Monterrei

Monterrei


Concello da comarca de Verín, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia, a 41° 56’ 20” de latitude N e a 7° 27’ 20” de lonxitude O, a 180 km de Santiago e a 69 km de Ourense. Limita ao N cos concellos de Cualedro, Laza e Castrelo do Val (comarca de Verín), ao L cos de Castrelo do Val e Verín (comarca de Verín), ao S con Oímbra (comarca de Verín) e Portugal e ao O co de Cualedro (comarca de Verín). Abrangue unha superficie de 119,1 km 2 cunha poboación de 3.084 h (2007), distribuídos nas parroquias de Albarellos, Estevesiños, Flariz, Infesta, A Madanela, Medeiros, Monterrei, Rebordondo, San Cristovo, Vences e Vilaza. A capital está no lugar de Monterrei, na parroquia homónima. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
O territorio de Monterrei está basculado de L a O, pois é a transición entre o fondo da depresión de Verín e as serras que serven de divisoria coa depresión da Limia. A acción dos cursos fluviais é evidente, diseccionando as liñas dominantes das serras (SO-NL) con vales transversais percorridos por afluentes do río Támega. O territorio pódese dividir en dúas faixas, ambas as dúas de sentido SO-NL; a primeira, máis cara ao O, está constituída polos contrafortes das serras que marcan a divisoria entre as depresións da Limia e Verín, con altitudes comprendidas entre os 650 e os 800 m, só no extremo setentrional rebasa este nivel coa máxima cota do concello, 1.089 m; a porción oriental coincide coa depresión de Verín, prolongada cara ao O por vales tranversais, cunha altitude media que oscila entre os 300 e os 600 m; predominan os materiais sedimentarios e cun relevo cada vez máis achairado canto máis nos aproximamos ao L. O concello de Monterrei está repartido entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. O principal condicionante do seu clima provén do illamento respecto á influencia mariña, ao estar situado nas ladeiras que flanquean a depresión de Verín polo O. A temperatura media anual é de 12,9°C, cunha media en xaneiro de 5,2°C, e en agosto de 20,4°C. A amplitude térmica extrema chega aos 29,1°C. A precipitación media anual é de 683 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, cun 39% de precipitación recollida en inverno, fronte ao 10% en verán, ficando con valores medios a primavera e o outono cun 26% cada unha. A rede hidrográfica articúlase en torno ao sistema fluvial Búbal-Albarellos que conflúen no río Vilaza, que tras un breve percorrido desemboca no Támega. O río Búbal nace en Portugal, drena a metade sur do concello e segue unha dirección SO-NL mentres que o río Albarellos drena a parte setentrional. Esta descrición da hidrografía do concello complétase co río Támega, que delimita polo L as parroquias de Monterrei, Estevesiños e Vences. A vexetación natural está condicionada polas especiais condicións climáticas da depresión de Verín, o que dá lugar á presenza de especies mediterráneas como as sobreiras e as enciñeiras, xunto a outras máis frecuentes no interior galego, como os cerqueiros, e a vexetación de ribeira, como os amierios ou os chopos.
