misión

misión

(< lat missĭōne ‘envío’)

  1. s f
    1. Obra que se encarga a unha persoa ou a un conxunto de persoas para que a cumpran.

    2. Función ou obra que realiza unha persoa ou cousa.

  2. s f

    Conxunto das persoas que son enviadas a algún lugar para realizar unha tarefa cunha finalidade concreta.

  3. [RELIX]
    1. s f

      Envío de sacerdotes e misioneiros, xeralmente a novas terras, para propagar unha doutrina relixiosa. É un fenómeno propio de todas as relixións universalistas, apréciase no budismo, no islamismo, no mazdeísmo, e nalgunhas escolas do hinduísmo nos tempos modernos, e dáse sobre todo do cristianismo. Evanxelizada entre os anos 43 e 49, Roma converteuse pola súa condición de capital do Imperio nun centro importante de organización xerárquica das misións. Durante o s IV, co establecemento constantiniano da fe cristiá como relixión imperial, fíxose posible a manifestación do afán universalista desta fe. A primeira comunidade cristiá exterior ao Imperio foi a dos sirios orientais da Mesopotamia sasánida. India recibiu o Evanxeo antes do s VII, no ámbito da mesma Igrexa Sirio-oriental. Ao N de Mesopotamia formáronse tamén, no s III ou IV, as igrexas de Armenia e Xeorxia, e ao tempo foron evanxelizados Etiopia e os godos, que, xunto con aquelas igrexas, se separaron de Roma e tiveron unha expansión diferente. Entre os ss VII e X estaba evanxelizado todo o mundo coñecido: Baviera, Alemaña, Turinxia, Baixo Rin e Frixia no s VII, Eslovenia no s VIII, Escandinavia no s IX e o Reino de Kiev e Hungría no s X. Nos ss XIII e XIV, na Igrexa Católica, franciscanos e dominicanos recibiron as misións de Extremo Oriente. Os descubrimentos xeográficos dos ss XV e XVI ampliaron o campo de acción dos misioneiros católicos, que acompañaron desde o primeiro momento aos colonizadores. Para tomar a dirección da tarefa misioneira Gregorio XV instituíu, en 1622, a Congregación da Propaganda Fide, para a defensa da independencia das misións e para fomentar a formación dunha clerecía autóctona. En 1634 abolíronse os privilexios das ordes relixiosas, que pasaron a depender desta Congregación. A acomodación ás culturas locais máis desenvolvidas provocou a Cuestión dos ritos chineses e malabares, e a resolución negativa desta provocou un retroceso nas misións de Extremo Oriente. O debilitamento relixioso que causaron a Ilustración, a supresión da Compañía de Xesús e a Revolución Francesa, coas súas severas repercusións, determinaron un novo e máis xeral retroceso misioneiro; pero a partir do segundo terzo do s XIX as misións recibiron un novo pulo, coa evanxelización de África. A incorporación dos laicos ás misións a través das obras misionais pontificias e a fundación de numerosas congregacións misioneiras, tanto masculinas como femininas, proporcionaron os axentes necesarios á pastoral misioneira da Igrexa Católica que, desde a encíclica de Benedic22to XV Maximum illud (1919) ata o decreto sobre a actividade misioneira da Igrexa (1965) do Concilio Vaticano II, se ocupou varias veces da base doutrinal desta pastoral. Respecto ás igrexas da Reforma, a súa primeira sociedade misioneira foi creada por John Eliot en Massachusetts (1649), pero non apareceu unha organización a grande escala ata que, no marco do pietismo xermánico, A. H. Francke creou na Universidade de Halle o primeiro centro mundial, e os seus primeiros misioneiros foron enviados a Tranquebar, en India en 1705, polo Rei Federico IV de Dinamarca. A finais do s XVIII creáronse diversas sociedades misioneiras británicas. O movemento misioneiro coñeceu o seu máximo esplendor durante o s XIX, coa expansión colonialista dos estados protestantes. Desde principios do s XIX creáronse sociedades de cooperación misioneira, especialmente as sociedades bíblicas e territoriais. Respecto ás igrexas ortodoxas, o seu esforzo misioneiro nos ss XIX e XX limitouse ás misións rusas en Siberia, Alasca e Xapón.

    2. s f

      Acción creadora e histórico-salvífica da segunda e da terceira persoa da Trindade chamada así na doutrina trinitaria, no sentido de que o Pai envía ao Fillo e ao Espírito Santo coa palabra de Deus e como principio de vida nova para os homes.

    3. s f

      Edificio ou residencia que serve de sede ou centro das actividades propias dos misioneiros e sacerdotes.

    4. santa misión

      Serie continuada de prédicas, leccións doutrinais e exercicios piadosos que fan durante algúns días nunha parroquia ou localidade un ou varios sacerdotes chamados misioneiros. A pesar de que o nome e a práctica son moi antigos, as misións non se institucionalizaron ata a primeira metade do s XIX. Un dos seus principais predicadores foi santo Antón María Claret, que fundou a Congregación de Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María, ou misionistas.

    1. s f

      Encarga particular que fai o Estado a algún organismo civil ou privado.

    2. misión diplomática [DER]

      Conxunto de persoas enviadas por un goberno a outro, ante o que son acreditadas diplomaticamente.