formigón

formigón

(< formigo)

  1. s m [CONSTR]

    Material utilizado en construción, formado por grava, area, cemento pórtland e auga. Trátase dun material que pode ser moldeado de moitas formas e que presenta unha gran variedade de texturas e cores. Os materiais empregados para elaborar a masa teñen que estar nunha proporción adecuada para formar unha masa compacta na que a area encha suficientemente os espacios comprendidos entre a grava, e o cemento fai de elemento de ligazón da area e da grava e enche os ocos comprendidos entre elas. Os diferentes tipos de formigón defínense segundo a proporción en volume en que interveñen os seus compoñentes: o formigón 1:4:8 faise cunha parte do volume de cemento, catro de area e oito de grava. A adecuada proporción dos ingredientes fai que sexa máis compacto e, polo tanto, máis resistente. Ao ser un material pastoso, pódese obter a forma desexada verténdoo nun encofrado construído previamente ou nun foso, baixo terra, que serve de cimento.

  2. formigón armado

    Formigón composto por unha estrutura interna metálica destinada a resistir esforzos de tracción e flexión que o formigón normal non pode aguantar.

  3. formigón asfáltico

    Formigón formado por unha mestura de agregado mineral e de asfalto ou masa de asfalto.

  4. formigón bituminoso

    Formigón que ten os seus compoñentes ligados con betume.

  5. formigón ciclópeo

    Formigón no que se engaden elementos grosos como bloques, que se emprega na construción de presas e outros traballos semellantes.

  6. formigón de alcatrán

    Formigón formado por unha mestura de agregado mineral e alcatrán, preparada previamente e comprimida.

  7. formigón de terra

    Formigón composto por grava e area unidos por arxila.

  8. formigón en bruto

    Formigón no seu estado natural unha vez que se lle retirou o encofrado.

  9. formigón hidráulico

    Formigón no que se empregou cal hidraúlico.

  10. formigón lixeiro

    Formigón de pouca densidade elaborado a base de materiais porosos ou inxectado no seu interior con burbullas de aire. Emprégase para estruturas lixeiras.

  11. formigón moldeado

    Formigón formado por unha proporción variable de area, cal e cemento.

  12. formigón ó baleiro

    Formigón deshidratado por baleiro superficial.

  13. formigón prefabricado

    Formigón no que os seus compoñentes foron mesturados na fábrica ou noutro lugar antes de ser aplicados na obra.

  14. formigón pretensado/tensado

    Formigón armado que tivo a súa estrutura metálica sometida a tensións para contrarrestar as producidas polas cargas a que se lle somete e evitar así as posibles fendas.

  15. formigón refractario

    Formigón elaborado con compoñentes refractarios e un cemento aluminoso ou aluminato de cal que pode resistir altas temperaturas.

  16. formigón translúcido

    Perpiaño de formigón armado con insercións de elementos de vidro, moldeado ou baldosas de vidro, que permite o paso da luz.

  17. formigón vibrado

    Formigón sometido a vibracións internas durante o fraguado coa finalidade de ser máis compacto.

  18. formigón zunchado

    Formigón no que a armadura transversal forma unha hélice de pouco paso para aumentar a resistencia da compresión.

Palabras veciñas

formigar | Formigas | formigo | formigón | formigoneira | Formigueira, pazo da | formigueiro