Monterroso
Concello da comarca da Ulloa, no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, situado a 42° 47’ 00” de latitude N e 7° 50’ 00” O. Límita ao N con Palas de Rei (comarca da Ulloa) e Guntín (comarca de Lugo), ao L con Guntín e Portomarín (comarca de Lugo) e Taboada (comarca de Chantada), ao S con Taboada (comarca de Chantada), e ao O cos de Antas de Ulla e Palas de Rei (comarca da Ulloa). Abrangue unha superficie 114,6 km 2 c unha poboación de 4.121 h (2007), distribuídos nas parroquias de Arada, Bidouredo, O Bispo, Cumbraos, Esporiz, Fente, Os Ferreiros, Frameán, Fufín, Lavandelo, Leborei, Ligonde, Lodoso, Marzán, Milleirós, Novelúa, Pedraza, Penas, Pol, Salgueiros, San Breixo, Satrexas, Sirgal, Sucastro, Tarrío, Valboa, Vilanova e Viloíde. A súa capital está na vila de Monterroso, na parroquia de Esporiz, que dista 83 km de Santiago de Compostela e 41 km de Lugo. Está adscrito á provincia de Lugo, á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Chantada.
Xeografía física
Xeomorfoloxicamente pertence á Galicia central, concretamente ao val do alto Ulla, onde domina a horizontalidade grazas ao modelado sobre materiais graníticos. A grandes trazos pódese distinguir unha metade occidental; ribeirega do Ulla, cunha altitude media entre os 500 e os 600 m; e unha metade oriental, integrada nas terras altas da Dorsal Meridiana, con altitudes comprendidas entre os 600 e os 750 m. Finalmente, un sector deprimido, entre os 450 e 600 m de altitude media, no seu extremo setentrional, que se corresponde coas terras drenadas por afluentes do río Ferreira. O concello de Monterroso repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. Localizado entre os contrafortes da Dorsal Meridiana e o val do alto Ulla, vese condicionado por unha moderada continentalidade, que modula os seus rexistros termopluviométricos. A temperatura media anual é de 11,9°C, cunha media en xaneiro de 6,8°C, e unha en xullo de 17,8°C. A amplitude térmica extrema chega aos 20,2°C. A precipitación anual media é de 1.305 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, 38% de precipitación recollida en inverno fronte ao 11% en verán, ficando con valores medios a primavera, co 25%, e o outono, co 26%. A súa hidrografía está dominada polo curso alto do río Ulla, que nace entre as parroquias de Viloíde e Os Ferreiros e que, tras percorrer o concello, seguindo unha dirección N-S, o abandona tras recibir os regos Rao e Vilaxoán. O sector máis setentrional correspóndese á cabeceira do río Irixe que, tras atravesalo seguindo unha dirección SO-NL, verte no río Ferreiro, xa na conca do Miño. A vexetación clímax deste concello, carballos e castiñeiros, tapiza as terras baixas, mentres que nas superficies máis elevadas da metade oriental do concello predominan os matos e as plantacións de piñeiros.
