Mont-Saint-Michel
Mont-Saint-Michel
Illote granítico situado entre as costas da Baixa Normandía e Bretaña, en Francia, unido ao litoral por un dique de 2 km, construído en 1879, que queda cuberto durante a marea alta. Antigo lugar de peregrinaxe, orixinado na crenza dunha aparición do arcanxo san Miguel (708), o cumio de 50 m de altitude, atópase coroado pola abadía homónima. O mosteiro, cun claustro do s XIII, é un exemplo típico de gótico normando. A poboación, rodeada de murallas, está formada por unha soa rúa de casas do s XV e XVI. Foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, xunto coa súa baía, en 1979.