xeografía

xeografía

(

  1. [XEOG]
    1. s f

      Ciencia que trata de analizar e explicar a localización e a distribución no espazo dos diferentes elementos da superficie terrestre e a súa evolución. O seu obxectivo é a análise do resultado das relacións entre dúas estruturas diversas: a física e a humana, ambas as dúas obxecto de estudo doutras ciencias que analizan aspectos parciais. Os estudos sobre a forma da Terra e a súa posición respecto aos astros foron iniciados polos caldeos, chineses e aztecas, entre outros pobos. Estes coñecementos formaron parte da xeografía pero acabaron desenvolvendo unha ciencia propia, a astronomía. Os gregos aplicaron un gran rigor nos estudos astronómicos e, a súa expansión polo Mediterráneo, levonouno a unha sistematización das observacións de navegantes e viaxeiros. Apareceu entón a corografía e paralelamente, comezou o desenvolvemento da cartografía. As achegas máis importantes na elaboración de itinerarios e descricións foron as de Estrabón e C. Ptolomeo, cuxa concepción, aínda que moi deformada, predominou en Europa ata o s XVI. As organizacións feudais iniciaron, con finalidades impositivas, a elaboración de censos e estatísticas. Nos ss XIII e XIV as organizacións comerciais deron grande importancia á cartografía da costa coa elaboración de portolanos. No Renacemento o antropocentrismo cultural e a extraordinaria expansión dos descubrimentos xeográficos consolidaron a corografía, que tomou o nome de cosmografía. A expansión comercial de poderosas compañías mercantís de base territorial, permitiu o inicio dunha nova xeografía, que se denominou xeografía científica, e cuxo principal expoñente foi Bernhard Varen (1621-1650) que escribiu a primeira xeografía xeral, onde estableceu unha tipoloxía e clasificou os fenómenos. Alexander von Humboldt (1769-1859) fixou a temática da xeografía xeral ao tempo que iniciou os estudos rexionais e Karl Ritter (1779-1859) introduciu o estudo do medio físico co home e a súa actividade. No último terzo do s XIX fixéronse os mapas da maioría dos estados europeos e, coa consolidación do imperialismo europeo e as exploracións de Asia e África, creáronse as sociedades xeográficas. Desenvolvéronse ademais diferentes escolas xeográficas. A escola alemá tivo un carácter marcadamente dirixido á xeografía xeral, sobre todo á física. Os iniciadores foron Richthofen (1833-1905) e F. Ratzel (1844-1904). A escola francesa centrouse na xeografía humana, o seu creador foi Paul Vidal de la Blanche (1845-1918). A escola anglosaxoa estivo influída pola escola alemá. En Reino Unido xurdiu unha corrente socialista, utópica (Ruskin e Morris) ou científica (Engels), que introduciu a preocupación pola busca dun novo equilibrio da paisaxe que a industrialización maltratara. H. MacKinder realizou estudos de xeopolítica e, xunto co seu discípulo A. Hebertson, está considerado o iniciador da xeografía británica, que se caracterizou por un enfoque práctico: o estudo de tipo rexional cunha atención preferente aos problemas económicos. En EE UU o creador da escola foi o xeomorfólogo W. Davis, cuxa influencia desorbitou a importancia da xeografía física. E. Sempel e E. Huntington levaron o determinismo xeográfico a extremos máximos e K. Sauer introduciu o estudo da influencia do home sobre o medio, o que iniciou a xeografía cultural. A influencia das ciencias sociais, especialmente a socioloxía, levou ao estudo das relacións entre o medio e o home e orixinou a ecoloxía humana. A escola rusa deu relevancia á xeografía física. Ao longo do s XX, o avance das ciencias que estudan todos os elementos xeográficos e a necesidade de superar a simple descrición desembocaron nunha nova problemática: a multiplicidade dos saberes xeográficos. A ciencia de síntese desbordouse pola especialización e, sobre todo, pola crise dun concepto básico ata entón: o concepto de rexión.

    2. xeografía biolóxica

      bioxeografía.

    3. xeografía económica

      Rama da xeografía que estuda o home como produtor e os resultados das súas actividades.

    4. xeografía física

      Rama da xeografía que estuda todos os elementos naturais inanimados que constitúen a superficie terrestre, coa finalidade de analizar e comprender o medio onde vive o home e as actividades que este realiza. A diversidade dos elementos de estudo obriga a subdividila en diversas ramas como a climatoloxía e a xeomorfoloxía, que tamén se relaciona coa xeoloxía, incluíndo a paleoxeografía, a hidroloxía e a ocenografía.

    5. xeografía humana

      Rama da xeografía que estuda todo o que está en relación co home e as súas actividades. Segundo os enfoques no estudo do home pode dividirse en: xeografía social, económica e do establecemento humano.

    6. xeografía rexional

      Rama da xeografía que estuda todos os elementos xeográficos que aparecen nun sector concreto da superficie terrestre ou unha parte destes elementos, para poñer de manifesto as interrelacións que se producen.

    7. xeografía social

      Rama da xeografía que estuda o home e os grupos humanos en si mesmos, considerando a existencia e os efectos da evolución e da organización.

    8. xeografía xeral

      Rama da xeografía que estuda un elemento xeográfico ou un conxunto de elementos xeográficos en toda a superficie terrestre para establecer unha tipoloxía determinada.

  2. s f [XEOG]

    Conxunto dos accidentes e características físicas dun territorio.

Palabras veciñas

xeófito | xeófono | xeognosia | xeografía | xeográfico -ca | xeógrafo -fa | xeoide