Mitteleuropa
Obra escrita por Vicente Risco e publicada pola editorial Nós en 1934. Trátase dun diario de viaxe que se editara previamente a través de varias entregas na revista Nós e onde o autor narra parte das súas experiencias vividas en Europa Central ao redor de 1930. Este libro, que se centra fundamentalmente en Alemaña, contén, ademais da narración do camiño percorrido e dos principais elementos físicos que vai descubrindo o autor, unha serie de impresións, teorías e críticas, tales como a inmoralidade do negocio do turismo, a uniformidade da xuventude, a mecanización da realidade e o materialismo das clases sociais, que Risco divide entre capitalistas e obreiros. Todas estas ideas redundan nun principio que marcará gran parte da súa obra posterior, a teoría sobre a decadencia de Occidente e a perda da súa esencia espiritual. Ademais, considera que para que Galicia acade a súa propia conciencia precisa da antiga clase señorial, a fidalguía, xa que na nova realidade social que el atopa só observa egoísmo e a procura do propio beneficio. Deste xeito, Mitteleuropa convértese na confirmación experimental de toda a situación social occidental que el expuxera nos seus ensaios previos.