Xinzo de Limia
Concello da comarca da Limia situado ao S da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Ourense (42° 02’ 58’’ N - 7° 43’ 14’’ O). Limita ao N cos municipios de Sandiás, Sarreaus (comarca da Limia) e Xunqueira de Ambía (Allariz-Maceda), ao S cos dos Blancos, Baltar (A Limia) e Cualedro (Verín), ao L cos de Sarreaus e Trasmiras (A Limia) e Cualedro (A Limia) e, ao O con Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira (A Limia). Abrangue unha extensión de 132,7 km 2 cunha poboación de 10.022 h (2007), distribuída nas parroquias de Boado, Cima de Ribeira, Damil, Faramontaos, Ganade, Gudín, Guntimil, Lamas, Laroá, Moreiras, Morgade, Mosteiro de Ribeira, Novás, Parada de Ribeira, A Pena, Piñeira Seca, San Pedro de Laroá, Seoane de Oleiros, Solbeira de Limia e Xinzo de Limia. A capital é a vila de Xinzo de Limia, que dista 145 km de Santiago de Compostela e 40 km de Ourense. É cabeceira de partido xudicial. As súas parroquias están adscritas á diocese de Ourense.
Xeografía física
A Limia, cuxo centro se atopa neste concello, é unha depresión de fins do Terciario, enxendrada a partir de fracturas NL-SO. Aparece enmarcada entre os 700 e 800 m (Alto da Medorra, 781 m) polo O e os 900 m polo L e o S (contrafortes setentrionais da serra de Aguioucha, 920 m, e da serra de Cualedro, 1.000 m). Presenta unha grande horizontalidade, aínda que se observan dous niveis: o superior, no sector oriental, que está atravesado polo río Limia, e o inferior, que estivo ocupado en parte pola desecada lagoa de Antela. Polas sondaxes realizadas sábese que os materiais sedimentarios do subsolo presentan un depósito de lignitos a uns 90 m de profundidade, confirmando a existencia de fenómenos de subsidencia na súa formación. A altitude media é de 600 m. A rede hidrográfica, antes marcada pola lagoa de Antela, tras a súa desecación pasou a artellarse arredor do río Limia, que cruza todo o municipio con escasa pendente e con dificultades de drenaxe, o que provoca frecuentes encharcamentos invernais. Pola súa marxe esquerda únenselle varios afluentes que teñen o seu nacemento nas elevacións meridionais: Faramontaos, Nocelo, rego dos Arnos e rego da Ribeira. Climaticamente pertence ao dominio oceánico húmido, e dentro das variedades galegas adscríbese aos climas do interior, subtipo das depresións surorientais de matiz frío. Aprécianse matices mediterráneos, especialmente nas precipitacións, que se sitúan en 921 mm. O réxime pluviométrico presenta un acusado máximo invernal (35% das chuvias), un máximo secundario en primavera (28%), aínda que o outono tamén acada un peso relativo importante (27%). Dáse, ademais, unha acusada seca estival (10%), polo que xordeu problemas de aridez entre xullo e setembro, potenciados pola textura areosa do solo, que impide a permanencia da auga. A temperatura media sitúase en 10,5°C, e non acada valores moi elevados no verán (agosto 17,7°C) debido á intensa irradiación nocturna. A elevada altitude media inflúe en temperaturas invernais baixas (4,5°C en xaneiro). Os fenómenos de inversión térmica con néboas matinais persistentes son comúns, ao igual que as xeadas, que presentan notable risco de producirse practicamente durante todo o ano. Pouco queda da vexetación clímax de frondosas caducifolias con rebolos e cerquiños como especies predominantes. Son abundantes as áreas ocupadas por piñeiros e relativamente frecuentes os soutos de castiñeiros, así como as áreas cubertas por matogueiras, en especial toxos, uces e xestas.
