nun 12,8%. A interrupción do proceso emigratorio polo cesamento da demanda de man de obra nas áreas receptoras (consecuencia da “crise do petróleo” na segunda metade da década dos setenta), provocou unha pírrica recuperación demográfica, cun incremento entre 1970 e 1981 do 1%. O proceso de avellentamento da poboación que provocara a masiva emigración das décadas precedentes manifestouse claramente na década seguinte (1981-1991), cando o crecemento recuperou o signo negativo a un ritmo moi acelerado. Nese período Forcarei perdeu máis da cuarta parte da súa poboación (concretamente un 26,5%), e acadou mínimos históricos (5.229 h [1991]). As cifras do padrón municipal de 1996 indican unha leve recuperación, que contrasta coas cifras do crecemento vexetativo: o balance entre nacementos e defuncións rexistrou unha diferencia de -71 en 1995 e -56 en 1996. En 2001 a poboación descendeu a 4.801 h, descenso que volveu a repetirse no padrón de 2007. O intenso grao de avellentamento tamén se reflicte claramente na estructura por idades da poboación, pois os maiores de 65 anos constitúen o 36,2% dos residentes no concello, fronte ao 11,6% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 52,2%. O crecemento natural (2006) foi negativo negativo (-10‰), froito dunha baixa taxa de natalidade (3,9‰) e unha elevada mortalidade (13,9‰).
Ademais, a distribución por sexos volta a ser indicativa dese elevado índice de avellentamento, pois as mulleres, polo xeral bastante máis lonxevas que os homes, son o 53% da poboación, fronte só un 46,96% de homes. Soutelo de Montes (A Madanela de Montes) e O Cachafeiro (Forcarei) son, xunto coa capital municipal, os principais núcleos de poboación do concello.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Forcarei é do 47,9% (58,6% a masculina e 38,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,6% (53,8% a masculina e 34,6% a feminina) e a taxa de paro é do 9,1% (8,1% a masculina e 10,4% a feminina). A estrutura económica do concello de Forcarei amosa trazos que pemiten apreciar a súa evolución dende unha sociedade intensamente agraria cara a un modelo máis diversificado. A súa localización interior de montaña representou tradicionalmente un obstáculo para o desenvolvemento de actividades distintas ás agropecuarias, sector que aínda acolle a un bo número de empregados malia que xa non exerce a hexemonía que mantivo ata a segunda metade do s XX: 28,4%. A súa evolución non se pode explicar sen a intervención dunha variable fundamental: a emigración. A escasa rendibilidade do modo de produción labrega orientada ao autoconsumo da unidade familiar incentivou na mocidade de Forcarei o afán de emigrar, polo que xa dende a segunda metade do s XIX a emigración foi un fenómeno moi presente na vida do concello. Esa emigración aliviou a presión demográfica sobre os recursos e tamén achegou capital externo, factores que permitiron emprender un proceso de reorientación das explotacións cara a unha especialización na gandería bovina dedicada á produción láctea, que, á súa vez, provocou excedentes de man de obra que, ou ben encontrou ocupación nalgún outro sector, ou ben emigrou. O número de explotacións gandeiras censadas no concello de Forcarei supera o medio milleiro. En total no concello hai 4.761 cabezas de gando bovino (1999). A titularidade das explotacións coincide na práctica totalidade dos casos cos traballadores que as atenden. É frecuente que persoas ocupadas noutros sectores dediquen o seu tempo de lecer á explotación familiar, que así constitúe un apreciable complemeto das súas rendas. A construción é un sector bastante considerable, pois emprega ao 21,4% dos traballadores do concello; este sector foi tradicionalmente un dos piares da economía de Forcarei, que ten sona en Galicia de ser terra de bos canteiros; a maestría nese oficio téntase perpetuar nas escolas-taller. A industria acolle ao 13% dos ocupados; moitos oficios artesanais aínda se manteñen, como por exemplo o dos cereiros. Os servizos ocupan ao 37% dos ocupados. A principal vía de comunicación é a estrada nacional N-541, que o comunica con Pontevedra e Ourense e pasa polo S do concello, ademais da PO-534.