1 xermánico -ca
(
-
[ETN/HIST]
-
adx
Relativo ou pertencente aos pobos xermánicos.
-
s
Individuo do pobo xermánico.
-
s
Pobo indoeuropeo que habitaba Xermania. Malia que de orixe descoñecida, parece ser que se pode identificar a primitiva cultura xermánica cunha civilización do Bronce Final que, partindo dun núcleo situado ao S de Escandinavia, ocupou a gran chaira de Europa Central. Na época de Augusto, o límite meridional do poboamento constituíuno o curso do Danubio ata o final da conca panónica. No s III apareceron confederacións de carácter militar que ameazaron constantemente as fronteiras do Imperio Romano ata a época das grandes invasións dos ss IV e V, que penetraron en territorio romano e constituíron reinos independentes. A súa estrutura social comprendía tres estamentos: a nobreza, os homes libres (guerreiros) e os escravos. Seminómades, con tendencia ao sedentarismo, habitaban en poboados de cabanas illados e en campamentos. A súa economía era rudimentaria e diversa, dedicábanse á agricultura, principalmente de cereais, e á gandaría de bovinos e de equinos. Destacaron como tecedores, metalúrxicos e ourives. Non empregaban a moeda. Elixían os seus monarcas, pero o verdadeiro poder correspondía ás asembleas locais de homes libres. Para a guerra escollían os líderes entre os mellores, e estes rodeábanse dunha comitiva de guerreiros (comitatus). A súa relixión era animista e divinizaba as forzas da natureza.
-
adx
-
dereito xermánico
[DER/HIST]
Dereito dos pobos xermánicos. A forma habitual de ditar este dereito era oral, e estaba ao coidado dos xuíces, escollidos por votación maioritaria entre o pobo. A forma literaria deste dereito chegou coa influencia do dereito romano, razón pola que os dereitos xermánicos escritos adoptaron o latín vulgar. Non obstante, coñécense as excepcións dos anglosaxóns e dos xermanos do N, que empregaban a mesma lingua do pobo para redatar os dereitos propios.
-
estilo xermánico
[XEOL]
Estilo tectónico orixinado nos antepaíses ou nas zonas cratónicas e caracterizado pola presenza de numerosas fracturas e a ausencia de dobramentos.
-
linguas xermánicas
[LING]
Grupo de linguas do phylum indoeuropeo orixinarias dun tronco común non documentado e reconstruído por comparación: o protoxermánico. Adóitase dividir en tres subgrupos: o oriental, xa extinguido, do que se conserva a Biblia gótica, en visigótico, obra de Ulfila (mediados do s IV); o setentrional, ou escandinavo, que xurdiu do nórdico ou antigo escandinavo, e que comprende, por unha parte, o islandés e o noruegués e, doutra banda, o danés e o sueco; o occidental, que comprende o inglés, o frisón, o neerlandés (holandés, flamengo, afrikaans), co seu antepasado, o fráncico, o baixoalemán e o altoalemán, antigo e moderno. En canto ao yiddish, de base xermánica, comporta moitos elementos hebreos e eslavos (ruso e polaco). No campo fonético, o grupo xermánico caracterízase, dentro da familia indoeuropea, por unha reestruturación vocálica, como consecuencia de modificacións de timbre, cantidade e configuración ditongal no sistema orixinario, por unha serie de mutacións consonánticas, das que destaca a lei de Grimm (paso de oclusivas xordas p, t, k, en determinados casos, a fricativas xordas f, d, g, e noutros, a fricativas sonoras b, d, g; paso de aspiradas sonoras bh, dh, gh a fricativas sonoras b, d, g, e finalmente a oclusivas sonoras b, d, g; e paso das oclusivas sonoras b, d, g, a oclusivas xordas p, t, k), a lei de Verner (despois de sílaba átona as aspiradas xordas sonorizan) e a fixación do acento na primeira sílaba radical.