babuvismo
(< antropónimo Babeuf +–ismo)
Doutrina de François Noël Babeuf que proclama a igualdade política, social e económica de todos os homes: a sociedade debe garantir o dereito que todos os homes teñen a satisfacer as súas necesidades e a gozar dos bens da natureza; os bens teñen que estar postos en común; a terra non é de ninguén; os froitos son de todos; os salarios teñen que ser iguais; o goberno ten que controlar a economía para manter a igualdade, confirmada por unha educación común. Herdeiro do comunismo moralista de Kant, este igualitarismo, sintetizado a finais do s XVIII no Manifesto dos Iguais, de formulación e solucións utópicas, representa non obstante o primeiro intento de converter unha filosofía socialista nunha acción política: o primeiro partido comunista operativo, segundo Marx. Esquecido despois da desaparición do fundador, renaceu como neobabuvismo entre 1830 e 1868 como a última axitación dos xacobinos.