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos son, entre outros, as mámoas de Aciveiro, Castrelo, A Madalena e Meavía e as explotacións de estaño da Idade do Bronce. De época castrexa consérvanse, entre outros, os castros de Coto do Castro (Dúas Igrexas), de Mouteira (A Madalena), Castro das Rodeiras e o Castro da Mounteira (Millarada); mentres que da época romana tan só se conservan algúns restos cerámicos e a necrópole do castro das Rodeiras. As primeiras noticias escritas datan do s IX, cando o Rei Afonso III doou as terras de Forcarei á sé de Iria, e que con posterioridade Urraca entregou ao arcebispo Xelmírez. A mitra compostelana exerceu o señorío, desde a fortaleza de Castro de Montes, ata a súa destrucción nas Revoltas Irmandiñas, cando se trasladou a Soutelo de Montes. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertencían á xurisdición da Terra de Montes, baixo o señorío do arcebispo de Santiago. A ocupación napoleónica atopou unha intensa resistencia nesta parte da Terra de Montes. Coa promulgación en Cádiz da Constitución de 1812 suprimiuse o señorío e creáronse os concellos de Millarada, Presqueiras e Quintillán, adscritos á provincia de Galicia. Non obstante , en novembro de 1814 o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime. Tralo pronunciamento do coronel Riego en Cabezas de San Juan, en 1820 restablecéronse a Constitución e os tres concellos antes citados. En 1822 pasaron a integrarse na provincia de Vigo, pero un ano máis tarde, en 1823, Fernando VII decretou por segunda vez a derrogación da Constitución e a restauración dos señoríos. A implantación definitiva do municipalismo tivo lugar entre 1834 e 1836. Os tres concellos que existiran con anterioridade refundíronse no de Forcarei, que se constituíu en decembro de 1836 e foi adscrito ao partido de Tabeirós e á provincia de Pontevedra. En 1846 Forcarei tomou parte no levantamento baixo o liderado do secretario do concello, Xosé Andión. A principios do s XX fundáronse na vila varias asociacións agrario-obreiristas. En 1901 fundouse a Sociedad Agraria y Ganadera, coa que pretendían defenderse do caciquismo, que en 1923 cambiou o nome polo de Federación Municipal de Forcarey El Porvenir, e apareceu a publicación de Acción Social, co subtitulo Órgano Defensor de las Sociedades de Forcarey y sus Contornos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destacan, entre outros, o mosteiro de Santa María de Aciveiro do que se conserva a igrexa cun retablo de M. Romay e algunha das estancias adxacentes, a igrexa de Santa María de Castrelo (ss XVI-XVII) e a parroquial de Pereira (s XVII). Da arquitectura civil sobresaen a torre de Alarma de Barciela (s XV) e a ponte do Atranco, a ponte vella de Andón, a ponte dos Portos, a ponte vella de Fraga e a ponte do Gomail (s XV). No eido da arquitectura popular destacan o hórreo de Cotino (Aciveiro), o conxunto de cruceiros da parroquia de Pedro de Quintillán e cruceiro da praza de Forcarei, atribuído a Xosé Ferreiro. Do seu patrimonio natural destacan os espazos das Brañas de Xestoso, da Serra do Candán e da Serra do Cando, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas das Dores en Forcarei, no mes de abril; a de Santa María de Aciveiro á beira do mosteiro en setembro, a romaría de Santo Antonio de Garellas na Millarada en xuño, e a festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes en agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Tabeirós-Terra de Montes
Extensión 168 Km2
Poboación Total 4428 h
Poboación Homes 2081 h
Poboación Mulleres 2347 h
Densidade de poboación 26.36 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias