Xesús Cristo
Mesías. Aínda que a existencia de Xesús de Nazaret foi cuestionada por algúns, ninguén a pon en discusión. Ao redor das datas da Pascua xudía (a comezos da primavera) foi crucificado nas aforas de Xerusalén un xudeu a quen chamaban Xesús de Nazaret. Con posterioridade, polo menos no ámbito cultural occidental, este personaxe histórico pasou a ser chamado Xesús Cristo. Sen dúbida, coa pretensión de unir ao seu nome (Xesús) o título de Cristo que parecía ser o que mellor designaba a súa identidade relixiosa tanto no seu Israel natal como no ámbito da Igrexa dos seus discípulos.
O problema das fontes
O primeiro problema que se presenta para coñecer o Xesús histórico é o das fontes. Entre a segunda metade do s I e os comezos do s II, redactáronse, no ámbito das primeiras comunidades cristiás, os Evanxeos. Foron escritos nun xénero literario peculiar que non pode ser entendido como unha biografía no sentido actual. Aínda que case todo o mundo está de acordo en que non se coñece con exactitude o último dos redactores de cada un destes escritos, o certo é que san Mateo, san Marcos, san Lucas e san Xoán, dan nome aos catro Evanxeos que contén a Biblia cristiá. A pesar das dificultades que poden presentar estas fontes son, sen lugar a dúbidas, fundamentais para falar de Xesús Cristo. Por outra parte, existen os Evanxeos apócrifos, chamados así por non ter merecido o recoñecemento eclesial. Case todos eles foron escritos con posterioridade aos anteriores e adoitan levar o nome dalgún apóstolo a quen apelan como autor. Os máis significativos son os chamados Evanxeo de Tomé e Evanxeo de Pedro. Por último, tamén fóra da literatura cristiá, atópanse noticias, aínda que non moi abondosas, sobre Xesús de Nazaret. Especialmente significativas son as sinaladas polo historiador Xosefo Flavio. En conclusión, dadas as fontes coas que se conta, se se quere saber algo sobre Xesús Cristo, máis alá da mera afirmación da súa existencia, hai que internarse no mundo das interpretacións crentes dos seus discípulos tal e como se atopan no Novo Testamento.
Datos biográficos
O Evanxeo segundo San Lucas serviu para situar, aínda que non sexa con absoluta precisión, o momento biográfico de Xesús de Nazaret no marco da historia coñecida da humanidade. Lc 3, 1-2, 15, 21-23 di así: “No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítida, e Lisanias, terceiro tetrarca de Abilene: durante o pontificado de Anás e Caifás, [...] Este era Xesús, que tiña trinta anos ao empezar; fillo, segundo se pensaba de Xosé, que o era de Helí.” A fixación do ano concreto do nacemento vén motivada polo erro que na precisión da mesma deu o monxe Dionisio o Exiguo, que o cifrou no ano 753 da fundación de Roma, que se considerou o ano 1 da era cristiá; pero tendo en conta a información que transmite Lucas, considerando as datas de goberno de Herodes e Tiberio, Dionisio errou en catro anos polo que Xesús tería nacido no ano 4 a C. Ao situar a Xoán Bautista, personaxe indiscutiblemente contemporáneo, próximo e familiar en varios sentidos a Xesús, Lucas indica non só un momento do tempo e un lugar concreto para situar o Galileo, senón tamén o estilo e o propósito que determinou a súa vida de adulto. Marcos precisa máis detalles importantes dos comezos, como a orixe e o lugar da predicación de Xesús e a elección dos seus discípulos (Mc 1, 14-17): “Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, ... Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores. Díxolles Xesús: Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.“ E o propio Lucas concreta na sinagoga de Nazaret a misión á que Xesús se entregou (Lc 4, 18-19): “O espírito do Señor está sobre min porque El foi que me unxiu para proclamarlles a Boa Nova aos pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados e a vista aos cegos, para lles dar liberdade aos asoballados e proclamar o ano de graza do Señor.” Xesús procedía de Galilea, en concreto de Nazaret, unha poboación non moi afastada do lago de Tiberíades, pero o centro da súa vida pública trasladouse á ribeira setentrional deste lago, tamén coñecido como de Xenesaret, en concreto á próxima cidade de Cafarnaum. Alí atopou acollida na casa de Simón (Pedro), e alí estableceu a base do que foi a súa actividade primordial. Xesús converteuse nun predicador itinerante e a súa predicación acompañouse de feitos simbólicos. O núcleo central do anuncio, que comeza pregoando a cantos queiran escoitalo, é o Reino de Deus. A chegada do Reino de Deus, que irrompe coa presenza da súa propia persoa, é a Boa Nova por e para a que El veu. Os relatos das parábolas e dos milagres deben ser lidos nesta clave. Desde o punto de vista temporal, a acción pública de Xesús de Nazaret foi moi curta. Cando empezou a súa predicación debía ter algo máis de trinta anos de idade e, apenas tres anos despois, morreu crucificado en Xerusalén, a uns 100 km de distancia. Desde o primeiro momento, a súa mensaxe foi ben acollida pola multitude. O proxecto e a esperanza do Reino de Deus eran importantes para o pobo xudeu. Agora alcanzábase definitivamente o cumprimento desa esperanza porque o anuncio mesmo do Reino implicaba unha renovada, próxima e sorprendente revelación de Iavé na persoa do propio Xesús de Nazaret. Xesús achegaba aos homes o Deus transcendente e afastado do Antigo Testamento e invocábao como Padre. Elixiu a un grupo de discípulos para formar anticipadamente con El a comunidade signo dese Reino. En definitiva, segundo as fontes o proxecto histórico de Xesús de Nazaret consistía na manifestación de Deus como Padre, na liberación dos oprimidos e na comuñón entre os seus discípulos de maneira complementaria. O ministerio público de Xesús de Nazaret, o seu estilo de vida e a súa predicación profética, abriron graves conflitos que inmediatamente puxeron en perigo a súa vida. A súa postura fronte ao Templo, fronte á Lei e fronte a grupos concretos de representantes ortodoxos do cristianismo, como os fariseos, levándoo á sentenza de morte que executaron os representantes locais do Imperio Romano. O complot e a persecución contra Xesús de Nazaret foron facilmente previsibles e executables. El mesmo foi consciente de que se lle achegaba o momento final. Por iso mesmo, nunha das subidas a Xerusalén polas festas da Pascua, rodeado dos seus e con eles á mesa, celebrou a Derradeira Cea, onde lles deixou aos seus discípulos un dobre mandato de reiteración e seguimento persoal: “facede isto en lembranza miña“ (Lc 22, 19). Introducírase nun conflito de causas sociais, relixiosas e políticas moi graves para o mundo que o rodeaba, e o desenlace final foi a condena e execución como un maldito na tarde do venres santo. Parecía un máis na longa lista de homes anónimos condenados inxustamente ao longo da historia e dos que ninguén gardaría memoria. A data da súa morte tamén suscita controversias entre os estudosos, cifrándoa uns ao redor do ano 30 e outros entre os anos 35 e 40.
A Pascua e a súa significación teolóxica cristiá
O feito da resurrección para o crente é tan real como o feito da morte. Pero a súa aceptación ou non depende da fe. O crucificado en Xerusalén pasou a ser anunciado polos seus discípulos como o crucificado que resucitou e se converteu en señor da historia. A dramática morte na cruz do Nazareno non se pode comprender exclusivamente desde as súas meras causas biográficas. Moi pronto, os mesmos discípulos que o abandonaron na hora da cruz, din ter vivido unha experiencia tan forte que se senten empurrados cunha forza interior renovada a anunciar a este crucificado, non só como o seu Mestre e Señor, senón como quen está vivo e se converteu en cabeza da nova humanidade. Pasados uns días ou, como moito, algún mes desde a crucifixión no Gólgota, os discípulos do Nazareno repartíronse por todas as aldeas do redor e pouco a pouco, en moi curto espazo de tempo, chegaron a Roma. Os discípulos anuncian que o que morreu está vivo, que o viron, que son enviados no seu nome, que a súa cruz segue sendo a dun maldito; pero que ten valor salvífico para toda a humanidade, e que unha nova comunidade é portadora dese anuncio: a Igrexa.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Belén, Palestina