Fornelos de Montes
Concello da comarca de Vigo, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos da Lama e Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra), ao L cos de Avión (O Ribeiro) e Covelo (A Paradanta), ao S co de Mondariz (O Condado) e ao O cos de Pazos de Borbén e Soutomaior (Vigo). Abrangue unha superficie de 83,1 km2cunha poboación de 2.036 h (2007), distribuídos nas parroquias de Calvos, As Estacas, Fornelos de Montes, A Laxe, Oitavén, Traspielas e Ventín. A capital municipal é a vila da Igrexa, na parroquia de Fornelos de Montes, situada a 42° 20’ de latitude N e 8° 27’ de lonxitude O, 36 km ao NL de Vigo e 87 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Redondela e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O concello de Fornelos de Montes sitúase nunha área de transición cara ao dominio climático oceánico de montaña, onde a incidencia da altitude reflíctese nos rexistros termopluviométricos. Así, as temperaturas redúcense respecto ás que se rexistran en latitudes similares: a temperatura media anual é de 11,1° C; a temperatura media do mes máis frío son os 5,1° C de febreiro, cando a media das mínimas absolutas é de -4,8° C; a temperatura media do mes máis cálido é a de xullo, 17,4° C, cunha media das máximas absolutas de 29,9° C. Polo que respecta ás precipitacións, a altitude provoca que se recollan volumes moi superiores aos do contorno, que chegan aos 2.862 mm de media anual. As chuvias concéntranse especialmente no inverno e no outono, cando se recollen dous tercios das totais do ano (36% e 30%, respectivamente); pola contra, no verán só se recollen o 11% das precipitacións anuais, aínda que o seu volume (304 mm de media) evita que se produza déficit hídrico; a primavera, co 23% das chuvias, adopta un papel de estación de transición pluviométrica. O relevo articúlase a partir de dúas grandes unidades: a serra e o val. A serra do Suído ocupa as parroquias centrais e orientais: as maiores altitudes rexístranse no sector máis ao L, no límite da parroquia da Laxe cos concellos de A Lama, Avión e Covelo: son o Coto Minuto (1.030 m de altitude) o Outeiro Vello (1.000 m) e a Pena Aranda (911 m). Nos sectores setentrional e occidental do concello sitúase a conca que recolle as augas que baixan do Suído. A rede hidrográfica articúlase ao redor da conca do Oitavén, que discorre polo límite setentrional do concello e na parroquia de Calvos représase no encoro de Eiras, un dos que abastecen de auga á área metropolitana de Vigo. Este río recolle entre outros afluentes, o Parada, que discorre polo N, e o Barragán, que baixa polo límite O do concello.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Fornelos de Montes durante o s XX caracterizouse pola recesión, que foi constante a partir da década de 1910. A finais do s XIX, en 1900, o concello sumaba 2.795 h. A década inaugural da centuria rexistrou un crecemento da poboación do 0,9% anual que o levou a acadar o máximo volume demográfico, con 3.047 h en 1910. Non obstante , os rigores climáticos que impón o relevo e a súa repercusión nas actividades económicas, tremendamente limitadas nas súas posibilidades de desenvolvemento, favoreceron unha importante incidencia do fenómeno emigratorio neste concello, que axiña emprendeu unha dinámica de despoboamento que, aínda que a ritmos moderados, concluíu ao remate do período observado (en 1996, cando se rexistraron 2.410 residentes no concello) cun descenso demográfico do 21% con respecto ao momento de maior poboación. O ritmo do descenso foi prácticamente constante, nunha poboación que nunca fora moi numerosa; tan só na década de 1970 se rexistrou un leve incremento, case que imperceptible, ao pasar de 2.340 h en 1970 a 2.377 h en 1981 (crecemento a un ritmo medio do 0,14% anual), debido á interrupción das oportunidades de emprego nas áreas que tradicionalmente recibiran os emigrantes, nunha conxuntura de crise económica xeneralizada no mundo occidental. En 1996 contaba con 2.410 h, cifra que se reduciu a 2.066 h en 2001 e a 2.036 h en 2007. Como consecuencia desta evolución demográfica, a poboación presenta un elevado grao de avellentamento, pois os maiores de 65 anos son o 26,3% da poboación e os menores de 20 o 13,9% do total; o grupo intermedio representa o 51,8%. O crecemento natural (2006) foi negativo negativo (-3,9‰), froito dunha baixa taxa de natalidade (5,6‰) e unha elevada mortalidade (9,5‰). Polo que respecta á proporción entre sexos, é amplamente