Mondariz

Mondariz


Concello da comarca do Condado, situado no S de Galicia e no centro-L da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte, cuxa posición é 42° 13’ 30” latitude N e 8° 27’ 12” lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén (comarca de Vigo), ao S cos da Cañiza (comarca da Paradanta), Ponteareas e Salvaterra de Miño (comarca do Condado), ao L co concello do Covelo (comarca da Paradanta) e ao O cos de Ponteareas, Mondariz-Balneario (comarca do Condado) e Pazos de Borbén. Abrangue unha superficie de 85,1 km 2 cunha poboación de 5.320 h (2007), distribuídos nas parroquias de Frades, Gargamala, Lougares, Meirol, Mondariz, Mouriscados, Queimadelos, Riofrío, Sabaxáns, Toutón, Vilar e Vilasobroso. A súa capital, a vila de Mondariz, dista 45 km de Pontevedra e 115 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo , e ao partido xudicial de Ponteareas.
Xeografía física
O concello de Mondariz está situado ao pé da serra de Suído, cuxos contrafortes ocupan a maior parte do termo, se ben a parte central do mesmo presenta moita menor altitude ao situarse nela, por un fenómeno de antecedencia, o río Tea, que se encaixou nunha fractura tardohercínica de dirección NNL-SSO. No límite N, en plena serra do Suído, acádanse as maiores altitudes (Coto de Eira, 881 m e couto do Corno, 802 m), que son fragmentos residuais dunha antiga superficie de erosión. Nun chanzo inferior sitúase a superficie fundamental superior terciaria (monte Paraquitín, 537 m). Estas superficies de erosión están moi degradadas como consecuencia da acción erosiva do río Tea. A litoloxía dominante é o granito de dúas micas, que na área meridional forma domos con morfoloxías de penedos ou bolos, cunha especial presenza na área da Picaraña (458 m) en Vilasobroso. O clima pertence ao dominio oceánico-húmido e encádrase dentro das variedades galegas no subtipo do litoral das Rías Baixas. A suavidade das temperaturas, influenciadas polos caracteres mariños que chegan a través do val do río Tea, e as elevadas precipitacións favorecidas polos relevos da serra do Suído, son as súas características esenciais. As chuvias superan os 1.600 mm, cun réxime pluviométrico que presenta un marcado máximo invernal (38% das chuvias), e unha acusada seca estival (9%), que se traduce en fenómenos de aridez durante os meses de xullo e agosto. As estacións intermedias repártense o resto das precipitacións (primavera, 26%; outono, 27%). A temperatura, pola súa banda, acada unha media anual de 14,5°C; o inverno é suave, xaneiro, o mes máis frío, ten unha media de 10°C, acadando xullo e agosto, os máis cálidos, os 21°C. A oscilación non supera os 11,5°C. Con este ambiente térmico as xeadas son excepcionais nos vales fluviais, aínda que nas áreas máis elevadas son frecuentes durante o inverno. A rede hidrográfica articúlase arredor do río Tea e os seus afluentes Frades, Pequeno, Longariños e Lordelo (que chegan a formar gorxas bastante pronunciadas), que se instalaron nas numerosas fallas que presentan unha dirección dominante NNL-SSO e N-S, derivadas dos pregamentos hercínico e alpino, que bascularon o terreo en bloques. A serra do Suído, os penedos graníticos da Picaraña e as ribeiras do Tea, presentan unhas excepcionais calidades ecolóxicas e paisaxísticas, aínda que non contan con figura de protección.
Xeografía humana
O poboamento caracterízase pola dispersión dos pequenos asentamentos ao longo dos vales fluviais, quedando as áreas setentrionais e meridionais, máis montañosas, practicamente deshabitadas. A evolución demográfica estivo marcada por un incremento do potencial humano ata 1950 para, a partir dese momento, iniciar un lento pero imparable declive que chega ata o momento actual. Así, desde o primeiro censo de 1887 ata 1900 (momento en que se produce o mínimo poboacional, 4.673 h), a poboación descendeu un 0,3% anual debido á forza da primeira vaga emigratoria exterior galega, dirixida fundamentalmente ao continente americano. A partir dese ano e ata 1950 a poboación non deixará de medrar (0,9% anual). Ata 1930 a emigración era notable, pero existía un forte saldo vexetativo positivo que contrarrestaba as saídas. Porén, a crise económica mundial que xurdiu tras a crise de 1929 e a posterior Guerra Civil, cortaron a emigración, de xeito que a poboación continuou medrando. Xa na segunda metade da década de 1940 algúns países americanos demandaban man de obra e retomouse esa corrente de saída, ralentizándose por este motivo o crecemento no período intercensal 1940-1950 (0,13% anual), circunstancia que non impediu que nese segundo ano se acadase o máximo demográfico municipal (7.093 h). Desde ese ano o colectivo demográfico de Mondariz comezou a decrecer a un ritmo, bastante uniforme, do 0,35% anual. Durante a década de 1950 a emigración cara a América foi intensa, especialmente cara a Venezuela. Na década seguinte, a emigración dirixiuse cara a Europa, ata que a crise do petróleo de 1973 pechou definitivamente os episodios emigratorios exteriores. A partir de entón foron as cidades españolas máis dinámicas, primeiro, e a área de Vigo (Vigo, Mos, Porriño, Ponteareas ou Redondela),despois, os lugares que actuaron como focos de atracción de inmigrantes. En 2006, o descenso é froito do saldo vexetativo negativo (-8,1‰), pois a natalidade é baixa (5,3‰) e a mortalidade elevada (13,4‰), no que inflúe o avellentamento da estrutura por idades, que presenta un 13,2% de menores de 20 anos fronte aos maiores de 65 anos que representan o 26,7%; o grupo intermedio representa o 60,2%. Por sexos dominan as mulleres: 52,42% fronte aos 47,57% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mondariz é do 41,2% (58,6% a masculina e 26,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,9% (52,4% a masculina e 21,7% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 12,8% (10,5% a masculina e 17,2% a feminina). A base económica do concello de Mondariz está sustentada no sector terciario (49,2%). O turismo creceu moito nos últimos anos ao mesmo tempo que o fixo a “cultura do descanso de balneario”, para a que Mondariz e o veciño concello de Mondariz-Balneario están excepcionalmente dotados. A proximidade de Vigo e as inmellorables características naturais do concello favoreceron tamén a instalación de numerosas segundas residencias. Así, dentro das actividades terciarias destaca a hostalaría. Polo que respecta á actividade primaria (7,7%), as características do territorio condicionaron o tipo de explotación dos recursos. As áreas máis fértiles para as explotacións agropecuarias están nas marxes do río Tea, pero tan só supoñen o 6% da superficie municipal, mentres que preto do 50% ten un uso forestal. Os cultivos teñen unha clara orientación económica, e destaca a superficie que se destina ao viñedo, ademais tamén dunha horticultura, moitas veces baixo plástico, con destino aos mercados urbanos. A gandaría non acada unha entidade destacable e a industria (25,6%) tampouco é moi relevante, pero axústase aos recursos endóxenos, destacando a de envasado de augas minerais. Existe un reducido tecido produtivo de talleres e pequenas industrias, das que sobresaen unicamente as de primeira transformación de madeira. A poboación activa trasládase á área metropolitana de Vigo (Porriño, Mos, Vigo ou Ponteareas) para traballar na industria e na construción (17,6%). A principal estrada de comunicación é a N-120 Vigo-Ourense, que circula polo S do concello; desta vía sae outra (PO-262) que leva á capital municipal. Destaca tamén a PO-261 que comunica o concello cos do Covelo e Mondariz-Balneario.
Historia
Poboado desde época castrexa, baixo o dominio romano a Via XVII do Itinerario Antonino, que unía Bracara con Asturica, atravesaba o concello. O castelo de Sobroso, na parroquia de Vilasobroso, dominou o concello na Idade Media. Está documentado por primeira vez na escritura de cesión por parte de Dona Urraca e o seu esposo ao bispo de Tui (1095), e foi escenario das loitas entre o Rei Afonso VII e a súa nai Dona Urraca (1117). No s XIV, Xoán I doouno aos Sarmiento, e no século seguinte, Pedro Álvarez de Soutomaior, intentou apoderarse do castelo en varias ocasións. Durante o Antigo Réxime, o concello pertenceu á provincia de Tui e as súas parroquias distribuíanse nas xurisdicións de Achas, señorío do conde de Salvaterrra; Oliveira, señorío de Don Antonio Montenegro, o conde de San Román e o bispo de Tui; Sobroso, señorío dos marqueses de Sobroso, de la Sierra, Valadares e de Don Xoán de Lago; e o couto redondo de Toutón, señorío de Don Xoán Araujo. O actual concello creouse en 1836, dentro do partido xudicial de Ponteareas. As parroquias de Vilasobroso e Queimadelos constituíronse como entidades locais menores en 1924 e 1925, respectivamente. O 30 de novembro de 1924 unha parte da parroquia de Mondariz segregouse e deu lugar ao concello de Mondariz-Balneario.
Patrimonio cultural>
Os restos máis antigos do concello son as mámoas do Campo de Moure, na parroquia de Mouriscados, os gravados rupestres das parroquias de Mouriscados, Gargamala e Toutón e os castros de Riofrío, Vilasobroso, Toutón, Mondariz, Vilar, Meirol e Lougares, nos que apareceron restos cerámicos, cimentos de vivendas de planta circular e tegulas. No Museo Provincial de Pontevedra atópanse restos cerámicos, unha ánfora, dúas lanzas de ferro e unha estela antropomorfa anepígrafa descuberta en 1958 preto da ponte da Cernadela, de orixe probablemente romana e restaurada no s XV. Tamén destacan os sepulcros antropoides da parroquia de Frades; a igrexa parroquial de San Miguel de Riofrío, en que se atopa unha base de columna visigótica, unha capa pluvial e un pano de cruz do s XVIII; Santa Baia de Mondariz, que conta co sarcófago de Santo Eusebio, datado en 1115, e os dous lenzos Cristo de la humildad e Cristo mostrándole las llagas a Santo Tomás, realizados probablemente por Tiziano ou Murillo; San Cibrán de Mouriscados (s XVII); Santa María de Gargamala (s XVIII); e o monumento ao doutor Rodríguez Fornos, que realizou Asorey en 1925 e que está situado na praza maior. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do río Tea, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Na parroquia de Riofrío celébrase o 6 de xaneiro o Rancho de Reises. Durante o mes de agosto conmemórase na parroquia de Mondariz a Virxe da Pena de Francia e na de Mouriscados as festas parroquiais do mes de setembro inclúen regueifas e unha loita entre mouros e cristiáns.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Condado, O
Extensión 85 Km2
Poboación Total 5320 h
Poboación Homes 2531 h
Poboación Mulleres 2789 h
Densidade de poboación 62.59 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias