misto
(< lat mixtu ‘mesturado’)
Peza pequena de madeira, papel ou outro material combustible, que ten nun extremo unha mestura inflamable por fretaxe sobre unha superficie rugosa e que se emprega para acender lume. A fabricación de mistos iniciouse en París en 1805. Desde entón a composición da mestura inflamable variou ata que en 1864 G. Lemoine descubriu o sesquisulfuro de fósforo, que entrou como compoñente non tóxico dos mistos. Clasifícanse os mistos en fosfóricos, constituídos fundamentalmente por clorato potásico e sesquisulfuro de fósforo, e de seguridade, formados por substancias combustibles (clorato potásico, dicromado potásico, dióxido de manganeso e xofre), óxidos de ferro, pos de vidro e cola, e co extremo impregnado por unha substancia que lle impide quedar incandescente cando a chama se apaga. A superficie de fretaxe está formada por substancias oxidantes, fósforo vermello e sulfuro de antimonio, polos de vidro e un abrasivo. OBS: Tamén se denomina fósforo.