xintoísmo

xintoísmo

(< xap shinto ‘camiño dosdeuses’ + -ismo)

s m [RELIX]

Relixión nacional dos xaponeses, denominada shinto (camiño dos deuses) en oposición á butsudbō (camiño de Buda). Hai un xintoísmo primitivo que se diferenza de moitas outras formas influídas polo confucianismo, o taoísmo e o budismo. Relixión basicamente animista ou politeísta, non ten fundador, escrituras, nin dogmas, pero si unha rica mitoloxía e un culto importante. A noción central é a pureza ritual e física, non moral. Ser impuro é o pecado (tsumi), que pode ser voluntario ou involuntario. O pecador ou contaminado recupera a pureza a través de diferentes ritos, como o harae (exorcismo), o misogi (ablución con auga e sal), o imi (tipo de profilaxe do pecado que consiste nunha abstinencia) e outros. Os documentos máis antigos, o Kojiki (Arquivos de cousas antigas) e o Nihongi (Anais de Xapón), tratan da historia mítica de Xapón a partir da data lendaria da fundación do imperio (660 a C), onde teñen un papel relevante os kami ou deuses, así como os heroes Izanagi e Izanami, a deusa solar Amaterasu e o deus da tempestade Susano-o. O xintoísmo lexitimou o poder imperial (a única dinastía descende de Amaterasu a través de Jimmu Tenno) e inspirou o nacionalismo e o militarismo nipóns. Secularizado despois de 1889, deu orixe ao kwōdō (o camiño do emperador) ou micadismo, segundo o que o micado non é so descendente dos deuses, senón que el mesmo é un deus. Despois da derrota de Xapón (1945), un rescrito imperial (1946) negou a divindade do emperador.

Formas incorrectas

sintoísmo

Palabras veciñas

xinóforo | xinomonoico -ca | Xintai | xintoísmo | xintoísta | Xinxiang ou Sinsiang | Xinyang