fósforo
(< lat phosphŏru < gr ϕωσϕόρος ‘portador de luz’)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento químico non metálico pertencente ao grupo V da táboa periódica, de valencias +3 ou +5, número atómico 15 e masa atómica 30.97376. O nucleido 31 constitúe o elemento natural; coñécense seis nucleidos artificiais: 28, 29, 30, 32, 33 e 34. O alquimista H. Brand foi o primeiro en obtelo (Hamburgo, 1669), a partir dos ouriños. Aínda que é relativamente pouco abundante na natureza (a codia terrestre contén un 0,1%), ten unha importancia considerable nos reinos animal e vexetal; atópase, nas rochas, en estado de fosfatos metálicos, dos que o máis abundante é o fosfato tricálcico ou fosforita, de fórmula Ca 3 (PO 4 ) 2 , que constitúe xacementos importantes ao norte de África (Túnez) e nos EE UU (Florida). No procedemento clásico de preparación industrial do fósforo, que deriva do de Scheele, o fosfato tricálcico trátase con ácido sulfúrico, e o ácido fosfórico que se obtén é reducido polo carbono. No procedemento moderno o fósforo prepárase sobre todo a partir da fosforita, nun forno eléctrico. O fósforo é un sólido polimorfo que presenta diferentes variedades alotrópicas con propiedades físicas diferentes; o fósforo branco e o fósforo vermello son as que máis se coñecen. O fósforo branco é un sólido de cor ámbar que cristaliza no sistema cúbico. É unha variedade metaestable a temperatura ambiente e obténse por arrefriamento brusco do vapor de fósforo. O fósforo vermello ten unha cor que varía do rosado ao morado; a temperatura ambiente esta variedade é máis estable ca a outra, posto que, por efecto da luz, o fósforo branco transfórmase lentamente en fósforo vermello. O fósforo pertence á familia do nitróxeno, pero é menos electronegativo ca este; non se combina directamente co hidróxeno e ten unha grande afinidade cos halóxenos e o osíxeno, co que forma diferentes óxidos. A temperatura ambiente o fósforo branco oxídase lentamente e transfórmase en óxido de fósforo(III) (P 2 O 3 ), con desprendemento de calor, que ás veces é suficiente para inflamalo espontaneamente, feito polo que se ten que conservar dentro da auga. O fósforo combínase cos halóxenos, en contacto con estes inflámase, únese ao xofre e dá o sesquisulfuro (P 4 S 3 ) e combínase tamén, en quente, con case todos os metais, que transforma en fosfuros, como o Ca 3 P 2 . É un redutor que descompón o vapor de auga, con produción de hidróxeno e de diferentes óxidos de fósforo; a temperatura ambiente reduce os sales dos metais pouco oxidables. O fósforo descompón as solucións alcalinas, con desprendemento de PH 3 , que se inflama espontaneamente con produción de hipofosfitos disoltos. O fósforo é un elemento necesario para os seres vivos; as plantas tómano do chan e os animais, do seu alimento. Constituínte importante dos tecidos, ósos e dentes fundamentalmente, e das células, forma parte das moléculas que transportan enerxía (ADP, ATP), de certas proteínas do sistema nervioso e do sangue, dos ácidos nucleicos e tamén intervén en moitas reaccións metabólicas. A produción de fósforo nos tecidos vivos é constante en relación coa de calcio. A terra de cultivo, que contén sempre ácido fosfórico, empobrécese en cada colleita; por colleita e por hectárea, as cantidades de P 2 O 5 que se extraen son de 35 kg para o trigo, de 20 kg para o orxo e de 30 kg para as patacas. O ácido fosfórico que se extrae substitúese en xeral mediante fertilizantes, sobre todo superfosfatos, que son os produtos resultantes do tratamento dun fosfato natural, ou dos ósos pulverizados, con ácido sulfúrico. O fósforo emprégase, en forma de sesquisulfuro, para fabricar mistos, raticidas e tamén bronces de fósforo.
-
s
m
misto.