Fotobienal
Exposición fotográfica que se celebra en Vigo dende o ano 1984, organizada polo Centro de Estudos Fotográficos e dirixida por Manuel Sendón Trillo, Xosé Luís Suárez Canal e Vítor Vaqueiro Foxo, -este último ata 1987-, que conta co patrocinio do Concello de Vigo. Entre os seus obxectivos figuran conformar un espazo de recuperación da fotografía histórica, dinamizar a fotografía galega, dar unha oportunidade a novos talentos e ofrecer unha pluralidade de imaxes sobre Vigo dende as perspectivas dos diferentes fotógrafos convidados. Divídese nas seccións: “Fotografía histórica”, “Vigovisións” e “Novas creacións”, e acompáñase de diversos ciclos de conferencias e bolsas de formación. Ao longo das súas diferentes convocatorias, a Fotobienal conseguiu reunir os fotógrafos máis destacados de Galicia e de todo o mundo. Na súa IX edición (2002) pasou a integrarse dentro da programación do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).