Xermade
Concello da comarca da Terra Chá situado ao N da Comunidade Autónoma de Galicia e ao O da provincia de Lugo (43° 21’ N - 7° 48’ O). Limita ao N co concello de Muras (comarca da Mariña Occidental), ao L co de Vilalba (A Terra Chá), ao S cos de Vilalba e Guitiriz (A Terra Chá) e ao O coas Pontes de García Rodríguez, (Eume). Abrangue unha superficie de 166,6 km 2 cunha poboación de 2.553 h (2001) distribuída nas parroquias de Burgás, Cabreiros, Candamil, Cazás, Lousada, Miraz, Momán, Piñeiro, Roupar e Xermade. A súa capital é Xermade, na parroquia homónima. Está adscrito a diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Vilalba.
Xeografía física
Xermade constitúe un concello extenso que, a pesar de incluírse na comarca da Terra Chá, non se caracteriza por ser plano. Forma parte do rebordo occidental da comarca que está delimitada aquí pola serra de Carba ao N, con altitudes que alcanzan os 800 m, e a serra da Loba polo O, con altitudes de 700 m, que fai de límite coa provincia da Coruña. Os puntos máis altos do concello son os montes de Peñote (871 m), Candieiro (706 m) e Serrón do Lobo (702 m). Destas aliñacións montañosas descenden numerosos regatos que forman vales estreitos e encaixados. Achegan as súas augas ao río Trimaz, principal curso fluvial, e no S, ao Labrada. Só un pequeno sector do NL verte a súas augas cara ao Eume a través do río Camoselo. O Trimaz percorre o centro do concello con dirección N-S e, ao igual que o Labrada, é afluente do Miño no seu curso alto. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico húmido, aínda que relativizado pola súa condición continental. As temperaturas son suaves no verán e relativamente frías no inverno. A temperatura media anual é de 12,3°C. O mes máis frío é xaneiro con 7,1°C de media, mentres que o máis quente é xullo con 18,3°C. A oscilación térmica é de 11,2°C. Durante o inverno son bastante frecuentes as xeadas. As precipitacións están entre os 1.000-1.200 mm anuais. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno. A mínima rexístrase no verán, presentando un déficit hídrico estival nos meses de xullo e agosto. A tendencia á continentalización destes trazos climáticos aumenta coa altitude nas áreas máis montañosas. A vexetación natural ocupa a maior parte da paisaxe do concello, aínda que nos últimos anos retrocedeu a favor das terras de cultivos e os prados. Predominan sobre as antigas especies autóctonas as árbores de repoboación para a explotación madeireira, piñeiros e eucaliptos. A matogueira atlántica ocupa as áreas máis elevadas e aquelas que sufriron un proceso de dexeneración vexetativa.
Xeografía humana
En 1900 contaba cunha poboación de 4.059 h. Durante a primeira metade deste século o total de residentes creceu constantemente. A forte taxa de natalidade propiciou un elevado crecemento vexetativo que de forma natural, a pesar dun saldo migratorio negativo, facía aumentar o número de habitantes. En 1950 acadouse o máximo demográfico histórico cunha poboación de 5.267 h. A dinámica na segunda metade do s XX cambiou completamente. Os últimos 50 anos foron de forte despoboamento ata chegar aos niveis actuais, cun descenso do 51,53%. Tan só na última década, entre 1991 e 2001, houbo unha perda do 18,54%. Entre 2001 e 2007 a perda cifrouse no 8,48%. O despoboamento iniciouse coa marcha de emigrantes no terceiro cuarto do século pasado, cun éxodo rural cara ás áreas industrializadas de Europa e España. Esta emigración centrouse en adultos de idade nova, repercutindo tanto no avellentamento da poboación como na consecuente caída da natalidade. A taxa de natalidade (2006) sitúase en niveis moi reducidos (3,4‰). A mortalidade, polo avellentamento poboacional, elévase ao 15,4‰, cun crecemento natural negativo, -12‰. A estrutura demográfica reflicte unha media de idade madura. A poboación menor de 20 anos é o 10,1% da poboación fronte ao 36,7% dos maiores de 65 anos e o 53,2% do grupo intermedio. A distribución por sexos amosa unha lixeira superioridade das mulleres (50,73%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Xermade é do 40,7%, (50,5% a masculina e 31,2% a feminina; a taxa de ocupación é do 37,6% (46% a masculina e 29,4% a feminina); e a taxa de paro do 7,6% (8,9% a masculina e 5,7% a feminina). 7A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector primario, pois o 38,5%, traballa neste sector. O sector servizos ocupa o 33,6% e o secundario o 27,9%, repartido entre a industria (12,4%) e a construción (15,5%). Con todo, hai un gran número de xubilados, que non participan destas actividades económicas e basean a súa economía na recepción de pensións. As explotacións agrícolas modernizáronse e melloráronse mediante a concentración parcelaria e unha elevada mecanización. A gandaría bovina para a produción de leite e, secundariamente, de carne é o sector agropecuario máis desenvolvido. Unha relativamente ampla gandaría ovina e, sobre todo, o aproveitamento forestal, completan as actividades do primario. Os outros sectores económicos teñen escasa presenza no concello, e a poboación activa que traballa neles desprázase fóra del. No terciario os servizos concéntranse na cabeceira comarcal de Vilalba. A estrada LU-640, que cruza diagonalmente o concello, é a principal vía de comunicación.
Historia
A antigüidade do poboamento pódese ver nas mámoas (Lousada, Xermade) e castros (Burgás, Cabreiros, Momán), así como nunha lápida votiva que fai referencia a unha vía romana que podía pasar polo concello. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que forman o concello de Xermade pertencían ás xurisdicións de Vilalba, señorío do conde de Lemos; Fraga e Roupar, señorío do conde de Amarante; Lousada, señorío dos marqueses de Valdezarzana e de San Sadurniño; e As Pontes de García Rodríguez, señorío dos condes de Lemos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha organización municipal. Daquela creouse o concello de Lousada. A derrogación da Constitución por Fernando VII en 1823, supuxo o regreso ao Antigo Réxime ata a recuperación do municipalismo en 1835. Daquela formouse o concello de Xermade.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos cómpre destacar as igrexas de Cabreiros, Candamil e Momán, a casa da Torre de Roupar e numerosos cruceiros, nove só na parroquia de Cazás. Celébranse, entre outras, as festas de Nosa Señora en Xermade, as de Pascua en Lousada e as de Santa Olaia en Burgás.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra Chá |
| Extensión | 166 Km2 |
| Poboación Total | 2318 h |
| Poboación Homes | 1142 h |
| Poboación Mulleres | 1176 h |
| Densidade de poboación | 13.96 h/Km2 |