Baamonde

Baamonde
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica. Remite ao nome de lugar Baamonde, que é un antropotopónimo formado a partir do xenitivo do nome persoal de orixe xermánica Badamundus, composto polo xermánico *badu (procedente do gótico *badu- ‘loita’) e -mundus (derivado do gótico mund- ‘man, protección’). Este apelido de orixe galega xa se documenta no s IX: “hereditas de Vimara Badamondi” (doc ano 1062 en J. Mª Andrade Cernadas O tombo de Celanova, 1995, p 50), “Vaasquo Peres de Uaamonde” (doc ano 1390 en Mª Luz Méndez Fernández Contribución ao estudo dun libro das Tenzas da Catedral de Santiago. Edición crítica e estudo dos folios 1 a 27, 1991, aV). Con moita frecuencia aparece grafado cun v- non etimolóxico (Vaamonde) ou mesmo cun -h- epentético (Bahamonde).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe procedente da ilustre casa de Ortigueira. Segundo algúns investigadores o tronco desta familia foi o antigo conde de Lugo, Ero, mentres que outros opinan que esta estirpe descende do conde Rodrigo de Romaes, señor de Monterroso e fillo do conde Román Bermuiz, que casou coa infanta de Inglaterra Milia (Milla ou Mencía). Hai quen opina tamén que os membros desta caste tomaron o nome da vila luguesa de Baamonde por apelido. Un dos primeiros lugares onde se asentaron foi en Ribadeo; logo establecéronse noutros moitos sitios como Lugo, Lourenzá, Ares, Mondoñedo, San Xoán de Ouces (Bergondo), Melide ou no condado de Monterrei. Tamén se espallaron por toda a Península e mesmo pasou unha rama a terras americanas, establecéndose en Chile e no Novo Reino de Granada. Os Baamonde levan como armas: en campo de azul, unha letra M de ouro, coroada do mesmo metal e bordo de goles con sete peixes de prata. Outra variante trae: en campo de ouro, tres matas de ortigas de sinople, sobre rochas, con cadansúas tres follas ao natural, postas en faixa e colocadas sobre ondas de auga de azul e prata, nas que flotan uns peixes; o bordo é de ouro e vai cargado con sete peixes de goles. As ortigas, as rochas e as ondas representan o cabo Ortegal, detalles que aparecen tamén nos brasóns dos Ortigueira, Gallego, Fajardo, Viveiro, Lugo, Leal, Zatico, Ortigosa e Señorino, os cales, segundo algúns investigadores, proveñen dun neto do conde Rodrigo de Romaes e de dona Milia; debido a esta similitude de orixe é probable que fosen empregadas polos Baamonde como emblema. O marquesado de Baamonde foi concedido polo Papa Pío IX o 28.6.1864 a favor de Teófilo Rodríguez Baamonde de Castro e Limia, e autorizado en España o 14.12.1864. As armas do marquesado son as mesmas ca as de Baamonde.