bactericina
(< grβακτηρία ‘bastón’)
Familia de péptidos extracelulares que producen moitas especies de bacterias Gram-positivas, con actividade bacteriostática ou bactericida fronte doutras especies Gram-positivas, e máis raramente Gram-negativas. O seu modo de acción semella estar vinculado á despolarización da membrana celular, polo que a súa actividade resulta potenciada por axentes quelantes, secuestradores de ións divalentes. A produción de bactericinas detectouse en numerosas especies bacterianas, principalmente no grupo das bacterias do ácido láctico, e xoga sen dúbida un importante papel na probiose. Parece probable que diferentes especies de bacterias produtoras de diferentes tipos de bactericinas poidan formar asociacións nas que se toleran mutuamente, pero exclúen con alta efectividade outras especies patóxenas, como o caso das poboacións microbianas da flora intestinal. A bactericina máis coñecida é a nisina, pero cómpre salientar outras como a subtilina, a estafilococcina, a gallidermina, a salivaricina, as lactococcinas, as pediocinas, as sakacinas, as curvacinas, as carnobactericinas ou as piscicolinas. As bactericinas diferéncianse pola estrutura, o espectro de acción, a codificación por xenes cromosómicos ou plasmídicos e a sensibilidade fronte diferentes tipos de proteasas. O feito de seren degradables polas proteasas intestinais, que lles restou interese clínico como antibióticos, é o que lles está a dar unha importancia crecente como aditivos alimentarios. No Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Vigo desenvolveuse unha técnica que multiplica a produción de nisina e outras bactericinas nos cultivos das correspondentes bacterias.