Misións Pedagóxicas

Misións Pedagóxicas

Institución de carácter socioeducativo e cultural, orientada a reducir a desigualdade entre o campo e as zonas urbanas. Durante a Segunda República, converteuse na experiencia máis xenuína de educación popular. Non se trataba de organizar un ensino sistemático, senón de complementar o labor da escola, cara a integración do mundo rural no novo marco social. O Padroado de Misións Pedagóxicas foi creado por un Decreto de 29 de maio de 1931. Os iniciadores das Misións inspiráronse na doutrina predicada por Manuel Bartolomé Cossío. Cossío reflexionara con frecuencia en levar ás aldeas e lugares apartados a cultura, reivindicando o ocio e a contemplación estética como valores educativos, convencido de que o gozo no estudo e na beleza da arte era moi importante para calquera persoa. O 6 de agosto de 1931 publicouse o Decreto en que se nomeaban os membros da comisión central: Manuel B. Cossío (presidente), Domingo Barnés (vicepresidente), Luis Álvarez Santullano (secretario) e catorce vogais. O Decreto de Misións, impulsado pola corrente institucionista, centrouse en tres grandes apartados: a) fomento da cultura xeral, mediante o establecemento de bibliotecas populares, fixas e circulantes, organización de lecturas e conferencias públicas, audicións e exposicións; b) orientación pedagóxica, con visitas a escolas e celebración de semanas ou quincenas pedagóxicas; c) educación cidadá, con reunións onde se afirmasen os principios democráticos, acompañadas de conferencias e lecturas   que explicasen cuestións relacionadas coa estrutura do Estado, participación política e demais. Un dos servizos máis importante foi a creación de bibliotecas, que se completaban con outros servizos: coleccións de gramófonos e discos; o cinematógrafo e as proxeccións fixas, en que destacou o labor de José Val del Omar; o Coro e o Teatro do Pobo, encargados de despertar a sensibilidade artística (con Eduardo Martínez Torner e Alejandro Casona, respectivamente); o Retablo de Fantoches; os cursos para mestres, e, finalmente, o Museo do Pobo, con reproducións de cadros, especialmente do Museo del Prado. As Misións foron duramente atacadas durante o segundo bienio (o bienio radical cedista) a partir de 1934, reducindo os seus orzamentos e criticando as súas funcións. O Padroado publicou dúas memorias, Misiones Pedagógicas (Septiembre de 1931, Diciembre de 1933) (1934) e Memoria de una misión pedagógico-social en Sanabria (Zamora) (1935). A finais de 1934, repartíranse un total de 5.000 bibliotecas, 485 en Galicia: A Coruña, 98; Lugo, 68; Ourense, 148, e Pontevedra, 171. Entre o 11 de agosto e o 17 de decembro de 1933 as Misións estendéronse polas catro provincias galegas. Contouse coa colaboración de Rafael Dieste, Ramón Gaya, Antonio Sánchez Barbudo, Xosé Otero Espasandín e Arturo Serrano Plaja, e tamén colaboraron Cándido Fernández Mazas e Antonio Ramos Varela. Durante estes meses percorreuse Xinzo de Limia, Allariz, O Carballiño e Maside, en Ourense; Lalín, Silleda e A Estrada, en Pontevedra; Rianxo, Boiro, Noia, Outes, Muros, Serres, O Pindo, Corcubión, Cee, Fisterra, Carballo, Malpica e Betanzos, na Coruña; Vilalba, Ribadeo, A Fonsagrada, Baralla e Becerreá, en Lugo, para rematar de novo na provincia de Ourense: A Mezquita, Queiruga e o Barco de Valdeorras. Foi a Misión de máis longa duración das realizadas por España e a primeira vez que se fixo coincidir co museo circulante de pintura. Púxose en marcha, tamén, unha nova creación artística de Misións: o Teatro de Monicreques, cun primeiro ensaio en Malpica e coa colaboración decisiva de Rafael Dieste. Paralelamente ás actividades organizadas polas Misións Pedagóxicas, hai que subliñar o labor realizado por algúns mestres e inspectores como Daniel Calvo, inspector-xefe de Lugo e da ATEO, que organizou conferencias e cursos de carácter agropecuario e as misións de Parada de Sil e Lobios-Entrimo, coa colaboración da inspectora María Cid. Durante 1934, Galicia contou con dúas Misións Pedagóxicas, dirixidas por Antonio Ramos Varela e Xavier Arias. A primeira tivo lugar na provincia de Pontevedra e encargouse da súa organización o inspector Roxelio Pérez González. Por unha Orde Ministerial de 31 de xullo de 1934, o Centro de Colaboración da Cañiza recibiu unha subvención para organizar unha semana pedagóxica, baixo a orientación do inspector José Muntada Bach. Esta subvención incluía varias viaxes a escolas galegas. Neste tempo, os mestres programaron para as súas escolas o estudo dos feitos xeográficos das respectivas parroquias, como base para o ensino globalizado. Ademais de trasladarse á Coruña, onde visitaron as Escolas da Guarda e recibiron leccións de María Barbeito Cerviño, os mestres da Cañiza e dos concellos limítrofes (Covelo, Arbo, Crecente) visitaron a Cooperativa Rural Escolar Anexa á Escola Nacional de Nenos de Budiño. Na Coruña, a Misión tivo lugar en Outes, A Picota, Mazaricos, Beba, Muros, Serres e Abelleira durante os meses de xullo e agosto e contouse coa participación do inspector Manuel Díaz Rozas. Os proxectos das Misións Pedagóxicas seguiron, aínda que con moitas limitacións, nos dous últimos anos da República. Coa chegada   da Guerra Civil, comezou o proceso de depuración.   Nunha circular do goberno civil de Lugo, publicada no Boletín Oficial da Provincia o 21 de xaneiro de 1937, recordaba que debían ser retirados e remitidos no prazo máis breve posible á Comisión Depuradora de Bibliotecas Escolares os seguintes libros: Estampas de aldea, de Cobos; Airiños da Miña Terra, de Curros Enríquez; Lecturas ciudadanas e Nociones de derecho, de Ascarza; Una historia del mundo para los niños, de Hillyer; La moral en la vida, de Charentón; Te voy a contar más cuentos, de Demuro; Estampas de España, de F. de Larra; Juan Clemente, de Lillo Rodelgo; Algunas mujeres, de María Luz Morales; El niño republicano, de Seró Sabaté, e Lecturas históricas, de Thomas. Outros libros,   de autores como Serrano de Haro, Azpeurrutia, Demuro, Junquera, Ibarz ou Santos Vila, aínda que recomendables, puntualizábase que contiñan pasaxes que non se acomodaban á mentalidade ou ás necesidades espirituais do nenos. No goberno da República, en outubro de 1936, creouse unha Sección de Propaganda Cultural dentro do Padroado de Misións Pedagóxicas. En 1937 organizáronse na zona republicana as Misións de Cultura, polas que mestres e profesores foron enviados para ensinar aos combatentes. Nos primeiros anos do Franquismo leváronse a cabo algunhas Misións Pedagóxicas, se ben cun carácter radicalmente distinto.

Palabras veciñas

Misiones | Misiones | misionoloxía | Misións Pedagóxicas | misiva | misivo -va | miskito