Xeografía humana
A poboación de Xinzo de Limia medrou moderadamente (28%) desde a publicación do primeiro censo, en 1887 (7.451 h). Este aumento demográfico non foi continuo senón que o municipio pasou por fases expansivas e outras de forte descenso demográfico. Así, de 1887 a 1900 o concello perdeu poboación de xeito moi feble (-0,05%), condicionado por unha forte emigración exterior cara a ultramar, que non supuxo unha maior perda de habitantes grazas á existencia dun amplo crecemento vexetativo positivo; pero a partir de 1900 e ata 1920 incrementouse o crecemento natural, froito dun descenso da mortalidade, e aínda que continuaban as saídas emigratorias, o aumento da poboación foi moito máis notable (0,72% cada ano). No período 1920-1930 a emigración fíxose máis intensa e o colectivo poboacional estancouse, de xeito que entre os recontos demográficos desas dúas datas só medrou en tres persoas o número de habitantes. A partir de 1930 cortouse a emigración exterior como consecuencia da crise económica internacional derivada da crise de 1929 e da Guerra Civil, que se acompañou ata 1950 do bloqueo internacional ao réxime franquista. Durante esas dúas décadas a poboación medrou un 1,01% cada ano. Na vila a evolución demográfica foi diferente á do conxunto municipal, pois aumentou o número de habitantes de xeito continuo entre 1887 e 1950 a un ritmo do 1,49% anual. Este crecemento tivo moito que ver co progresivo reforzamento das súas funcións terciarias como cabeceira comarcal da Limia. Unha vez superada a metade do s XX abriuse de novo a posibilidade de emigrar cara a América, de xeito que durante a década de 1950 a poboación descendeu no municipio un -0,52% anual, mentres que a vila tamén se resentiu da forte corrente de saída cara ao exterior, de xeito que entre 1950 e 1960 só medrou un 0,11% cada ano. Na década de 1960 comezou un novo período expansivo no concello (1,01% de crecemento anual ata 1970), no que tivo moito que ver o espectacular incremento demográfico que viviu a vila ao mesmo tempo que foi concentrando toda unha serie de servizos públicos que se uniron á tradicional funcionalidade comercial (a vila medrou de 1960 a 1991 un 2,71% anual). Con todo, de 1970 a 1991 o concello perdeu poboación malia ao notable reforzamento da vila, poboación que marchou cara ás áreas españolas máis desenvolvidas e cara á capital provincial e Vigo. Ademais, desde comezos dos anos 1980 o saldo vexetativo tornouse negativo. Durante o último período intercensal (1991-2001) volveu aumentar poboación, un 0,5% cada ano, ascenso propiciado fundamentalmente polo crecemento da vila (1,74% cada ano). Dende 2001 ata 2007 o concello creceu un 9,06%. Froito desta evolución a estrutura demográfica municipal presenta un forte avellentamento, cun 21% dos habitantes por riba dos 65 anos e un 17,3% por debaixo dos 15 anos e o 59,7% do grupo intermedio.
Por sexos dominan levemente as mulleres (50,65%) froito da súa maior esperanza de vida, fronte ao 49,34% dos homes. O saldo natural é negativo, -3,7‰ (2006) que deriva dunha natalidade baixa (7,5‰) e dunha mortalidade alta (11,2‰) e en aumento como consecuencia do elevado grao de avellentamento.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Xinzo de Limia é do 46,7%, (59,1% a masculina e 36,5% a feminina; a taxa de ocupación é do 41,6% (53,5% a masculina e 30,3% a feminina); e a taxa de paro do 12,4% (9,5% a masculina e 17% a feminina). O sector primario foi ata hai pouco tempo o que aglutinaba a maior parte da poboación ocupada, pero nos últimos anos deuse un descenso vertixinoso dos activos agrarios máis por xubilación dos propietarios de explotacións que polo transvasamento cara aos outros sectores económicos. O descenso da poboación agraria coincidiu cunha considerable mellora na mecanización e co acometemento da concentración parcelaria. O sector primario concentra ao 13,8% dos activos. O cultivo dominante é a pataca, que conta co recoñecemento de ser un produto con denominación de orixe e de calidade. Cultívase principalmente nos terreos desecados que antes ocupaba a lagoa de Antela. Expórtase a toda España e a varios países europeos, pero a altísima produtividade con excedentes continuos leva a frecuentes caídas de prezos que xeran problemas de rendibilidade económica. A actividade gandeira tamén é notable, pois as explotacións tradicionais adoitan posuír varios animais de diversas especies (porcos, aves e reses de vacún) que son destinados preferentemente ao consumo familiar, xa que tamén existen modernas explotacións en granxa de gando ovino, porcino e avícola. A industria concentra ao 14,7% dos ocupados, cunha estrutura produtiva moi vinculada á rama agroalimentaria (embutidos e matadoiros), á da maquinaria agrícola e a vinculada á fabricación de materiais de construción e á extracción de áridos. O crecemento edificativo da vila fai que a construción teña un peso considerable (17%), aínda que as empresas dedicadas a ela son en xeral de pequeno tamaño, con poucos recursos e empregan a traballadores maioritariamente de pouca cualificación. A redución do sector primario supuxo o aumento do peso relativo do resto de sectores, e no que máis se notou o incremento foi nos servizos (54,6%). A tradicional funcionalidade terciaria da vila, que centraliza unha ampla comarca agraria, favorece a concentración dos ocupados neste sector económico. Dentro dos servizos, o comercio é o subsector que sobresae por riba do resto, aínda que tamén son notables a administración pública e a seguridade, a hostalaría, o transporte, a sanidade, a educación, os servizos inmobiliarios e de alugueiro e os servizos empresariais. En comunicacións conta coa estrada N-525 Zamora-Santiago e a Autovía das Rías Baixas (A-52) que une Benavente con Vigo.
Historia
Xinzo de Limia é terra de lendas relacionadas coa lagoa de Antela, entre as que destaca a que di que a antiga cidade de Antioquía estaba situada no fondo da lagoa, pero foi asolagada como castigo polo culto que nela se rendía ao galo. As probas de poboamento máis antigo remóntanse ao Eneolítico, época da que se atoparon piares carbonizados e puntas de frecha tras a desecación da lagoa. Existen tamén restos da cultura megalítica (4500-2000 a C), época á que pertence a Pedra Alta, menhir que serviu de marco divisorio dos concellos de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Sarreaus. Durante a época prerromana estas terras estaban habitadas polos pobos límicos que foron conquistados polos romanos. Ao N do municipio consérvanse restos da Via Nova ou Via XVIII do Itinerario Antonino. Tamén existen restos dunha canle de 26 km que construíran para drenar a lagoa. Sábese polos historiadores da Antigüidade, aínda que sen vestixios arqueolóxicos, da existencia da Civitas Limicorum ou Forum Limicorum. Estrabón relata que Décimo Xuño Bruto acabou coa lenda do río Lethes (Limia), segundo a que aquel que o cruzase esquecería a súa vida anterior. Pola súa situación fronteiriza foi punto de disputa entre o rei portugués Afonso I Henriques e o castelán Fernando II, quen finalmente constituíu as terras da Limia nun condado. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Xinzo de Limia, señorío do conde de Monterrei; Torre de Portela de Limia, señorío do conde de Lemos; Porqueira, señorío do bispo de Ourense; Novás e Mosteiro, señorío dos seus veciños, do conde de Ximonde e de Juan de Gándara; e Xunqueira de Ambía, señorío do bispo de Valladolid. A promulgación da Constitución de 1812 aboliu o réxime señorial e substituíuno pola organización municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos de Xinzo e Moreiras, aínda que logo, en 1822, desapareceu este último e xurdiron os de Fiestras, Ganade, Guntín, Guntimil e Pena. A derrogación da Constitución de 1812 por Fernando VII supuxo a volta ao Antigo Réxime ata que se recuperou o municipalismo en 1835. Formáronse entón os concellos de Xinzo de Limia e Moreiras, que se incorporou en 1927 ao de Xinzo de Limia.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar a igrexa románica de Santa Mariña de Xinzo de Limia (s XII), chamada tamén Igrexa Vella, o antigo mosteiro benditino de Mosteiro de Ribeira, que foi priorado de Celanova, a portada románica de San Tomé de Morgade e na Pena o antigo convento franciscano do Bo Xesús de Trandeiras, no que destaca a portada gótico-plateresca e o claustro. Destacan tamén a torre de Pena da Portela (BIC, 1994), coñecida como o castelo da Porteliña, e os pazos de Gudes e o de Damil, ambos os dous do s XVIII. Destaca tamén a ponte de Faramontaos ou das Poldras. No concello atópase o Museo Galego do Entroido. Celébranse, entre outras, as festas de San Sebastián en Janeiro, San Xoán en xuño, o Corpus Christi, Santa Mariña en xullo, a Festa do Esquecemento en agosto e o Entroido, co domingo fareleiro, o domingo oleiro e o corredoiro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Limia, A |
| Extensión | 132 Km2 |
| Poboación Total | 10022 h |
| Poboación Homes | 4945 h |
| Poboación Mulleres | 5077 h |
| Densidade de poboación | 75.92 h/Km2 |