mitoloxía

mitoloxía

(< lat mythologĭa < gr μιϴολογία)

  1. s f [HIST/RELIX]

    Conxunto de mitos dun pobo, dun conxunto de pobos ou dunha zona xeográfica. Tamén pode facer referencia a unha relixión, divindade ou a unha obra literaria ou artística como a mitoloxía de Góngora ou Rubens.

  2. s f [MIT]

    Ciencia que estuda os mitos. Pódense sinalar catro tendencias na investigación desde o último terzo do s XIX: a mitoloxía comparada, a escola antropolóxica, o simbolismo e o funcionalismo. A mitoloxía comparada, con Max Müller como principal representante, recorre ás etimoloxías e ás comparacións para chegar á raíz dos feitos que estuda, que considera como enfermidades da linguaxe. A escola antropolóxica inglesa tivo como representantes a E. B. Taylor, Andrew Lang e J. G. Frazer e optou por explicacións de tipo naturalista. Nestes enfoques de estudo dos mitos ten un papel importante o contraste entre as civilizacións chamadas primitivas e a grecolatina. O simbolismo fixa unha especie de universais míticos comúns a todas as civilizacións sen constituír ningún sistema e o funcionalismo atende ao contexto histórico-cultural sen fixarse tampouco no sistema, como na obra de Malinowski. Das correntes posteriores destacan a liña antropolóxica de base sociolóxica das análises de M. Mauss, que pretendeu unha interpretación global, e o estruturalismo, grazas ás achegas de Lévi-Strauss.