Monforte de Lemos
Concello da comarca de Terra de Lemos, situado no centro-L de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 31’ 00’’ de latitude N e 7° 30’ 07’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Bóveda (comarca de Terra de Lemos), ao L co da Pobra do Brollón (comarca de Terra de Lemos), ao S cos de Castro Caldelas (comarca de Terra de Caldelas), Ribas de Sil (comarca de Quiroga) e Sober (comarca de Terra de Lemos) e ao O con Pantón, O Saviñao e Sober (comarca de Terra de Lemos). Abrangue unha superficie de 199,5 km 2 , en que acolle unha poboación de 19.311 h (2007), distribuída nas parroquias de Baamorto, Bascós, Caneda, O Chao do Fabeiro, Chavaga, Distriz, Fiolleda, Gullade, Guntín, Marcelle, Monforte de Lemos, Moreda, As Nocedas, A Parte, A Penela, Piñeira, Reigada, Ribas Altas, Rozavales, San Xillao de Tor, Santa Mariña do Monte, Seoane, Sindrán, Tor, Valverde, A Vide e Vilamarín. A capital está en Monforte de Lemos, na parroquia homónima. Atópase a 127 km de Santiago de Compostela e a 66 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
O relevo do concello está composto por tres franxas con dirección NO-SO, o sector NO, o sector SL e o centro. A franxa NO, bordo oriental das altas terras que separan a depresión de Lemos do canón do río Miño, é de altitudes comprendidas entre os 500 e os 550 m, destacando modestos cumios como o alto de Tor (513 m) e a serra de Cubas (520 m), alternando materiais graníticos e metamórficos. O espazo central, coincidente co sector central da depresión de Lemos, posúe altitudes entre os 300 e os 400 m, predominando materiais sedimentarios, e só posúe certos outeiros froito da erosión diferencial, como San Vicente (363 m), Moncai (526 m), Cornado (475 m), e Valverde (481 m). O sector SL, situado entre a depresión de Lemos e o canón do Sil, é outro bloque erguido e con altitudes en torno aos 600-700 m, dominado por materiais metamórficos e levemente inclinado de S a N, entre as elevacións máis importantes destacan o Bidual (813 m), A Medorra (663 m), Rozavales (648 m), Monsoar (613 m), e As Rochas (681 m). O concello de Monforte está en pleno dominio climático oceánico continental. A súa localización interior, abrigada fronte as masas de aire humidas procedentes do Atlántico, condiciona as súas condicións climáticas de tal xeito que as temperaturas son moi contrastadas entre o inverno e o verán, e as precipitacións caracterízanse por unha forte seca estival. A temperatura media anual é de 13,9°C. A media de xaneiro é de 6,8°C, e a de xullo é de 21,8°C. A amplitude térmica extrema chega aos 27,9°C. A precipitación media anual é de 823 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival (o verán só recolle o 9% das precipitacións anuais) e un máximo durante o inverno (o 37% das precipitacións anuais); en posicións intermedias quedan o outono (28%) e a primavera (26%). A hidrografía vese dominada pola conca do río Cabe, afluente do Sil que drena a depresión de Lemos e as ladeiras dos montes que a delimitan. No seu percorrido polo concello recibe pola esquerda ao Cinsa, que nace a consecuencia da confluencia entre os ríos Barrantes e Veiga á altura da aldea de Cinsa (Baamorto) e desemboca na de Distriz; pola marxe dereita recolle augas do Mao que só nos seus quilómetros finais atravesa terras monfortinas. Fóra dos afluentes sinalados, o Cabe recolle augas de regos de escasa entidade (Rioseco ou Zapardiel). O extremo SL pertence a conca do río San Xoán, que verte directamente as augas do Sil tras drenar terras das parroquias de Marcelle, A Penela e Vilamarín.
Xeografía humana
A poboación de Monforte caracterizouse no s XX pola contraposición entre os primeiros cincuenta anos, de rápido crecemento, e as cinco décadas posteriores, de estancamento, aínda que o balance final é positivo pois a poboación é un 50% superior á de comezos do s XX. As primeiras décadas do s XX foron de crecemento moderado e sometido a fortes irregularidades, con taxas de crecemento interanual cifradas no 0,72% entre 1900 e 1910, no 0,17% entre 1910 e 1920, e no 0,98% entre 1920 e 1930. O momento de crecemento superior do s XX foi a década de 1930, cun crecemento interanual do 3,76% impulsado polo ferrocarril como consecuencia do seu estratéxico papel como centro loxístico na Guerra Civil Española. A década de 1940 amortece o seu ritmo de crecemento, cifrado no 0,20%, ao perder moitas das instalacións militares creadas na década precedente e aparecer certos síntomas de crise na súa economía. A segunda metade do s XX foi de crise polos continuos peches de instalacións ferroviarias e o éxodo rural. A poboación do concello non fai máis que perder habitantes, primeiro a un ritmo moderado grazas á forte incidencia da emigración cara ao exterior e os principais centros de actividade galega e española, cunha variación interanual cifrada no -0,43% na década de 1950, -0,58% entre 1960 e 1970; para logo amortecer entre 1970 e 1981 no -0,07%. As décadas finais do século en pouco variaron a recente e prolongada decadencia demográfica, se a década de 1980 foi de forte recuperación amparada nunha forte inmigración de retorno e cifrada nun 0,58% interanual, a de 1990 foi de rápido retroceso ante a reactivación da emigración e as repercusións do forte avellentamento que deu como resultado unha variación interanual do -0,69%. Os primeiros anos do s XXI caracterízanse polo aumento da poboación e así, entre 2001 e 2007, o aumento foi do 1,15%. Non obstante , o crecemento natural continua a ser negativo, -8,7‰, froito dunha natalidade moderada (6,4‰) e unha mortalidade elevada (15,1‰) que indica o avellentamento da poboación pois os menores de 20 anos representa o 14,6% fronte ao 28,6% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 56,7%. Por sexos dominan as mulleres: 52,32% fronte ao 47,67%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) sitúase no 44,7% (54,9% a masculina e 25,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,8% (49,4% a masculina e 29,4% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 13,4% (10,1% a masculina e 17,8% a feminina). Un dos piares máis importantes da súa economía recae sobre un notable sector servizos, contando co 69,1% da poboación ocupada. Superados os tempos en que a principal fonte de emprego era o ferrocarril, na actualidade as principais funcións terciarias da cidade son o comercio, as actividades sanitarias, a educación e os servizos vencellados á Administración Pública. O brío dos servizos é o resultado da súa conversión no principal referente do terzo meridional da provincia lucense. A agricultura, tras anos de despoboamento das parroquias rurais, só dá emprego ao 6,1% dos traballadores, a pesar da aplicación do Plan de Regadíos do Val de Lemos na década de 1960, aínda que si é altamente significativa a agricultura a tempo parcial como complemento. Destaca a importancia do gando vacún, composto por 4.652 reses (2007) en 224 explotacións; neste sentido cómpre destacar como o espazo destinado a prados e pastos representa o 23,91% da superficie total. Menos relevancia alcanza o porcino, xeneralmente limitado a escasas cabezas por explotación, e quedando limitadas, as granxas de porcino, a tan só 90 prazas reprodutoras e 250 de cebo (2005). Os principais cultivos son os cultivos forraxeiros, a pataca, o centeo, o viñedo e o millo. A superficie forestal alcanza unha gran proporción do concello (ao redor das tres cuartas partes do territorio), predominando o mato fronte a unha superficie de arbolado dominada polas coníferas de repoboación. A industria dá traballo ao 12,9% da man de obra do concello, adicándose predominantemente á industria manufactureira, destacando as industrias lácteas, de curtidos e calzado e de materiais de construción. A construción é unha actividade relevante, emprega o 11,8% dos traballadores e céntrase na intensa actividade edificatoria local impulsada fundamentalmente polos capitais procedentes da emigración, converténdose nun dos puntais da economía local. Monforte é un importante centro de comunicacións do interior de Galicia, tanto viario como ferroviario. Atravésano as estradas N-120 que o comunica con Ourense e Valdeorras, CRG-22 que o une con Lalín e a C-546 que o enlaza con Lugo. No tocante ás vías férreas, unha delas enlaza con Vigo, unha segunda coa Coruña, e unha terceira con Ponferrada.
Historia
Os restos máis antigos de poboamento deste territorio datan de época prehistórica, como as mámoas de Moura, Sampaio e Forcados. De época castrexa atópanse restos como o castro Dactonio, orixe da futura cidade, e onde as fontes romanas sitúan aos lemavos como primeiros habitantes do territorio da comarca de Lemos. Ademais destacan tamén o castro-acrópole de San Vicente do Pino, o castro de Cornado (Reigada), o de Chavaga, o de Babela (Distriz), o de Fiolleda e o de Reguengo (Marcelle). De época romana atopáronse numerosos restos como moedas de ouro da época de Nerón ou aras con inscricións. Durante o dominio dos suevos o territorio pertenceu ao Condado Pallarense e no 569, tras o concilio celebrado en Lugo, quedou unido a esta cidade. No s VIII produciuse o ataque dos musulmáns que destruíron a cidade. Máis tarde estableceuse a comunidade