fortificación

fortificación

(< fortificatĭōne)

  1. s f

    Acción de fortificar.

  2. [BÉL/CONSTR]
    1. s f

      Conxunto de obras de defensa, provisionais ou permanentes, concentradas nun edificio ou dispersas nun extenso territorio, que constitúen unha unidade arquitectónica ou estratéxica coordinada. Xa en tempos protohistóricos construíronse fortificacións (cercas, fosos, murallas de lama e de palla), aínda que ata a Idade Media o aproveitamento de fortificacións naturais prevaleceu sobre outras consideracións ao escoller o lugar dunha fundación. Os muros de cantería irregulares e os fosos secos deron paso aos recintos amurallados, ás acrópoles, situadas nas partes altas das cidades gregas, como Micenas e Atenas, que acollían os templos e os edificios públicos, e ás grandes murallas, como as de Hattusa e a de China. Os romanos levaron a arte da fortificación de campaña a niveis non superados ata o s XIX e edificaron tanto fortificacións permanentes locais, xeralmente aproveitando defensas naturais, como territoriais, dispersas por unha extensa fronteira. Na Idade Media descoñecíanse esta clase de fortificacións e multiplicáronse as permanentes e locais. En poucos decenios, comarcas enteiras cubríronse de castelos e cidades e pobos foron rodeados de murallas. A construción coetánea de sólidos mosteiros en lugares estratéxicos parece obedecer a un todo defensivo preestablecido: o mosteiro era refuxio e garda, era a vangarda da terra de ninguén ou controlaba unha vía de acceso ou unha costa chea de piratas. No s XVI os progresos da artillería modificaron o concepto de fortificación. As murallas altas e dun só grosor substituíronse por construcións baixas sumamente reforzadas (contraescarpas cubertas, bastións, baluartes, amplos fosos, refuxios e pasadizos subterráneos, e poternas), mentres que as ameas, barbacás, troneiras e pontes levadizas non conservaron máis que un valor decorativo. Desde entón perderon a súa dobre funcionalidade de residencia e de fortaleza e convertéronse en palacios ou nunha obra estritamente militar. Nos ss XVII e XVIII a arte da fortificación conduciu á creación dunha nova arma nos exércitos, chamada de enxeñeiros. No s XVII o enxeñeiro S. Vauban desenvolveu as fortificacións pentagonais con baluartes. No s XVIII M. R. Montalembert introduciu novos sistemas defensivos, baseados na fortificación de puntos achegados á praza forte. Así foi como xurdiron os fortes destacados e destes os campos atrincheirados. No s XIX renunciouse en gran parte á construción maciza e multiplicáronse as imbricacións de sistemas concéntricos de comunicacións, alternando, en puntos estratéxicos, con casamatas e con liñas de atrincheiramento pouco visibles a primeira vista. Na Primeira Guerra Mundial caeron fortalezas e prazas fortes consideradas ata daquela inexpugnables, e o sistema de fortificación por excelencia foi a trincheira. Na Segunda Guerra Mundial o sistema de fortificación predominante foi o conxunto de refuxios antiaéreos, de casamatas, de búnkers, de redes de protección aérea e de zonas minadas. Nas potencias hexemónicas do s XXI as fortificacións, as murallas e os castelos da Antigüidade convertéronse nas invisibles redes aéreas antimísiles e nos satélites de detección e interceptación, amais das flotas e as bases navais e aéreas. No ámbito da fortificación como refuxio, en contraste cos castelos ou mosteiros medievais que, en caso de ataque, abrían as súas portas a toda a poboación, os refuxios atómicos, construídos desde mediados do s XX nos EE UU, son accesibles a unha minoría. En cambio, nalgúns países como Suecia numerosas fábricas, escolas e hospitais, teñen un dobre soto a proba de ataques nucleares.
      As fortificacións en Galicia
      As primeiras construcións fortificadas de Galicia pertencen á época castrexa. Os castros, situados con frecuencia no cumio dun monte ou protexidos por un río, rodeábanse de murallas, fosos e campos de pedras fincadas, que dificultaban os ataques de tropas dacabalo. Coa presencia romana, cidades como Lucus Augusti dotáronse de elementos defensivos semellantes aos empregados nos campamentos, rodeados por unha muralla de pedra ou madeira, con torres nos ángulos e nas portas, á súa vez rodeada por un foso. A partir do s X apareceron fortificacións que responden ao esquema dunha simple torre de planta cadrada ou rectangular, que completaba os elementos defensivos cunha cerca e un foso. Servían para controlar vías de comunicación e dispuñan normalmente de tres pisos, dispostos sobre trabes de madeira; entre outros, destacan os restos de Santa María da Lanzada. Dende o s XI presentaron unha maior variedade de formas e xurdiron estruturas complexas formadas por varios recintos cunha disposición concéntrica, como a fortaleza de Castro Caldelas, ou tanxentes a un punto de maior fortaleza natural, como as Torres do Oeste en Catoira. Tralas Guerras Irmandiñas, durante as que se destruíron numerosos castelos e fortalezas, o proceso de reconstrución, que se prolongou ata comezos do s XVI, só afectou a algunhas delas, entre outras, á fortaleza dos Lemos en Monforte. Nas construcións realizadas durante os ss XVI e XVII nas costas galegas, para defendelas dos ataques piratas e dos ingleses, aplicáronse novos principios, como o fortalecemento dos muros, a creación de glacis e escarpas e as modificacións nas estruturas, que tenderon ás formas pentagonais nas unións dos lenzos das murallas. As construcións fortificadas da Coruña iniciáronse coas murallas da Idade Media e completáronse a partir do s XVI coa construción, entre outros, do castelo de Santo Antón (1528). No s XVI a ría de Ferrol defendeuse polo triángulo formado polo desaparecido castelo de San Martiño e os castelos da Palma e de San Filipe, remodelados no s XVIII. A defensa de Vigo comezou coa construción de murallas no s XVI e completouse nos ss XVII e XVIII coa construción de baluartes e dos castelos do Castro e San Sebastián. Na fronteira portuguesa, como consecuencia dos enfrontamentos na loita pola independencia de Portugal, realizáronse importantes obras fortificadas, como as de Tui, Salvaterra e Goián, na desembocadura do Miño. Ademais cómpre destacar as murallas de Betanzos, Pontevedra, Ribadeo, Santiago e Viveiro, os castelos da vila de Muros e da Concepción, en Cedeira, e os fortes de San Carlos, en Fisterra, e de San Fernando, en Marín.

    2. fortificación de baluartes

      Sistema construtivo procedente de Italia que se desenvolveu dende mediados do s XVI para a defensa contra a artillería. Estendeuse por Europa, América e outras áreas sometidas á influencia occidental. Caracterizouse, entre outros elementos, pola pouca elevación da súa construción, o grosor das murallas e a desaparición dos ángulos mortos, mediante a substitución das torres cadradas ou redondas das esquinas por construcións pentagonais.

Palabras veciñas

Fortes do Porto, Pedro | Fortes, Susana | Forth | fortificación | fortificante | fortificar | fortín