modernidade

modernidade

(< moderno)

  1. s f

    Calidade de moderno.

    Ex: É un modelo de modernidade.

  2. s f [FILOS]

    Conxunto de ideas e actitudes opostas ás da Antigüidade, a Idade Media ou o período clásico. Se ben pode resultar doado constatar que hai un conxunto de “ideas modernas”, é moito máis difícil establecer os límites da súa aparición. Referencias historiográficas como a caída de Bizancio e a Revolución Francesa parecen demasiado convencionais. Pódense atopar moitos dos trazos que caracterizan o pensamento moderno en autores moi anteriores a esta data e considerouse o ano 1000 como o comezo da modernidade. Hai tamén un amplo abano de posibilidades para definir o final. Mentres que para uns a modernidade remata co romanticismo, outros fana chegar ata case os nosos días. En canto aos trazos definitorios do pensamento moderno, M. Weber circunscribiunos ao paso dunha cultura baseada na relixión e na metafísica, cuns valores arredor de Deus, a unha cultura “politeísta” respecto aos valores, en que ciencia, moralidade e arte son esferas autónomas. Pódese falar dun tempo novo na arte definido pola aparición da figura do artista, polo xurdir da novela e polo concepto de estética como disciplina filosófica. A modernidade comporta unha nova concepción da moralidade, que se exemplifica nas ideas de Maquiavelo, que desembocará no proxecto ilustrado. A figura de Galileo e o xurdir da física matemática marcaron o cambio producido dentro do campo da ciencia. Desde un punto de vista filosófico, a nova visión do mundo baseouse no predominio do subxectivismo. Gradualmente, a filosofía deixará de ser primordialmente ontolóxica para pasar a ser epistemolóxica. Os cambios producidos tanto dentro da esfera política como dentro da científica apuntan a unha revalorización da razón, entendida como a característica esencial do ser humano, e suxeita ao pragmatismo: se o tema da política é o exercicio do poder, a física matemática xustifícase constituíndose nun medio para acadar a dominación técnica do mundo.

Palabras veciñas

moderato | Modern Jazz Quartet | Modern Style | modernidade | modernismo | modernista | modernización