Mocedades Galeguistas
Federación de grupos xuvenís autónomos dentro do Partido Galeguista (PG), creada en marzo de 1934, que tiña entre os seus obxectivos a galeguización da universidade e a autodeterminación de Galicia. En xuño de 1934 celebrouse a I Asemblea da Federación de Mocedades Galeguistas, da que saíron elixidos como secretario xeral Francisco Fernández del Riego, como secretario de organización Xaime Isla Couto, X. L. Fontenla de secretario técnico, e Xohán Luís Ramos Pérez-Colemán de secretario de propaganda. A partir da II Asemblea, celebrada en 1935 e na que foi elixido secretario xeral Xosé Velo Mosquera, as súas posturas radicalizáronse. Na III Asemblea, celebrada en Ourense en maio de 1936, triunfou o grupo nacionalista radical e acordouse a modificación dos estatutos e do seu nome polo de Federación de Mocedades Nacionalistas. Despois da asemblea en xuño de 1936 confirmouse a separación do PG. A Guerra Civil supuxo a súa fin.