Monagas
Monagas
Estado do NL de Venezuela (28.900 km2; 599.763 h [estim 2000]). A súa capital é Maturín. A maior parte do territorio está ocupada pola rexión de Los Llanos, excepto o N, que abrangue a vertente meridional do Macizo Oriental ou de Cumaná, e o O, onde se atopan Las Mesas. As correntes fluviais seguen a dirección O-L e son, excepto os ríos San Juan e Guanipa, afluentes do Orinoco. O clima é tropical. Os principais produtos agrícolas son o café, a mandioca, o millo, a cana de azucre, o tabaco e o algodón, e conta cunha refinaría de petróleo en Caripio.