Xeografía humana
A poboación de Monterroso caracterízase por unha evolución marcada por dúas fases: unha de crecemento ata 1940, ano en que acadou o máximo demográfico, e outra, a partir dese momento, na que se impuxo un moderado retroceso demográfico. Iniciou o s XX con pequenas perdas entre 1900 e 1910 (-0,17% de crecemento interanual), continuando cun claro estancamento entre 1910 e 1920 (0,09% interanual), e unha etapa de marcado crecemento dos seus efectivos entre 1920 e 1940 (0,88% interanual). Entre 1940 e 1960 coñeceu anos de profunda depresión, vendo descender o seu número de residentes un -0,93% interanual, mingua que continuou máis moderadamente entre 1960 e 1981 (-0,52% interanual). Entre 1981 e 1991 viviu unha recuperación da súa poboación sen apenas relevancia (0,12% interanual), que deu paso a unha continuación da crise demográfica (-0,88 % interanual). A emigración dos anos 1950 a 1970 foi o principal condicionante da evolución da poboación de Monterroso, no que a puxanza da capitalidade non foi capaz de compensar a despoboación dun rural moi avellentado. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-12,1‰) froito dunha baixa natalidade (4,1‰) e unha elevada mortalidade (16,2‰). A poboación de Monterroso está avellentada, pois os menores de 20 anos representan o 15,3% mentres que os de máis de 65 anos son o 30,2%; o grupo intermedio rpresenta o 54,5%. Por sexos a poboación de Monterroso está equilibrada, cun leve predominio das mulleres (50,08%) sobre os homes (49,91%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Monterroso sitúase no 44,2% ( 54,3% a masculina e 34,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,9 % (47,8% a masculina e 30,3% a feminina) e a taxa de paro é do 11,9% (12% a masculina e 11,9% a feminina). No sector primario traballan o 23,2% dos ocupados. A superficie ocupada esténdese polo 27,61% dun territorio no que a suavidade da súa orografía favorece o laboreo das terras. Destacan os cultivos forraxeiros, o trigo, e as patacas, complementados pola importancia acadada polas froiteiras. A orientación da súa economía agraria é netamente gandeira o que se traduce na presenza de importantes cooperativas. Os prados e pastos esténdense polo 25,67% do seu territorio, e o gando bovino está preferentemente orientado á produción de leite en explotacións de tamaño medio. Os aproveitamentos forestais superan os viculados á madeira, destacando algunhas iniciativas derivadas da recolección de fungos e froitos silvestres. A industria ocupa o 17,6% da man de obra, destacando algún taller de cantaría. A construción, alimentada por unha notable actividade edificadora local, supón o 12,1% da man de obra. Os servizos, impulsados pola crecente importancia da vila de Monterroso como capital da comarca da Ulloa, representan o 47,1% do emprego, dos que, á parte dalgúns servizos de carácter educativo ou xuridico-administrativo, destaca a vida comercial impulsada polas importantes feiras. Outro servizo de relevancia é a prisión de Monterroso, destinada a acoller presos de idades mozas. A principal vía de comunicación é a estrada N-640, de Vegadeo a Vilagarcía de Arousa, complementada polas que enlazan Monterroso con Palas de Rei e Taboada.
Historia
Os restos máis antigos de ocupación nas terras de Monterroso remóntanse á época castrexa. Ocupado polos romanos durante a Antigüidade, o territorio estivo atravesado tanto polas vías romanas que unían Lugo con Braga (Vía XIX do Itinerario Antonino) e con Chaves, como polo Camiño de Santiago. Durante a dominación sueva, a diocese de Lugo dividiuse en once condados, un deles coincidía coas terras de Monterroso. Este condado foi testemuña das loitas entre Ramiro III de León e Vermudo II. Durante a Idade Media, o xa desaparecido castelo de Monterroso serviu de núcleo de resistencia contra os ataques a Galicia protagonizados por Afonso I de Aragón, despois de que Pedro Froilaz proclamase o infante Afonso Reimúndez como rei de Galicia, en consonancia coa cláusula de Afonso VI. Aínda así, a forza das tropas aragonesas venceu toda resistencia. Ao longo do Antigo Réxime, as terras de Monterroso repartíronse entre as xurisdicións de Monterroso e a de Ulloa, rexidas polo conde de Monterrei e a de San Miguel das Penas. Desde 1840, A Ulloa integrouse no concello de Palas de Rei e Monterroso constituíuse como concello independente.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan, en arquitectura relixiosa, a capela de San Lourenzo de Pedraza e a igrexa parroquial de San Cristovo de Novelúa, e en construcións civís os pazos da Laxe (1550), de Podente e de San Miguel de Penas, así como a casa-torre de Cumbraos e as torres de Bidouredo, Penas e Fente, todas elas declaradas Ben de Interese Cultural en 1949. Con respecto ás celebracións do concello destacan a de San Miguel Arcanxo, celebrada os días 28, 29 e 30 de setembro e a de San Cristovo, o 10 de xullo. Tamén sobresae a feira celebrada o día 1 de cada mes e especialmente o día 1 de novembro, coñecida como Feira de Santos. A esta sumouse, en febreiro, a Feira do Queixo da Comarca da Ulloa, que se celebra con carácter rotativo en Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, co fin de promocionar o queixo elaborado nesas zonas.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Ulloa, A |
| Extensión | 114 Km2 |
| Poboación Total | 4121 h |
| Poboación Homes | 2057 h |
| Poboación Mulleres | 2064 h |
| Densidade de poboación | 36.15 h/Km2 |