Bacillus
Bacillus
[MONERA]
Xénero de bacterias, da familia das baciláceas, xeralmente Gram-positivas (aínda que en cultivos vellos o carácter Gram pode variar), en forma de bastonciño, móbiles con flaxelos perítricos, capaces de formar endosporas, que poden ser aerobias estritas ou aerobias facultativas. O máis patóxeno para o home e para os animais é o B. anthracis, o axente causante do ántrax. Hai bacilos patóxenos para os insectos que son utilizados na formulación de bioinsecticidas, como o B. thurigiensis var israelensis, de grande eficacia contra larvas de mosquito, e o B. thuringiensis var kurstaki, eficaz contra larvas de lepidópteros. Algunhas especies son produtoras de antibióticos como a bacitracina, a polimixina, a tirocidina, a gramicidina e a circulina.