Mondoñedo
Concello da comarca da Mariña Central, situado ao N da provincia de Lugo, no NL da Comunidade Autónoma de Galicia, a 43° 25’ 50’’ de latitude N e a 7° 21’ 45’’ de lonxitude O, e a 70 km da capital provincial. Limita ao N cos concellos de Foz e Alfoz (comarca da Mariña Central), ao S cos da Pastoriza (comarca de Terra Chá) e Riotorto (comarca de Meira), ao L co de Lourenzá (comarca da Mariña Central) e ao O cos de Alfoz (comarca da Mariña Central) e Abadín (comarca de Terra Chá). Abrangue unha superficie de 142,7 km 2 , cunha poboación de 4.701 h (2007), distribuídos nas parroquias de Argomoso, O Carme, A Couboeira, Figueiras, Lindín, Masma, Mondoñedo, Oirán, Os Remedios, San Vicente de Trigás, Santa María Maior, Santiago de Mondoñedo, Sasdónigas, Vilamor e Viloalle. A súa capital é a vila de Mondoñedo, na parroquia homónima. Está adscrito á provincia de Lugo, á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Mondoñedo.
Xeografía física
O concello atópase rodeado case por completo por aliñacións montañosas, a excepción da parte nororiental, por onde se abre o val de Mondoñedo, conxunto que se viu afectado activamente pola tectónica. Este relevo montañoso é de características moi diversas e presenta diferentes serras. No S están os contrafortes da serra de Lourenzá que, cunha dirección SSO-NNL, culmina no Padornelo, a 620 m de altitude. Os dous brazos da aliñación deixan paso ao estreito val do Baus que, posteriormente, se encaixa no termo de Lourenzá. Os materiais xistosos e de lousas alternan con bandas calcarias. No O destaca a intrusión granítica da serra da Toxiza, que culmina a 838 m de altitude no pico do mesmo nome, o máis elevado do concello. A dirección desta aliñación é SO-NL, que se levanta cunha forte pendente desde o fondo do val, e que dá paso ao rego de Tronceda que desemboca no Masma. Finalmente, os relevos residuais graníticos do N, alíñanse de O a L pechando o val pola parte setentrional. O concello de Mondoñedo, situado na vertente setentrional das serras setentrionais galegas, posúe un substrato xeolóxico moi variado, onde destacan os xistos e lousas, as intrusións graníticas e as bandas calcarias. A cidade de Mondoñedo emprázase nun pequeno interfluvio entre os ríos Valiñadares, ao L, e Cesuras, ao S. Trátase dunha lomba que vai incrementando a súa altitude cara ao S. O concello caracterízase por estar dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas medias anuais están ao redor dos 13°C, nas áreas de val, e son máis rigorosas na montaña (10-11°C), cunha media invernal de 7,5°C (4-5°C na montaña) e unha media estival de 19°C (15-16°C na montaña). As precipitacións sitúanse sobre os 1.200 e os 1.300 mm no val e son máis elevadas na montaña (1.600-1.700 mm). As xeadas son pouco importantes, pero si as néboas, constantes no inverno por efecto da inversión térmica. O val, que está formado polos ríos Valiñadares e Cesuras, acada unha amplitude considerable na parte central do termo, atravesando a cidade de Mondoñedo, mentres que no S, especialmente o Valiñadares, é moito máis angosto e estreito. Este río foi tradicionalmente aproveitado polos habitantes do barrio dos Muíños para o regadío dos seus cultivos, así como para a construción de muíños, batáns, pozos e aceas para a industria téxtil. Esta unidade está tapizada de aluvións cuaternarios, arxilas e restos da erosión das montañas circundantes.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello foi totalmente regresiva ao longo de todo o s XX. Así, en 1900, a poboación municipal era de 10.590 h, o máximo histórico, pasando a 8.533 h en 1950. Este declive debeuse tanto á emigración desde as zonas rurais, como á perda de hexemonía da cidade episcopal, desde o traslado da capitalidade provincial. Desde 1950 o éxodo rural afectoulle en gran medida ao concello (8.010 h en 1960, 6.989 h en 1970, 5.774 h en 1991 e 5.398 en 1996). Este éxodo afectou tamén á cidade de Mondoñedo, cun descenso continuo ao longo de todo o s XX. A cidade comezou o s XX cunha poboación que superaba a todos os núcleos da súa comarca, e colocábase no terceiro posto na provincia de Lugo, por detrás da capital e de Monforte de Lemos, pero moi por diante de vilas que actualmente duplican a súa poboación, como Burela ou Sarria. En 1900 a poboación era de 3.333 h, pero xa se padecían os efectos do primeiro terzo do s XIX tras a perda da capitalidade provincial e o traslado dos órganos administrativos a Lugo. A escasa capacidade de industrialización da cidade motivou, así mesmo, que os efectivos demográficos non só non creceran, senón que comezaran unha longa evolución descendente. En 1950 a poboación descendeu ata os 2.988 h, a pesar da leve recuperación da posguerra. O éxodo rural, que afectaba a todo o concello, non respectou tampouco á cidade, sendo maior o número de habitantes que partían ca os que entraban. A influencia comarcal de Mondoñedo viuse reducida polas vilas veciñas de Burela, Ribadeo e Foz, en plena expansión nas décadas de 1960, 1970 e 1980. Desde a década de 1980 ata comezos do s XXI, o avellentamento da poboación e a continua corrente migratoria dos máis novos, fixo que a cidade episcopal seguira perdendo poboación. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-12,2‰) a causa dunha baixa natalidade (5,7‰) e unha elevada mortalidade (17,9‰), o que indica o avellentamento da poboación, pois os menores de 20 anos representan o 11% da poboación fronte ao 34% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 55,1%. Por sexos dominan amplamente as mulleres 853,47% fronte ao 46,52%).
Poboamento: evolución do plano urbano
Como cidade medieval, Mondoñedo posúe unha trama irregular ao redor da catedral. Desde os seus inicios no s XII, os cambios que se produciron foron notables. Xa existía unha sé episcopal, pero a construción da catedral e do centro urbano, datan do s XIII. O plano urbano é radioconcéntrico, desde a praza da catedral cara ao exterior da cidade, con rúas estreitas e angostas, e casas e pazos brasonados. A muralla do s XIII que rodeaba a cidade, tiña forma irregular, con seis portas de entrada que non se conservan. As maiores transformacións acontecidas na estrutura urbana de Mondoñedo ocorreron nos ss XVI, XVII e XVIII, cando a cidade se converteu en capital dunha das sete provincias en que se dividía Galicia no Antigo Réxime. Esta época de desenvolvemento urbanístico veu acompañada pola prolongación das súas rúas fóra da muralla (a actual avenida das San Lucas é o camiño de saída da cidade cara a Lugo), completado coa construción do hospital de San Pablo e o santuario dos Remedios. Xa no s XIX, coa perda da capitalidade provincial, a vida económica decaeu considerablemente, o mesmo que sucedeu co desenvolvemento urbano. A muralla destruíuse dado o seu lamentable estado de conservación. No s XX Mondoñedo prolongou a súa decadencia como cidade, cunha moi escasa industrialización e un desenvolvemento urbano bastante precario. A partir da década de 1950 medrou, en certa medida, ás aforas da antiga muralla, no barrio de Viñas da Veiga, así como en certas áreas situadas ao N. O Plan Especial de Protección do Casco Histórico a mediados de 1990, a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en 1985 e a revitalización do barrio dos Muíños, tiveron un efecto moi positivo no patrimonio arquitectónico. Ao mesmo tempo que a perda demográfica, a crise económica e o letargo funcional, foi perdendo posicións na escala de cidades da provincia de Lugo, pasando de ser a terceira a principios do s XX, a ocupar un moi modesto décimo posto cun dinamismo moi escaso. O crecemento viuse acompañado polo desenvolvemento agrario do seu alfoz e das áreas rurais dependentes da cidade (val de Lourenzá, val do Masma). Non obstante, Mondoñedo era por aquel entón unha das cidades máis pequenas de Galicia. Xa no s XVIII, cun verdadeiro desenvolvemento económico da cidade, contaba cunha poboación duns 2.500 h (1752), que se transformaron en máis de 3.000 h a finais desta centuria. Este século de crecemento económico reflectiuse na diversificación económica que sufriu a cidade, no crecemento do sector artesanal e nos pequenos inicios de industrialización. Este carácter da cidade, a súa ligazón coas estruturas agrarias e sociais do Antigo Réxime, a súa ruralización, a existencia dun clero ultraconservador, a falta de innovación produtiva e de transformacións económicas foron factores importantes para entender o comportamento de Mondoñedo durante a Idade Contemporánea. A cidade, por tanto, pasou a ser unha típica urbe administrativa, xudicial e clerical no s XIX cunha función mercantil de cidade secundaria, dunha área de influencia pequena. Por outra banda, a escasa burguesía existente na cidade era de tipo rendista e non apostou pola innovación tecnolóxica, de maneira que a escasa industrialización que se produciu no s XVIII non funcionou ou ben viuse freada polas clases sociais máis retrógradas. O estilo de vida do Antigo Réxime que imperaba na cidade foi o que a conduciu á súa decadencia. A tradición rural da cidade e a decadencia da feira das San Lucas, fixeron que a poboación emigrase, principalmente cara a América e, de forma máis secundaria, cara a outras áreas de España. Durante o s XX, poucas transformacións económicas se deron na cidade. O éxodo rural que padeceu todo o concello, tamén afectou á cidade, cunha continua perda de poboación que levou a Mondoñedo a cifras de poboación moi baixas, semellantes ás de principios do s XVII. Outros feitos relevantes foron a construción da variante da N-634 a mediados da década 1980, feito que lle restou, así mesmo, dinamismo á cidade, pero que logrou mellorar as comunicacións co resto da comarca.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mondoñedo sitúase no 44,2% (53,1% a masculina e 36,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,7% (50,3% a masculina e 32,3% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 7,9% (5,2% a masculina e 11,3% a feminina). A economía de Mondoñedo xira ao redor do sector terciario (44,5% dos empregos), xa que o seu importante pasado agrícola pasou a un segundo plano. A industria ocupa ao 20% da poboación activa e a construción ao 12%. As actividades agropecuarias, a pesar de non ser as que xeran a maior cantidade de empregos, aínda teñen relevancia no medio rural. Os pastos supuñen o 31% da superficie municipal, o que evidencia a importancia da gandaría bovina de aptitude láctea (5.068 cabezas en 2007). Destaca, así mesmo, a produción de hortalizas. A explotación silvícola ten tamén un gran peso no conxunto do sector primario, xa que serve de base ás numerosas empresas de transformación do concello. Deste xeito, o sector secundario está encabezado polas empresas transformadoras da madeira, que dan traballo a un bo número de familias, así como os transformados metálicos, e unha subestación eléctrica da empresa BEGASA. Pero Mondoñedo destaca polo sector terciario. O comercio, por tanto, é un sector de peso, especialmente na capital, e a hostalaría, de gran fama e tradición, ten numerosas licenzas, tamén sobre todo na capital. Os servizos públicos e administrativos destacan sobre o resto, xa que existe ensino secundario, centros hospitalarios e xulgados. Algunhas empresas de transporte tamén teñen sede no concello, dadas as boas comunicacións actuais, situándose na vía de paso entre Galicia e Asturias. A pesar de que a vella cidade de Mondoñedo foi perdendo gran parte da súa funcionalidade ao longo do tempo en favor doutras vilas e cidades, aínda se conservan gran parte das actividades e funcións que sempre mantivo e que a diferenciaron como núcleo urbano. Mondoñedo é un centro terciario de importancia comarcal, aínda que a súa área de influencia está moi minguada pola presenza de vilas como Foz, Ribadeo ou Burela, dotadas dunha maior cantidade de servizos e equipamentos. A poboación que reside na vila dedícase maioritariamente ao sector terciario, sobre todo aos servizos públicos. O comercio, a pesar da clara recesión que sufriu, aínda mantén importancia relativa. Ademais do mercado semanal, existe a denominada feira das San Lucas, o 18 de Outubro, unha feira gandeira de grande antigüidade (remóntase á Idade Media) e de alcance supracomarcal. A pesar da súa decadencia, Mondoñedo está situada estratexicamente no paso natural desde A Mariña ata o interior, no eixe da N-634, que comunica Asturias co interior de Galicia e co N de Portugal. . As principais vías de comunicación son a estrada N-634 (Santiago-Donostia), a LU-160 (Mondoñedo-Ferreira), a LU-131 (Vilanova-Cruz da Cancela) e a LU-124 (Mondoñedo-Vilameá).
Historia
Os restos máis antigos de poboamento remóntase a datas prehistóricas, como as numerosas mámoas e castros atopados, dos que destacan os da Recadieira, do Valiño e Zoñán, nos Remedios. A cidade foi fundada en 1156 polo Rei Afonso VII coa concesión dun mercado mensual e unha feira anual, coñecida como As San Lucas, no lugar onde xa existía un pequeno burgo chamado Vilamaior do Val de Brea. Aquí trasladouse en 1117 unha sé episcopal que antes estaba asentada en Britonia e que despois se trasladou a Ribadeo para volver definitivamente no s XIII a Mondoñedo. A fundación da cidade non foi un feito casual senón que veu acompañada pola fundación de Ribadeo e Viveiro no mesmo século, debido á reorganización territorial do Reino de Castela e á necesidade de reforzamento do poder real por parte dos monarcas casteláns. Naceu como núcleo eclesiástico amurallado e con tradición comercial onde os bispos eran os verdadeiros señores da cidade e organizaban a vida rural da súa zona de influencia ou alfoz case sen trabas. A cidade, rodeada de murallas e cunha estrutura gremial, posuía unha poboación bastante numerosa a finais da Idade Media para un núcleo urbano de tamaño medio. Durante as Guerras Irmandiñas, Pedro Pardo de Cela participou na cidade como opositor ao reinado dos Reis Católicos. En canto ao goberno deste territorio, desde o s XIV existía a figura do concello, aínda que moi mediatizada polo bispo, que elixía alcalde maior, escribáns e procuradores. As revoltas sociais de finais da Idade Media e principios do Antigo Réxime culminaron coa execución do mariscal Pedro Pardo de Cela en 1483. Durante o Antigo Réxime foi unha cidade eclesiástica, cultural e capital de provincia, pero aínda ruralizada e moi dependente do agro circundante. A diversificación profesional da cidade nos ss XVI e XVII estivo moi influenciada polo que acontecía no medio rural. Contaba cun amplo abano de oficios, aínda que o de labrego ou xornaleiro era dos máis numerosos na cidade, o que demostra a importancia da agricultura e a gandaría na súa estrutura produtiva. O sector artesanal era débil e os produtos procedían doutras provincias como Lugo ou Ourense. A produción agraria non era excesivamente grande aínda que había certa autosuficiencia en épocas de boas colleitas. A produción vitícola non era suficiente, pero si a de carne, xa que numerosos veciños posuían gandaría. Ademais contaban cunha excelente produción de cereais e cun bo abastecemento de peixe, garantido pola proximidade de portos como Viveiro, Foz ou Ribadeo. O comercio non era demasiado numeroso aínda que destacaba o pequeno comercio e a venda de panos de Castela. Os gremios tiñan un escaso poder na cidade nos ss XVI e XVII, o que demostra a escasa importancia da artesanía agrupada. Desde o s XVIII desenvolveuse un sector artesanal con pequenos indicios de industrialización e existía unha clara diversificación de actividades a pesar da importancia do rural. No eido do téxtil producíronse innovacións de interese. En 1738 Luís López de Lombardía, indiano da comarca, fundou a Fábrica Real de Holandillas de Mondoñedo para vender en Castela, que producía unha boa cantidade de pezas, aínda que pechou a finais de século. O mesmo sucedeu coa fábrica de sombreiros de Lourenzo de Riba, comerciante mindoniense que non puido soster a escasa produción. Houbo outras pequenas iniciativas como fábricas de vaixelas ou cintas de tea, que non chegaron a bo termo. A partir de 1834 o dinamismo do territorio comezou a caer de forma alarmante ao trasladarse a capital municipal a Lugo. Pasou a un segundo plano e quedou como cidade episcopal e cultural. Durante o Antigo Réxime as parroquias que compoñen o actual concello pertenceron a varias xurisdicións da provincia de Lugo: Mondoñedo á xurisdición homónima, señorío do bispo de Mondoñedo e de don Pedro Baamonde; Argomoso, A Couboeira, Figueiras, Lindín, Santa María Maior, Masma, Sasdónigas, Viloalle e Vilamor á xurisdición de Mondoñedo, señorío do bispo de Mondoñedo; e Oirán ao couto redondo de Oirán, señorío do cabido de Mondoñedo. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e creouse unha división municipal do territorio, concretada na aparición dos concellos de Mondoñedo e Viloalle, pertencentes á xurisdición de Mondoñedo e á nova provincia de Lugo. A derrogación da constitución por parte do Rei Fernando VII supuxo a desaparición destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1835 produciuse a definitiva instauración do municipalismo. Mondoñedo contaba entón coas parroquias actuais agás a de Oirán, que pertencía ao concello de Vilaronte, e as da Couboeira e Masma, ao de Vilanova de Lourenzá. Tras a integración destas parroquias no concello non houbo máis variacións nos seus límites municipais. O réxime liberal posterior á morte de Fernando VII decidiu que o territorio pasase a un segundo plano, con funcións militares e xudiciais, pero xa non administrativas. Por outra parte, o poder eclesiástico saíu beneficiado deste evento, porque o seu poder continuaba a ser forte, sobre todo coa creación da cabeza do bispado, ademais de posuír un seminario de renome.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, hai que destacar que o casco histórico da cidade foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1985 e protexido cun plano especial desde 1990. Da arquitectura relixiosa destacan a catedral gótica de Nosa Señora da Asunción (s XIII), declarada BIC en 1902, o Real Seminario Conciliar de Santa Catarina (s XVIII), o convento da Concepción (s XVII), o convento de San Pedro de Alcántara e o convento dos Picos en Figueiras (ss XVI-XVIII), ademais da igrexa de Nosa Señora dos Remedios de Mondoñedo (s XVIII) e das igrexas parroquiais de Santo André de Masma, Santo Estevo de Oirán e Santa María de Viloalle. Da arquitectura civil destacan a fonte vella e o Consistorio Vello (s XVI), o palacio episcopal (s XVII) e sede, xunto coa catedral, do Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo Santos Sancristóbal, os hospitais de San Pablo e San Lourenzo nos Remedios (s XVIII), os pazos de San Isidro e de Bon Aire, a torre do Gorrete (Masma), a casa do concello (s XVIII), a ponte do Pasatempo, a casa Luances, o pazo de Caión e o conxunto protexido do barrio dos Muíños. Do seu patrimonio natural destacan os espazos da Ría de Foz-Masma e a Serra do Xistral, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas do concello destacan a das Quendas en maio, a da rapa das bestas a principios de xullo, a romaría de Nosa Señora dos Remedios en setembro, As San Lucas entre o 18 e 20 de outubro, declaradas de Interese Turístico Nacional, e o Día do Turista en xullo e agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Mariña Central, A |
| Extensión | 142 Km2 |
| Poboación Total | 4701 h |
| Poboación Homes | 2187 h |
| Poboación Mulleres | 2514 h |
| Densidade de poboación | 33.11 h/Km2 |