bieita de San Vicente do Pino que dependía do bispo de Oviedo, e en que destacou o abade Espasando. Esta comunidade, fundada no s IX, recibiu privilexios dos señores de Lemos e de monarcas como Fernando II ou Afonso IX. Pero a Historia do concello está moi vencellada aos condes de Lemos. A principios do s XII, en 1104, os condes de Galicia, Reimundo de Borgoña e dona Urraca, concederon aos señores de Lemos Froila Díaz e a súa dona Estefanía Sánchez a fundación de Monforte no emprazamento do antigo castro Dactonio. A cidade estivo marcada durante moito tempo pola súa condición de solar da poderosa casa condal de Lemos o que propiciou a acumulación ao longo do tempo dun extenso patrimonio. O constante labor dos condes, tanto no plano de consolidación do seu poder político como de mecenado artístico, traduciuse na evolución da cidade, convertida nun importante centro agrícola durante o Antigo Réxime. As Guerras Irmandiñas a mediados do s XV tiveron especial virulencia nestas terras. No s XVI o conde de Lemos, Rodrigo Enríquez de Castro construíu o convento de Santo Antón que foi o panteón familiar, pero o condado pasou despois a poder dos Castro e máis tarde dos duques de Alba. Nesta época tamén floreceu o comercio en mans dunha importante comunidade xudía asentada no territorio. Durante a Guerra da Independencia, xa no s XIX, a vila foi asediada varias veces polas tropas francesas. A finais deste século inaugurouse o ferrocarril, o que supuxo unha revitalización para a comarca. As décadas finais do s XIX e a primeira metade do XX foron un período de auxe, e á función de centro comercial dunha ampla comarca agraria e a certa relevancia industrial, uniuse a súa condición de principal centro ferroviario de Galicia. A partir da década de 1950 Monforte de Lemos viviu un período de decadencia orixinado polo progresivo desmantelamento das súas instalacións ferroviarias e a crise da industria do calzado, mantendo só o seu papel de principal centro de servizos para o terzo sur da provincia lucense. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello pertenceron a varias xurisdicións da provincia de Lugo: Baamorto, Chavaga, Fiolleda, A Parte, Rozavales e Vilamarín, á de Brollón, señorío do conde de Lemos e dos seus veciños; Bascós, Caneda, Distriz, Gullade, Guntín, Santa Mariña do Monte, As Nocedas, A Penela, Piñeira, Reigada, Ribas Altas, Seoane e A Vide, á xurisdición do Couto Vello baixo a autoridade do conde de Lemos; Marcelle á do Couto Novo, baixo o señorío do conde de Lemos; Moreda á xurisdición homónima, señorío do conde de Lemos; Tor á xurisdición do mesmo nome, señorío de dona J. Garza; Monforte de Lemos, á xurisdición homónima, señorío do conde de Lemos administrado por un corrixidor; Sindrán á xurisdición de Sober, baixo a autoridade do conde de Amarante; e Valverde ao couto redondo de Valverde, rexido polo mosteiro beneditino de San Vicente do Pino. Así pois o teritorio do actual concello era administrado practicamente na súa totalidade pola casa de Lemos, froito da secular vinculación entre Monforte e a casa dos Castro. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. O actual concello repartía en 1821 o seu territorio entre os concellos constitucionais de Fiolleda, Monforte, Couto Vello e Moreda, pertencentes ao partido xudicial de Monforte. En 1822 estes concellos adscribíronse á nova provincia de Lugo. A derrogación da Constitución de 1812 por parte do Rei Fernando VII (1823) supuxo a supresión destes concellos e a volta do réxime señorial. Coa reforma administrativa de 1835 recuperouse o municipalismo e o territorio monfortino seguiu repartido entre os concellos de Couto Novo, Monforte, Moreda, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober. Finalmente, en 1840, reorganizouse o mapa municipal lucense, configurándose o concello de Monforte de Lemos cos seus límites actuais, que desde 1820 é cabeza de partido xudicial.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no campo da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas parroquiais de Santa María de Baamorto (s XV), San Martiño de Bascós, San Ramón do Chao do Fabeiro (s XIX), San Xoán de Chavaga (s XVIII), Santo André de Distriz (s XVIII), Santa María da Parte (s XVIII), San Pedro de Ribas Altas (s XII) e San Fiz de Vilamarín (s XVII). O convento de Santa Clara (s XVII) alberga un dos maiores museos de arte sacra de Galicia. O colexio da Compañía ou de Nosa Señora da Antiga, contruído entre os ss XVI e XVII co patrocinio do cardeal Rodrigo Fernández de Castro, é o exemplo máis relevante da arquitectura herreriana en Galicia. En 1973 o casco vello da cidade foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), o conxunto monumental de San Vicente está formado polo mosteiro de San Vicente do Pino e o palacio dos condes de Lemos, convertidos en Parador Nacional de Turismo, e pola torre da Homenaxe, pertenente ao antigo castelo, declarada BIC en 1994. Destacan tamén o convento de San Domingos ou da Régoa, do s XVII, o pazo de Tor, a casa do Conde en Ribela, a casa de Sobrado en Chavaga, a torre de Moreda, declarada BIC en 1994, e a casa de Espinosa. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as da patroa, a Virxe de Montserrat en agosto, as de San Mateo e as de San Blas, a romaría de San Mateo da Parte o 21 de setembro, a Feira de Mostras de Val de Lemos en agosto e a Semana Micolóxica Galega en novembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra de Lemos |
| Extensión | 199 Km2 |
| Poboación Total | 19311 h |
| Poboación Homes | 9206 h |
| Poboación Mulleres | 10105 h |
| Densidade de poboación | 97.04 h/Km2 |