Xunqueira de Espadanedo

Xunqueira de Espadanedo


Concello da comarca de Allariz-Maceda situado na provincia de Ourense, no SL da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 19’ 30’’ N - 7° 37’ 40’’ O). Limita ao N con Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense) e Parada do Sil (Terra de Caldelas), ao L con Montederramo (Terra de Caldelas), ao S con Maceda (Allariz-Maceda), e ao O con Esgos (Ourense). Abrangue unha extensión de 27,6 km 2 , cunha poboación de 1.002 h (2007), distribuída nas parroquias de Niñodaguia, Os Pensos, Ramil e Xunqueira de Espadanedo. A capital está no lugar de Xunqueira de Espadanedo, na parroquia homónima. Atópase a 136 km de Santiago de Compostela e a 23 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
As terras de Xunqueira de Espadanedo están en plena transición entre as depresións do O ourensán e as montañas que ocupan o centro e L desta provincia, o que se deixa notar na neta diferenciación entre a súa metade NL e o resto do concello. O NL resólvese cun relevo costento, que coincide coa vertente SO do monte de Meda (1.323 m), o que dá lugar a fortes pendentes nun substrato rochoso granítico. O resto do concello é unha franxa, de altitudes máis modestas, subdividida en dúas partes: dunha parte o bordo máis setentrional da depresión de Maceda e, doutra, os relevos que a separan da depresión de Ourense. Na depresión de Maceda, que ocupa o cuadrante SL do concello, as altitudes atópanse entre os 500 e os 600 m, con pendentes moderadas froito do predominio de materiais sedimentarios arxilosos terciarios e cuaternarios. Os relevos que delimitan as depresións de Maceda e Ourense apenas destacan sobre as chairas circundantes con altitudes arredor dos 600-700 m (Alto do Couso, 701 m), e desenvólvense sobre materiais graníticos moi alterados. O concello está repartido entre os dominios climáticos oceánico continental e oceánico de montaña. Caracterízase por temperaturas extremas e precipitacións moderadas. A temperatura media anual é de 10,5°C con 4,3°C de media en xaneiro e 17,8°C en xullo. A amplitude térmica extrema chega aos 24,7°C. A precipitación media anual é de 1.038 mm, cunha distribución estacional caracterizada pola concentración das precipitacións en inverno, cun 37% das precipitacións, fronte a unha notable seca estival, con só o 7%; con valores intermedios fican o outono, cun 29%, e a primavera, co 26%. A rede hidrográfica esta protagonizada pola cabeceira do río Maceda, que tras nacer no extremo setentrional do concello, nas abas do monte Meda, o percorre de N a S; cara a Maceda diríxese o río Niñodaguia. A vexetación clímax está moi alterada pola acción humana, as plantacións de piñeiros case substituíron as especies autóctonas, só representadas por zonas illadas de cerqueiros e sobreiras, e os frecuentes lumes converteron amplas superficies en matogueiras (xestas, carqueixas, piornos).
Xeografía humana
A poboación de Xunqueira de Espadanedo permaneceu estable con apenas oscilacións ata 1950 e acadou o seu máximo en 1920. A partir de 1950 a situación mudou radicalmente e comezou a perder habitantes. O s XX iniciouse cunha poboación estancada (0,16% interanual entre 1900 e 1920), para iniciar un moderado retroceso entre 1920 e 1940 (-0,56% interanual) compensado parcialmente polo crecemento sufrido entre 1940 e 1950 (0,51% interanual). A partir dese momento comezou a perder poboación, máis rápidamente nas décadas centrais (-1,24% entre 1950 e 1970), e de xeito menos ostensible entre 1970 e 2001 (0,67% interanual). Entre 2001 e 2007 perdeu o 5.91% da población. A taxa de natalidade (2006) é do 3‰ e a de mortalidade do 15‰, o crecemento natural é negativo, - 12‰. Os maiores de 65 anos son o 30,4% da poboación fronte ao 10,4% de menores de 20 anos e o 59,2% do grupo intermedio. Por sexos, a poboación está lixeiramente desequilibrada a favor das mulleres co 50,99% fronte ao 49% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 41,2% (54,6% a masculina e 28,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,2% (49,2% a masculina e 24% a feminina) e a taxa de paro é do 12,1% (9,8% a masculina e 16,1% a feminina). O sector primario é unha actividade escasa que só ocupa ao 8,3% da poboación activa. A superficie cultivada representa o 10,72% do territorio, ocupado en gran medida por plantas forraxeiras (37,16% do labradío) e por millo (26,35%) e pataca (15,54%). Os prados e pastos abranguen o 15,18% do seu territorio. O armentío está composto por 573 cabezas (2007), preferentemente destinadas á produción de leite. O gando porcino está composto por 2.870 cabezas (2005) destaca o papel das granxas asociadas á cooperativa Coren. A industria acolle ao 18,1% da man de obra e nela destacan as empresas de materiais de construción. A construción dá emprego ao 19,2% da man de obra con algunhas construtoras radicadas no concello, mentres que os servizos dan ocupación ao 54,4% dos traballadores, cun equipamento terciario case inexistente. A principal vía de comunicación é a estrada OU-536, de Ourense á Rúa.
Historia
As primeiras manifestacións de poboamento nas terras do concello datan de época prehistórica e destacan vestixios como a mámoa de Veigachá (Niñodaguia). A súa proximidade á Ribeira Sacra favoreceu a construción, durante o s XII dun cenobio, o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, pertencente á orde de San Bernaldo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Xunqueira de Espadanedo pertencían ás xurisdicións de Xunqueira de Espadanedo, señorío do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo; Maceda de Limial, señorío do conde de Maceda; e o couto redondo de Niñodaguia, señorío do bispo de Ourense. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio ata 1823, cando foi restaurado novamente aquel por Fernando VII. Pertenceu ao partido xudicial de Maceda de Limia desde 1820 e ao partido xudicial de Allariz desde 1834. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Xunqueira de Espadanedo, que desde entón se incrementou cunha parroquia, Os Pensos, que compartiu co concello de Esgos, onde se atopa a maior parte do territorio da mesma. Desde 1965 pasou a depender do partido xudicial de Ourense.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueológicos mencionados, destaca o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo (BIC, 1981), as igrexas de Santa María de Niñodaguia e San Miguel de Ramil, e o viaduto de Xunqueira de Espadanedo. Celebra as festas relixiosas de Santo Antonio e Santa Isabel, na capital municipal; Nosa Señora dos Remedios en Niñodaguia; San Pedro en Ramil e San Pedro Fiz en Pardeconde (Os Pensos). Tamén destaca a Festa do Emigrante, en agosto, ou a Exposición de Artesanía, promovida pola Asociación de Alfareiros.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Allariz-Maceda
Extensión 27 Km2
Poboación Total 1002 h
Poboación Homes 491 h
Poboación Mulleres 511 h
Densidade de poboación 37.11 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias