Moeche
Concello da comarca de Ferrol, situado no N de Galicia e ao NO da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é latitude 43° 32’ N e lonxitude 8° 00’ O. Limita ao N co concello de Cerdido (comarca de Ortegal); ao L cos concellos das Somozas (comarca de Ferrol) e Cerdido (comarca de Ortegal); ao S cos das Somozas e San Sadurniño (comarca de Ferrol), e ao O cos concellos de San Sadurniño e Valdoviño, da mesma comarca. Abrangue unha superficie de 48,4 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.441 h (2007), distribuídos nas parroquias de Abade, Labacengos, San Xoán de Moeche, San Xurxo de Moeche e Santa Cruz de Moeche. A capital do concello é o lugar de Pereiro. Moeche localízase a 85 km da cidade da Coruña e a 133 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Mondoñedo e ao partido xudicial de Ortigueira.
Xeografía física
Moeche presenta en termos xerais unha alternancia entre vales e pequenos outeiros, que actúan como divisorias locais de augas. No bordo SL atópanse algunhas pequenas aliñacións montañosas que van desde pena da Cabra (368 m) e monte Agudo (371 m), ata o alto do Cadaval (383 m). En Cadaval aparecen afloramentos de serpentinitas, denominadas localmente toelo ou pedra de Moeche. Os múltiples vales son os que caracterizan o relevo do concello, pois son numerosos os cursos de auga que orixinaron estas chairas fluviais e que aparecen principalmente cara ao centro do concello. Son vales que posúen boas condicións edafolóxicas ao estar formados por materiais aluviais. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son suaves durante todo o ano, a temperatura media anual é de 12,5°C e o mes máis frío é xaneiro con 8,8°C de media e o máis quente é agosto con 18,3°C. A oscilación térmica é de 9,5°C, unha débil variación pola acción reguladora do mar. As precipitacións son elevadas, 1.376 mm anuais, a causa da localización xeográfica aberta aos ventos húmidos do SO que propician as precipitacións. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 34,16% do total anual; a mínima rexístrase no verán, cunha media do 11,05% do total; e presenta un déficit hídrico estival entre os meses de xullo e setembro. A rede hidrográfica configúrase con diversos ríos e arroios que drenan o concello e organízase ao redor da conca do río Grande de Xubia, que recibe os arroios de Moeche, da Fraga e outros máis pequenos. Unha rede secundaria articúlase sobre o río das Ferrerías, que transcorre polo límite municipal coas Somozas. Por último, aparecen outros cursos menos importantes como Cedo, Barbelos e Pereira. A superficie forestal municipal está en aumento pola repoboación de piñeiros e eucaliptos con fins económicos. Estas especies esténdense facilmente polos montes de baixa altitude de Moeche. Pola contra, o bosque autóctono de carballos e castiñeiros retrocedeu ata o seu actual illamento en enclaves concretos.
Xeografía humana
O concello de Moeche tiña a comezos do s XX unha poboación moi superior á actual, 3.168 habitantes. No último século tivo lugar un forte proceso de despoboamento que non se iniciou con intensidade ata a década de 1950. Desde 1900 o número de habitantes de Moeche aumentou ata a Guerra Civil Española, de forma pausada, xa que o crecemento vexetativo era forte e compensaba a emigración que se realizaba principalmente cara a América. A guerra e a posguerra supuxeron o peche das fronteiras e o momento de maior alzamento demográfico do século. En 1940 Moeche rexistrou a súa cota poboacional máxima, 3.625 h. O descenso comezou a manifestarse na década de 1940, cando se iniciou un éxodo rural cara á cidade de Ferrol, corrente migratoria do campo á cidade que se mantivo ata a crise industrial da urbe ferrolá. En 1950 había unha poboación de 3.432 h, momento en que á emigración cara a Ferrol se uniu a marcha dos nativos cara aos países de Europa Occidental e para traballar na industria eléctrica da localidade das Pontes de García Rodríguez. Esta fuga de efectivos humanos provocou que en 1970 só quedasen no concello 2.434 h, feito que supuxo un descenso do 29,08%. En vinte anos Moeche perdeu case a terceira parte da súa poboación. Cando acabou a emigración seguiu o despoboamento motivado pola caída da natalidade e o avellentamento progresivo da poboación. Esta perda de residentes continuou, e padrón de 2007 chegouse a os 1.441 h. O mantemento dun movemento vexetativo negativo (-16,9‰, 2006) orixina un déficit cara ao futuro poboacional de Moeche. A natalidade é moi baixa, cunha taxa do 4,5‰, e a mortalidade cun 16,4‰. A poboación ata os 20 anos en Moeche supón só o 10,7% do total, mentres que os maiores de 65 anos case dobran a poboación nova e representan o 37,1% (o grupo intermedio representa o 52,3%). A distribución por sexos é a prol das mulleres, que constitúen o 53,43% da poboación (os homes son o 46,56%). Hai unha forte diseminación da poboación de Moeche polos vales do concello, sen ningunha concentración urbana no concello. O núcleo máis habitado sitúase no lugar de San Ramón, na parroquia de San Xoán de Moeche. As vivendas sen ocupar superan as de carácter secundario, sinal do despoboamento que afectou ás parroquias de Moeche onde se abandonaron definitivamente moitas vivendas.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Moeche é do 37,3% (51,1% a masculina e 25,4% a feminina), a taxa de ocupación é do 34,7% (48,1% a masculina e 23,2% a feminina) e a taxa de paro é do 6,9% (5,9% a masculina e 8,7% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte un 23,8% da poboación ocupada no sector primario. O sector terciario reúne o 39,8% dos traballadores e o secundario o 36,4%. A agricultura e a gandaría son a principal ocupación económica, aínda que boa parte dos seus activos traballan fóra do concello. O carácter rural de Moeche matízase pola proximidade da área urbana de Ferrol e da industrial das Pontes de García Rodríguez. As explotacións agropecuarias familiares que representan a primeira fonte de ingresos dedícanse á gandaría bovina, ben á produción de leite, ben á de carne. Cénsanse 1.835 reses de vacún no concello (2001). Pero a meirande parte das explotacións agrarias (151 en total) son explotadas a tempo parcial ou ben pertencen a titulares que superan os sesenta e cinco anos. Esta agricultura entendida como ocupación secundaria céntrase nos cultivos tradicionais do millo, o trigo e as hortalizas, destinados ao autoconsumo e a unha pequena comercialización dos excedentes. Dentro do sector primario destaca o crecente papel das explotacións forestais, que esixen pouca man de obra e ofrecen unha alta rendibilidade económica a medio prazo. Tanto o sector secundario como o terciario apenas teñen representación no concello, e os seus traballadores desprázanse diariamente ás áreas periféricas de Ferrol e As Pontes. Só aparecen algúns serradoiros e empresas de elaboración de mobles. As antigas explotacións de toelo ou pedra de Moeche abandonáronse na maioría dos casos polo esgotamento dos xacementos. O terciario limítase aos servizos comerciais, sanitarios, administrativos e educativos mínimos, sen que apareza ningún lugar central no termo que os concentre. A poboación acode a Ferrol, e secundariamente ás vilas de Ortigueira e As Pontes para a compra de bens e para os servizos máis especializados. A principal vía de comunicación é a estrada provincial AC-642, de Ferrol a Ribadeo, que atravesa a área máis setentrional do concello. Estradas locais e camiños rurais comunican o mosaico de aldeas que constitúen as parroquias de Moeche. A liña de ferrocarril de vía estreita (FEVE) Ferrol-Gijón tamén discorre polo concello cos apeadoiros de Moeche, Labacengos e Entrerrías.
Historia
Os restos máis antigos do concello sitúanse nos castros de Santa Cruz de Moeche, Casablanca, en que apareceron restos de cerámica e varias machadas, O Foxo e Labacengos. O primeiro testemuño escrito data do s VI, nun documento que menciona a parroquia de Labacengos. O nome do concello relaciónase cun cabaleiro chamado Modesto (Vila Modesti) que viviu antes do s X. Visclavara Vistráriz, descendente dos protectores do mosteiro de San Martiño de Xubia, dooulle a este a igrexa de San Xurxo de Moeche en 977. No s XIV Enrique de Trastámara entregou a García Rodríguez de Valcárcel, posterior señor das Pontes, o señorío de Santa Cruz e San Xurxo de Moeche. Durante as Guerras Irmandiñas (s XIV) o exército capitaneado por Roi Xordo destruíu o castelo de Moeche, despois de querer atacar a Nuno Freire de Andrade, instalado na fortaleza de Moeche. Tras a derrota dos irmandiños, eles mesmos reconstruírona, quedando baixo a tutela do conde de Lemos. No Antigo Réxime, as súas parroquias, situadas na provincia de Betanzos, pertencían ás xurisdicións de Cedeira e Moeche, señorío as dúas do conde de Lemos. No primeiro terzo do s XIX, no territorio do actual concello, existían os concellos de Abade e Moeche, e este último absorbeu a Abade en 1836, ano en que se constituíu como concello. En 1845, a parroquia de Recemel integrouse no concello das Somozas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados destacan as igrexas parroquiais de Santa María de Labacengos, San Xoán de Moeche e San Xurxo de Moeche, en que sobresae unha cruz procesional (s XVII) obra do portugués Jorge Cedeira o Novo; as ruínas do castelo de Moeche, na parroquia de San Xurxo de Moeche, que pese a estar derruído conserva a súa planta; e o pazo de Rañal. Do seu patrimonio natural destaca o espazo de Xubia-Castro, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. O terceiro domingo de agosto celébrase o festival irmandiño, inspirado nas Guerras Irmandiñas e durante o que se realiza un simulacro de asalto ao castelo. O 23 de abril, día de san Xurxo, patrón do concello, celébrase unha feira en que se vende gando vacún e cabalar.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 48 Km2 |
| Poboación Total | 1441 h |
| Poboación Homes | 671 h |
| Poboación Mulleres | 770 h |
| Densidade de poboación | 30.02 h/Km2 |