xabón
(< lat tardío sapōne)
-
s
m
[QUÍM]
Denominación xenérica dos deterxentes constituídos por un sal metálico alcalino, amónico ou alquilamónico dun ácido graxo. A súa produción é coñecida desde hai máis de 2000 anos. Orixinariamente empregáronse desde o punto de vista médico e non adquiriron importancia coma axentes limpadores ata os primeiros séculos da era moderna. Problamente, os primeiros fabricantes de xabón empregaron graxas animais engadidas a unha dispersión acuosa de madeira ou cinzas de plantas, que contiña carbonato potásico. Ao ferver a mestura e evaporarse a auga diversas veces, prodúcese unha descomposición natural das graxas, e o ácido graxo constituínte reacciona co carbonato alcalino para formar o xabón. Aínda se seguen fabricando os xabóns por saponificación de aceites e graxas vexetais con hidróxido sódico ou potásico, aínda que na composición final entren outros aditivos. Os xabóns teñen aplicacións na limpeza doméstica, pero tamén como deterxentes na industria téxtil, na do metal e na do papel, aínda que modernamente os deterxentes sintéticos substituíronos en moitas das súas aplicacións industriais. Fálase de xabón brando ou duro segundo que o álcali empregado sexa unha lixivia de potasa ou de sosa. Un dos procedementos máis empregados na súa fabricación consiste na saponificación do corpo graxo, engadindo pouco a pouco a lixivia de sosa quente, da que se obtén unha masa clara, a pasta de xabón, á que se lle engade sal común, que provoca a formación de grumos de xabón sólido que flota na lixivia residual cargada de glicerina. No procedemento de fabricación en frío, empréganse lixivias cun contido de sosa ou de potasa moi elevado, superior ao 30%, que ao reaccionar co aceite proporcionan a calor necesaria, ata os 90°C, para que se produza a saponificación sen achega de enerxía calorífica externa.
Sinónimos: xabrón. -
xabón de xastre
Esteatita pulverizada e comprimida, de diversas cores, que empregan os xastres para facer marcas na roupa.