favorable ás mulleres, que constitúen o 56,68% da poboación fronte ao 46,31% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Fornelos de Montes é do 38,2% (55,9% a masculina e 23,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 25,6% (39,6% a masculina e 13,8% a feminina) e a taxa de paro é do 33% (29,1% a masculina e 40,9% a feminina). Malia as dificultades de accesibilidade ás que se enfronta este espazo intramontano, os servicios constitúen o principal sector de actividade; no sector terciario ocúpase máis da metade (o 58,3%) dos traballadores, destacando o subsector da hostelería. O sector agropecuario xera o 3,2% dos postos de traballo, fundamentalmente relacionados cunha agricultura orientada ao autoconsumo e practicada en pequenas explotacións de carácter doméstico e moi limitada polas condicións climáticas (relativo rigor invernal) e topográficas, de feito a área cultivada redúcese aos vales. Cultívase millo, patacas, centeo e produtos hortícolas. O millo e o centeo empréganse principalmente na alimentación do armentío bovino, única especie gandeira que se cría no concello con vocación comercial; pola contra, o porcino, ovino e caprino oriéntanse ao autoconsumo. A construción emprega o 19,4% dos traballadores, unha porcentaxe semellante á dos traballadores da industria (19%). En ambos os dous sectores as empresas radicadas no concello empregan pouco persoal e manexan un volume de facturación pequeno. As comunicacións, moi deficientes, articúlanse arredor da estrada comarcal C-531, que atravesa o L do concello e o conecta coa cidade de Pontevedra, e da estrada local PO-251, que conduce ao enlace en Redondela coas estradas nacionais N-550, N-555 e N-552; a través da última accédese a Vigo.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos son o megalito do Porto da Arca (A Laxe) e os gravados rupestres do Coto do Galo. Da época castrexa consérvanse os castros do Monte da Cividade (Oitavén), Monte Castrove (A Laxe) e Monte Castelo (Calvos). En 1467 houbo un ataque frustrado, durante a segunda revolta irmandiña, á torre de Alemparte (San Lourenzo). En 1482 volveu ser sitiada sen éxito polas tropas do bispo de Tui. Finalmente, Pedro de Soutomaior conseguiulla arrebatar á súa nai. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Fornelos de Montes pertencían á xurisdición de Soutomaior, tiña o seu señorío o duque de Soutomaior e estaba integrada na provincia de Tui. En 1813, segundo as disposicóns emanadas da Constitución de Cádiz, substituíuse o réxime señorial por unha administración municipal, feito que supuxo a creación do concello de Fornelos de Montes. Non obstante , en 1814 o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o réxime señorial. As vicisitudes políticas propiciaron un segundo período de vixencia do concello (1820-1823), unha vez que triunfou o pronunciamento do coronel Riego en Cabezas de San Juan e se recuperou o sistema constitucional. Neste intervalo, concretamente en 1822, o concello pasou a depender da provincia de Vigo. A definitiva implantación do municipalismo produciuse en 1835: daquela o que fora concello de Fornelos de Montes integrouse no concello de Soutomaior, no que permaneceu ata 1870, cando se consumou a segregación da que resultou a actual formación do concello: antes, en 1854, rexistrouse un efémero traslado da capitalidade deste municipio de Soutomaior, que conservou a súa denominación, á parroquia de Fornelos de Montes; sen embargo, malia que o traslado fora aprobado polas autoridades da provincia, no verán dese mesmo ano a capitalidade regresou a Soutomaior.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan o sepulcro antropomorfo escavado na rocha de Vilán, a igrexa de Fornelos de Montes, os restos da torre de Alemparte, destruída en 1890, e a ponte románica sobre o Oitavén. No eido da arquitectura popular destaca o peto de ánimas de San Lourenzo. Entre os espazos naturais sobresae o encoro de Eiras e a praia fluvial de Ponte Vilán e o espazo natural do Río Tea, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar destacan as de San Lourenzo na capital municipal, as de San Caetano e as de San Bieito en Oitavén.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Vigo |
| Extensión | 83 Km2 |
| Poboación Total | 2036 h |
| Poboación Homes | 943 h |
| Poboación Mulleres | 1093 h |
| Densidade de poboación | 24.53 h/Km2 |
Parroquias
| Calvos |
| Estacas, As |
| Fornelos de Montes |
| Laxe, A |
| Oitavén |
| Traspielas |
| Ventín |