monopolio
(< lat monopolĭu < grμονοπώλιον)
-
-
s
m
[ECON]
Forma de mercado na que a oferta se concentra nas mans dun só oferente e a demanda está atomizada. As diferentes configuracións posibles das condicións da oferta dan pé a outras formas de mercado asimiladas con frecuencia a unha definición en sentido amplo do monopolio, como, por exemplo, o duopolio, cando os oferentes dunha mercancía soamente son dous, e o oligopolio, cando se trata dun número restrinxido de oferentes. Do mesmo xeito, cando o mercado se caracteriza pola existencia dunha demanda e moitos oferentes, denomínase monopolio de demanda ou monopsonio. Tamén pode distinguirse entre monopolio natural, cando se fala de recursos naturais dun carácter especial, monopolio económico, cando se trata de organizacións ou empresas monopolistas, e monopolio de dereito, que pode ser privado, como as patentes, e público, como o monopolio do tabaco do estado. O capitalismo monopolista introduce diversas modificacións nas leis que rexen o funcionamento do modo de produción capitalista. En primeiro lugar, altera os mecanismos de formación dos prezos respecto ao capitalismo de libre competencia. En segundo lugar, distorsiona a tendencia á igualación das taxas de ganancia, que é unha das características básicas do capitalismo de libre competencia. En terceiro lugar, afecta ao grao de acumulación, porque, aínda que a parte do produto total destinada a acumulación aumenta en función do volume de beneficios obtidos, maior baixo o capitalismo de monopolio, esta posible tendencia está limitada por dous condicionantes principais. O primeiro refírese ao feito de que o destino desta acumulación non ten por que ser necesariamente o sector monopolizado; o segundo, ao feito de que as empresas monopolistas, entendidas nun sentido amplo, trasladan os métodos da súa competencia das políticas de redución de prezos ás políticas dirixidas a incrementar as ventas. Internacionalmente o proceso de monopolización provocou a aparición de diversos tipos de organizacións monopolistas, entre as que destacan os cárteles de compra e venda, que consisten na agrupación de compradores ou vendedores, respectivamente, dun produto para diminuír, mediante un acordo temporal, o grao de competencia, e os trusts, que son agrupacións moito máis estreitas de empresas baixo unha dirección común para desenvolver e dominar a produción dun produto determinado.
-
monopolio señorial
[HIST]
Monopolio que posuía o señor feudal na creación de establecementos e na explotación de servizos de interese común coma o muíño, o forno e a forxa. A súa explotación directa ou o seu arrendamento a terceiros reportaban ao señor unha parte considerable dos seus ingresos, dado que os habitantes do dominio señorial tiñan que servirse necesariamente dos establecementos ou servizos obxecto do monopolio.
-
s
m
[ECON]
-
s
m
Grande empresa que impón esta forma de mercado.
-
s
m
Dereito exclusivo que alguén ten sobre unha cousa.
Ex: A miña compañeira pensa que ten o monopolio da sabedoría.