Montederramo, Santa María de

Montederramo, Santa María de

Mosteiro situado en Montederramo. En 1124 Tareixa de Portugal, filla de Afonso VI, concedeu ao abade Arnaldo e aos monxes beneditinos o lugar de Rovoira Sacrata para fundar un mosteiro, aínda que podían trasladalo a outro emprazamento. O primitivo mosteiro, baixo a advocación de san Xoán, estivo situado en Seoane Vello, tivo priorados nas terras próximas e en 1153 pasou a pertencer á orde do Císter e modificou a súa advocación pola de santa María. En 1528 uniuse á Congregación de Castela e coa desamortización foi abandonado. Tivo unha escola de artes no s XVI. A igrexa medieval foi reedificada por Juan de Tolosa (1598-1607) e está pegada ao claustro polo interior. Ten planta de cruz latina con tres naves de cinco tramos e cinco capelas rectangulares, a central de maior tamaño. As naves están cubertas con bóvedas de cruzaría e sobre o cruceiro érguese unha cúpula sobre pendentes, rematada cunha cupuliña. Destacan a escalinata de baixada á igrexa e a sancristía. A fachada da igrexa é plana e está precedida dun pequeno adro. Está percorrida por dúas faixas verticais que a dividen en tres corpos. O central está franqueado por pilastras estriadas sobre as que se organiza o arco de entrada. Sobre o tímpano atópase unha fornela coa imaxe da Virxe. Os corpos laterais son lisos e teñen dúas ventás. A fachada principal do mosteiro sufriu moitas modificacións e perdeu a simetría orixinal. Consérvanse dous claustros: o máis antigo é de estilo oxival evolucionado, cadrado, de cinco arcos semicirculares e bóvedas estreladas de nove clases; o corpo superior presenta arcos e fiestras tanto renacentistas como barrocas. O outro é cadrado con arcos semicirculares e columnas renacentistas, con medallóns e escudos do s XVI.

Palabras veciñas

Montederramo | Montederramo | Montederramo | Montederramo, Santa María de | Montedison SpA | Montefaro, Santa Catarina de | Montefeltro, ducado de