Xeografía humana
A evolución dos efectivos demográficos residentes no concello de Monterrei pódese estruturar en dúas fases ben marcadas. A primeira esténdese a 1940 cando se alcanza o máximo demográfico e caracterízase por unha evolución globalmente positiva; a segunda esténdese polas décadas centrais e finais do s XX e vén definida polas continuas perdas de poboación. O s XX iníciase cun forte crecemento (entre 1900 e 1910 a poboación medrou a razón dun 1,71% interanual), seguido por un estancamento entre 1910 e 1920, rexistrando leves minguas de poboación (-0,20% de crecemento interanual); entre 1920 e 1930 iniciou unha fase de moderado crecemento demográfico (0,55% de crecemento interanual), extraordinariamente acelerado entre 1930 e 1940 (2,03% interanual). En 1940 invertiuse a tendencia, primeiro suavemente (-0,15% interanual entre 1940 e 1950), logo de xeito moderado (-0,58% interanual entre 1950 e 1960), e acelerouse extraordinariamente entre 1960 e 1970 (-1,26% interanual); a partir de 1970 iniciouse un novo ciclo, con perdas modestas entre 1970 e 1981 (-0,30% interanual), acrecentadas entre 1981 e 1991 (-2,61% interanual) e suavizadas de novo entre 1991 e 2001 (-0,60% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -6,63%. Como en tantos concellos da provincia de Ourense a emigración deixou a súa pegada, primeiro cara a América, logo a Europa e ás rexións máis industrializadas de España e finalmente cara a Ourense e Verín, que remataron de trazar un panorama extraordinariamente sombrío. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-16,9‰) froito dunha baixa natalidade (4,4‰) e unha elevada mortalidade (21,3‰). O avellentamento é moi evidente, os menores de 20 anos tan só suman o 9,4% e os de máis de 65 anos acadan o 39,9%; o grupo intermedio representa o 50,6%. Por sexos a poboación está totalmente equilibrada: 50% de homes e de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Monterrei sitúase no 32,2% (41,8% a masculina e 22,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 25,8% (33% a masculina e 18,7% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 20% (21% a masculina e 18,1% a feminina). A agricultura ocupa o 9,7% dos traballadores. A superficie cultivada abrangue o 14,19% do territorio, sendo o principal cultivo o viñedo que é a base dunha importante actividade vitícola a carón da Denominación de Orixe de Monterrei; outros cultivos destacados son a pataca e o millo. Os prados e pastos esténdense polo 8,06% da súa superficie, contando cun total de 815 cabezas de bovino (2007) en gran medida destinadas á obtención de carne. O gando porcino conta cun total de 266 prazas reprodutoras 600 de ceba (2005). A industria dá ocupación ao 22,5% da man de obra, destacando a industria téxtil e unha incipiente industria vitícola. A construción dá emprego ao 20,4% dos ocupados, aínda que a maior parte na edificación da vila próxima de Verín. Os servizos, escasamente desenvolvidos pola súa proximidade á capitalidade comarcal, son a principal fonte de traballo co 47,4% do emprego, sendo salientables os constantes desprazamentos para traballar nos servizos asentados na vila de Verín. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, de Vigo a Benavente, e a estrada N-525, de Santiago a Benavente, ás que se unen as estradas locais e os camiños veciñais que enlazan as parroquias do concello coa vila de Verín.
Historia
Os restos atopados nas terras que conforman o concello de Monterrei testemuñan o seu poboamento, polo menos, desde época prerromana. Esta zona, sometida baixo o señorío do mosteiro de San Salvador de Celanova, foi repoboada polo Rei Afonso VIII en 1150, momento no que se converteu en dominio real. Durante o s XV, e tras a constitución do Condado de Monterrei, estas terras quedaron sometidas baixo a xurisdición de Monterrei, rexida polos seus condes. A importancia desta familia traduciuse non só no poder político, económico e militar, senón tamén cultural, pois no seu contorno xurdiron varias fundacións relixiosas, das que sobresaíron o Colexio da Compañía de Xesús e conventos de orde franciscana e mercedaria, a finais do s XV. Ademais, o castelo dos condes de Monterrei contaba cunha imprenta activa, da que saíron obras como o incunable Misal Auriense (1494). A presenza francesa durante a Guerra da Independencia (1809), unida á política desamortizadora de Mendizábal, desencadearía a decadencia do castelo de Monterrei. En 1820 constituíuse o concello de Monterrei, que foi cabeza de partido ata 1834, cando pasou a formar parte do partido xudicial de Verín.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destaca o castelo de Monterrei, como obra máis representativa da arquitectura civil do concello, así como o pazo de Blanco-Raxoi e a casa dos Limia. Con respecto á arquitectura relixiosa, sobresae especialmente a igrexa de Santa María de Mixós, declarada Ben de Interese Cultural en 1931. Destacan as festgas parroquiais de Vilaza, en agosto, a romaría da Caridade en Flariz, en maio, e a Festa do Emigrante, en Flariz.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Verín
Extensión 119 Km2
Poboación Total 3094 h
Poboación Homes 1547 h
Poboación Mulleres 1547 h
Densidade de poboación 26 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias